“A economía solidaria é xa alternativa ao capitalismo”

A economía solidaria e alternativa ten un maior auxe en momentos onde se aprecia con rotundidade que o capitalismo é unha maneira de crear desigualdade e pobreza. Carlos Askunze destaca esa visión e para explicar exemplos válidos, a súa agrupación iniciou unha campaña apoiada en videoclips.

[Juanjo BASTERRA] A economía alternativa e solidaria ábrese paso nos nosos días, porque unha parte moi importante da poboación mundial se deu conta de que o modelo capitalista e neoliberal só está a provocar o aumento das desigualdades e, doutra banda, fai recaer as consecuencias da crise, que xera cada certos períodos, cada vez máis curtos, na clase traballadora e nas clases populares. Os poderosos contan coa vantaxe de ter a case todos os gobernos “comendo da súa man”. Carlos Askunze reclama unha economía con cara e ollos. Ese é o reto da humanidade.

Que é a rede de economía alternativa e solidaria (REAS) e a cantas organizacións agrupa neste momento?

Agrupa a 47 empresas e entidades. Nacemos en 1997, co obxectivo fundamental de estender o concepto e a práctica alternativa de levar adiante a actividade económica cunha visión máis solidaria da economía. Definímolo dicindo que entendemos a economía solidaria como unha visión e unha práctica que reivindica as diferentes facetas da economía: sexa o financiamento, a produción, a comercialización e o consumo como medio e non como fin, pero sempre ao servizo das persoas e dos pobos

Rompe co concepto da economía capitalista que xerou o neoliberalismo?

Si. A nosa rede rompe a lóxica do sistema capitalista que o que propón é que a súa actividade económica  se vincule de forma directa e, sobre todo, á maximización de beneficios, como fin último. Para ese modelo inxusto, as persoas, as comunidades e os pobos son meros medios nesa engrenaxe. 

Ante a crise actual, é máis necesaria que nunca unha economía solidaria e alternativa ante o fracaso do capitalismo?

Entendemos que si. Agora fálase moito da crise económica, pero en realidade, sobre todo, foi unha crise financeira. Pode ser conxuntural, que se pode pasar como noutros momentos pasou tamén, pero o que pensamos é que detrás diso hai crises máis profundas que están nos mesmos xenes do sistema capitalista. Cremos que existe unha crise de modelo, falando dunha crise de civilización, porque detrás desta crise financeira recente hai outra crise alimentaria, outra ambiental, outra de valores, que son de longo percorrido e que está no inicio do funcionamento do sistema capitalista. Arrastrámolo historicamente. O sistema está en crise en canto gran parte das poboacións do mundo sofren as súas causas

A unha crise séguelle outra, sempre foi así. Neste momento, fálannos doutra que xa se está xerando.

Dicimos que pode haber momentos de crises conxunturais, de crises financeiras, pero detrás deles hai un funcionamento perverso do sistema económico que necesita da crise e que fomenta esas desigualdades. O sistema capitalista é un sistema inxusto en canto a que crea desigualdades, que se basea na especulación. A maioría dos modelos económicos que existen no mundo e que derivan do capitalismo son de tipo especulativo. É un modelo, moi especulativo, ten un afán e fin produtivista meramente. Non só está fóra do control dos cidadáns, senón dos poderes políticos ou de quen toman as decisións políticas. Nese sentido, a crise pode ser permanente, ou diferentes crises poden xurdir pola mesma constitución que ten o capitalismo. 

As crises créaas o capitalismo para recortar dereitos das persoas e dos pobos?

Como dixen ao comezo, defendemos un tipo de economía centrada nas persoas e nos pobos, precisamente dicimos que o funcionamento do sistema capitalista e neoliberal necesita precisamente desas desigualdades, de recortes de dereitos, desa desfeita do medio natural e da contorna, para poder seguir cumprindo os seus fins que son puramente de maximización de beneficios e de especulación, que sempre están en mans dunhas pequenas minorías no mundo.

Que resultados obtiveron as 47 empresas que se atopan comprometidas coa súa rede REAS Euskadi?

Con datos de 2008 a 2009 no ámbito de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa, estas 47 entidades interveñen no ámbito da actividade económica. O maior número participa baixo fórmulas empresariais: hai un bo número de empresas de inserción, que supón un modelo especial; de economía solidaria como cooperativas, de iniciativa social e de utilidade pública ou outras fórmulas a condición de que teñan o principio da non lucratividade e a non explotación da persoa por encima do capital. Somos cinco máis que a finais de 2008. Obtiveron uns ingresos totais de 68,28 millóns de euros. En 2009 supuxo un 24,58% máis que en 2008. Creceron os ingresos en facturación en xeral, como en subvencións algunhas maiores.

Cantos empregos se xeraron o ano pasado?

En 2009 xeráronse 1.282 postos de traballo, contabilizados en xornadas completas. Son máis persoas porque hai medidas de contratación parcial e de conciliación. Iso supón un incremento do 13,55%.

Crece en tempo de crise?

Si. Nós expomos que a economía solidaria está en auxe, non só porque crecen as economías, senón porque están en crecemento polo valor da propia actividade. Neste conxunto da contratación, o 63% son mulleres. É un dato importante para unha visión importante da economía. Para reducir as desigualdades. É un crecemento de emprego feminino en man de obra e na dirección.

A economía alternativa e solidaria é exemplo de mellora fronte á capitalista que está a destruír moito emprego?

Somos un exemplo no sentido de demostrar que é posible xerar outro tipo de economía, que sexa rendible, que xere emprego, fóra ou á marxe do sistema económico convencional como é o sistema capitalista. Responde a que cada vez hai máis persoas que se dan conta dos límites do capitalismo, e ven a necesidade de impulsar novas iniciativas de produción, de financiamento e de comercialización con características diferentes e respectuosas coas persoas, os pobos, as contornas.

O capitalismo debería de cambiar de rumbo para evitar esas desigualdades tan pronunciadas que xera? Porque se alguén gaña moito é porque outro noutro lugar do planeta gaña menos ou profunda na pobreza.

A nosa proposta última é que toda a actividade económica debe de virar baixo principios radicalmente diferentes aos que rexen agora o sistema. Nese sentido, no mundo da empresa deberá haber unha transformación total, empezando polo principio do valor que se lle debe dar á persoa e non ao capital, como ocorre na actualidade, seguindo con asuntos en participación dos traballadores e traballadoras na xestión empresarial, ou co medio ambiente e a contorna. É un modelo radical diferente. As convencionais deben ser máis solidarias, o que deberan de ser empresas de economía social e solidaria. Moitas veces a empresa privada utiliza as ferramentas de responsabilidade social corporativa máis como lavado de imaxe e como aspectos que son alleos á propia vida da empresa, non como a verdadeira responsabilidade social que debe ser coa sociedade e o modo de facer economía.

Por que os gobernos non avanzan cara a un modelo económico social e solidario?

A característica máis evidente do sistema capitalista é a ausencia do control dos gobernos do que está a pasar aí. As medidas que se toman por parte dos gobernos son practicamente iguais en países socialdemócratas como de dereitas. Son vellas receitas, que foron utilizadas no mundo en épocas de crises en América Latina por parte do FMI como a aplicación de recortes sociais, desregulación do mercado laboral, etc. Os gobernos non teñen as pancas de control da economía e están obrigados a repercutir na poboación, na clase traballadora e na sociedade eses recortes sociais, que lonxe de atacar as causas que deron orixe á crise, o que fan é que sexan soportadas polas persoas e pobos que sufriron máis a crise.

É dicir, non nos van sacar deste sistema que potencia aos poderosos

O poder político a nivel de goberno ten unha visión limitada. Si cremos que os gobernos máis próximos, autonómicos e locais, teñen posibilidade de impulsar a economía solidaria para que vaian cambiando sequera un pouquiño o modelo produtivo e o modelo de facer economía na sociedade. Para que sexa unha economía máis inclusiva entre os sectores con máis dificultades de integrarse no mundo laboral, de acceso ao emprego, aos mecanismos de de créditos e préstamos, de igualdade entre homes e mulleres, ao medio ambiente e políticas socialmente sustentables, etc.

Ve vostede que América Latina está a avanzar máis cara á economía alternativa e solidaria que Europa, por exemplo?

Si. Estamos a ver como a nivel internacional en América Latina, que sempre vai por diante nesta aposta, o movemento da economía solidaria convértese en políticas claras que aparecen ata nas novas constitucións como as de Bolivia, Ecuador, Brasil… onde os propios gobernos a escala local e nacional potenciaron e priorizaron sobre outros modelos. É un avance moi importante, que os demais terán que emprender.

A que obedece esa campaña “Mira, aprende e constrúe outro modelo económico”?

Un dos problemas que temos é que as nosas iniciativas de economía solidaria e alternativa é a pouca visibilidade social, a escasa repercusión, o descoñecemento da cidadanía destas prácticas de que é posible xerar outra economía. Desde REAS traballamos esa campaña e ocorréusenos esa campaña na que presentamos experiencias concretas de iniciativas que traballan baixo esa referencia. Estes exemplos están en vídeoclips de cinco minutos, que recollen experiencias do financiamento, do consumo responsable, de mercados, de actividade sociais e de inserción laboral e recuperación ambiental. Pódense enviar e son fáciles de ver.

Só se fixo en Araba, Bizkaia e Gipuzkoa?

É unha campaña da rede de redes a nivel do Estado español. Colaboramos todos con 50 videoclips, feitos polos protagonistas para dar a coñecer estas experiencias que están aí e non son tan difíciles de pór en marcha.

É unha maneira de dicir que se pode avanzar por este camiño?

Máis aló dos grandes discursos máis ideolóxicos que propomos e estendemos, interesábanos chegar á cidadanía media con experiencias concretas. Empresas que funcionan con outras características ás que estamos afeitos. En si, é dicir e demostrar á poboación que se poden desenvolver outras formas de facer economía. Moitas veces os grandes discursos contra a crise, os máis anticapitalistas que desenvolvemos, quedan afastados da cidadanía e a vida cotiá de cada cal. Os vídeoclips mostran que é posible. É importante que as persoas teñan ferramentas e que activen esa posibilidade de construír outras formas económicas.

Como terminará 2010 agora que estamos a piques de pasar páxina no calendario?

A tendencia dos últimos anos, antes da crise e a pesar da crise, é que se está creando maior actividade de economía solidaria, crecen as redes de Hego Euskal Herria, da estatal, da europea, da internacional. En 2010 teremos un crecemento sostido. Imos seguir crecendo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: