Austeridade ou estímulo fronte á crise: a proba de lume

Publicado en Sistema Dixital o 2 de setembro de 2010 e en Ganas de escribir (páxina web de Juan Torres López, o autor do artigo).

Mentres que en Estados Unidos está a discutirse a necesidade de pór en marcha novas medidas de axuste e unhas decenas de eminentes economistas, entre os que se atopan varios premios Nobel, asinaron un manifesto reclamando máis estímulo gobernamental e créditos fiscais para “pór a América a traballar de novo” (en http://bit.ly/9q9vOE), en Europa vólvese ao fundamentalismo da estabilidade orzamentaria.

En ambas as zonas percibiuse hai uns meses que as taxas de crecemento do PIB recuperábanse e máis ou menos ao mesmo tempo os bancos e as grandes empresas volveron non só a ter altos beneficios senón a recobrar a influencia política e o poder de decisión dos tempos anteriores ao estalido da crise. A emisión da débeda pública en mercados moi especulativos e oligopolizados onde a banca e os grandes financeiros teñen a última palabra deulles aínda moita máis forza e así puideron impor aos gobernos medidas de axuste coa escusa do efecto negativo da débeda sobre o crecemento.

É unha razón falsa para encubrir o que xa se fixo noutros momentos e latitudes: utilizar a escravitude da débeda (agora, como case sempre, xerada como resultado dunha crise que provocou a banca) para impor medidas de axuste que reforcen o poder dos bancos e grandes empresas e que cren mellores condicións para a rendibilidade do capital.

Sabemos que con elas non se vai conseguir que a economía mellore porque se comprobou infinidade de veces que sempre que se adoptaron medidas deste tipo o que ocorreu sen excepción é que a produción e o consumo se resenten e non crecen. E así ocorrerá agora con máis razón porque nin sequera é certo que a economía se recuperase o suficiente como para que o estímulo sexa xa innecesario.

A proba é que quen as propoñen non están en condicións de ofrecer nin unha soa razón consistente que xustifique a súa bondade a medio e longo prazo. As palabras do ministro alemán de Finanzas Wolfgang Schäuble para xustificar un novo recorte dos 80.000 millóns de euros que suporá novas perdas de salario e dereitos sociais son patéticas e expresivas da súa falta de argumentos serios: “En Alemaña un dos obstáculos máis grandes para o crecemento económico é a crecente incerteza da xente en canto ao déficit”.  Para entender a natureza e as consecuencias que van ter estes recortes (incluído, por suposto, o español) hai que ter en conta algunhas consideracións elementais.

Primeiro, que non é certo que as economías europeas entraran en fase de recuperación porque as taxas positivas de crecemento do PIB son baixas e só o resultado do estímulo esóxeno producido polo incremento anterior do gasto. En canto o seu efecto vaia desparecendo como consecuencia do recorte, a actividade comezará a vir de novo abaixo.

Segundo que, mesmo aínda que seguise crecendo notablemente o PIB (como agora ocorreu en Alemaña) durante dous ou tres trimestres, non se pode identificar iso cunha recuperación efectiva e que vaia a poder ser sostida porque esta non se poderá dar mentres non se produzan cambios moito máis profundos no modelo de crecemento. A maior parte do incremento de actividade que se produciu como consecuencia do estímulo estivo vinculada a sectores e actividades que reproducen a tónica anterior do crecemento e que foi concausante da crise. A súa pervivencia, unida á ausencia de reforma financeira algunha, supoñen, pola contra, unha ameaza bastante segura de que volvan darse novos episodios de crises a curto e medio prazo.

En concreto, mentres non se consolide a lóxica produtiva que finalmente vaia a imporse non se poderá producir unha recuperación efectiva e potente do emprego porque as empresas enfróntanse a unha gran incerteza. E esta non ten que ver nada co déficit, como di arteramente o ministro alemán, senón coa demanda e coas posibilidades efectivas de financiamento. A enorme presión exercida este verán polos construtores españois para lograr que o goberno limitase o recorte de gasto que lles afecta (e, por tanto, completamente alleos ao maior déficit que iso puidese producir) é boa proba de que ese ministro, e quen defenden o mesmo que el, ou non entenden nada de economía ou non teñen reparos en enganar á xente da forma máis descarada.

Terceiro, que aínda non se recuperou o fluxo de financiamento que require a actividade empresarial e o consumo, o que significa que diminuír o gasto, cando non hai emprego suficiente, cando o beneficio das grandes empresas non vai ao investimento produtivo senón que se utiliza para concentrar capital e controlar mercados ou para alimentar a especulación financeira, e cando hai déficit de capital social moi importante, non pode provocar senón que caia de novo a actividade ou que non se recupere aos niveis anteriores.

Finalmente, a actitude dos diferentes gobernos europeos que agora impoñen recortes de gasto é equivocada porque non teñen en conta que se hai un prerrequisito fundamental da recuperación é a adopción de medidas coordinadas a escala global. Actuar con diferente orientación e velocidade, sen marcar unha orde de escuadra apropiado é o peor que se pode facer se se quere dar solución efectiva aos problemas propios e aos xenerais. Co axuste que levan a cabo estes gobernos para someterse aos intereses do capital máis poderoso están a situarse na dirección contraria á do resto das potencias económicas e Europa vai pagar por iso un prezo moi alto económica, social e politicamente. Van garantir beneficios aos bancos e ás grandes empresas pero á conta de reducir o mercado interno e de producir un empobrecemento xeneralizado, non só dentro de Europa senón en todo o Planeta.

Ademais, pisar o freo do gasto cando a economía xustamente carece de demanda suficiente é reforzar a dinámica do ciclo, en lugar de contrarrestalo, e sabemos perfectamente que esas medidas de axuste aplicadas con carácter prol-cíclico teñen un efecto negativo aínda peor, como se puido comprobar recentemente en Lituania ou Irlanda.

As políticas de austeridade que volven impor os fundamentalistas (os “austerianos”, como os denomina Paul Krugman) non son, pois, verdadeiras respostas á crise como se quere facer crer á cidadanía senón todo o contrario, son un programa de axuste máis como os que noutras ocasións aplicáronse en América Latina, África ou Asia e que sempre provocaron menos crecemento, máis desigualdade e atraso económico.

Gustaríame equivocarme pero o que vai ocorrer se os gobernos europeos, e concretamente o español, seguen con estes recortes é que a actividade se vai a resentir xa neste segundo semestre do ano, que vai perderse máis tecido produtivo, que vai aumentar de novo o desemprego e a desigualdade e que vai producirse outro retroceso social sen outras contrapartidas que as que reciben a banca e a gran empresa.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: