Fiare Galiza

Fiare é un proxecto que nace en 2003 para a promoción da banca ética co obxectivo de crear unha ferramenta de intermediación financeira -en forma de cooperativa de crédito- que vele polo interese común, pola participación e a transparencia, e polo servizo á xustiza.  Isto permite dirixir o aforro de persoas, familias e organizacións cara a proxectos que supoñen unha transformación da nosa sociedade e rescatar o valor social do diñeiro e a actividade económica, poñéndoos ao servizo dun mundo máis xusto, humano e sustentable.

 

Fronte ao sistema bancario especulativo imperante, Fiare proponse:

  • Financiar unicamente actividades económicas con impacto social positivo.
  • Ofrecer ao aforrador e investidor responsable a posibilidade de apoiar estas actividades.
  • Fiare opera guiada pola avaliación ético-social dos proxectos, a transparencia real, o traballo en colaboración coas redes locais existentes e a ausencia do ánimo de lucro.

Desde  2004 Fiare funciona xa como prestadora de servizos financeiros, como axente da Banca Popolare Etica, o que lle permite ofertar depósitos e préstamos (para maior información sobre os produtos ofertados pódese consultar: www.proyectofiare.com -en construción a versión en galego, desculpamos a tardanza e agardamos que en breve esté dispoñible- e info@proyectofiare.org). Deste xeito, amais da experiencia adquirida de forma previa á constitución da cooperativa, Fiare vai facendo unha bolsa de clientes que logo pasarán a selo da cooperativa.

Os Nosos Valores.

Crédito ao servizo da xustiza. Un valor principal deste proxecto é a súa vocación de transformación e inclusión social mediante o crédito. De aquí que os ámbitos prioritarios de traballo sexan a cooperación ao desenvolvemento, a inserción social de persoas en situación ou risco de exclusión social, a sustentabilidade medioambiental ou o cooperativismo.

Un proxecto en rede. As necesidades ás que pretendemos dar resposta requiren moito máis que o apoio financeiro a través do crédito. De aquí a importancia do traballo en rede con movementos sociais do ámbito da economía solidaria, como o comercio xusto, as empresas sociais e de inserción, a cooperación ao desenvolvemento ou a produción e o consumo ecolóxico.

Aforro responsable, participación e transparencia. Este proxecto require da participación activa de persoas e entidades que poñan os seus aforros ao servizo dunha proposta bancaria alternativa. Un instrumento financeiro en mans e ao servizo da cidadanía, no que a transparencia e a participación son as súas marcas de identidade.

Carácter non lucrativo e interese común. O noso enfoque sobre a rendibilidade é alternativo ao que convencionalmente se utiliza no ámbito financeiro e bancario. Aínda que son necesarias a viabilidade efectiva e a sustentabilidade do proxecto, a rendibilidade e o beneficio económico non son o noso obxectivo.

Construción social

Un aspecto esencial da identidade do proxecto está en que se fundamenta no protagonismo de redes cidadáns.  Todas as persoas que formamos parte deste proxecto queremos participar na construción dunha cooperativa de crédito que dirixa os seus esforzos cara a todas as persoas e entidades que traballan para transformar a nosa sociedade nunha realidade máis xusta, participativa e inclusiva. Así e todo, precisamente porque este é o noso obxectivo pensamos que este debe ser un instrumento en mans de toda a cidadanía activa que quere recuperar a xestión dos seus aforros e dirixilos cara a proxectos e actividades que xeren un impacto social positivo.

O papel de moitas persoas organizadas e implicadas resulta esencial. Contamos co apoio e traballo de máis de 250 asociacións e de máis 1.300 persoas en novembro de 2.010 en todo o estado español.  Queremos ser un banco en mans desta cidadanía.

Asociacións territoriais

Desde o convencemento de que articular a participación dunha ampla e heteroxénea base social debe ser unha das nosas prioridades, o Proxecto Fiare medra nos territorios onde existe unha sociedade civil organizada que quere apropiarse desta proposta e ser protagonista na súa construción.

Por iso, de forma gradual, constitúense asociacións territoriais socias que se suman ao proxecto. Estas asociacións achegan todo o coñecemento e a experiencia local que enriquece este proceso, permitíndonos estar preto do territorio e coñecer as necesidades e prioridades da sociedade en cada momento.

En xaneiro de 2010 constituíuse a territorial galega, Asociación Fiare Galiza (Fiare GZ).  Os colectivos que conforman Fiare Galiza na actualidade (decembro 2010) son: ADEGA, AIS “O Peto”, Altermundo, ARELA, Asociación Amarante- Setem, Coordinadora Galega de ONG’s para o Desenvolvemento, Enxeñería sen Fronteiras, Fundación Taller de Solidariedade, Panxea, Proclade, Parroquia Cristo da Victoria de Vigo, Sindicato Labrego Galego, Solidariedade Internacional, Verdegaia.  Podemos ser moitas máis!

Obxectivos de Fiare GZ:

  • Contribuír na captación de capital social.
  • Fomentar a creación dunha sólida e ampla base social (persoas, colectivos, entidades, …) que desexen ser socios/as e apoiar o Proxecto.
  • Implicarse segundo as propias posibilidades: economicamente, con traballo gratuíto, cedendo espazo nun local ou na web, etc.
  • Difundir os principios de Fiare e facer posibles os logros que nos propuxemos.

Capital social

Para que a cooperativa de crédito sexa un feito é preciso captar capital social.  O capital social é o valor monetario das participacións dunha empresa, aportado polos seus socios/as.

No caso dunha cooperativa de crédito,  recoñecida polo Banco de España, requírese da consecución dun capital social mínimo para obter a licenza bancaria, que avalará o seu funcionamento como banca ética. Este é un diñeiro que aportan os socios/as e que  poden recuperar.

Ademais do capital social, os materiais, actividades de difusión e a propia constitución da cooperativa, requiren un apoio económico.  Con este fin os socios/as aportan, segundo as súas posibilidades, un capital a maiores, en calidade de fondo perdido, non recuperable.  Debemos resaltar que tamén se pode colaborar de moitos xeitos (ademais das aportacións económicas que son fundamentais), todos eles son importantes, necesarios e indispensables: o traballo de difusión e formación, a cesión dun espazo no propio local, etc.

O Proxecto Fiare agrupa cada día a máis persoas e entidades en todas as súas asociacións territoriais. Manter unha relación próxima á sociedade que pretendemos transformar parécenos esencial e por iso animámosvos a que vos acheguedes á asociación FIARE máis próxima (Fiare Galiza).  Anímate e participa!

_________________________________________________________________________________________

A continuación engadimos un vídeo elaborado por Galicia Confidencial no que Raúl Asegurado, presidente da asociación Fiare Galiza, nos comenta o que esta pode ofertar neste momento de cambio no mundo das caixas galegas.  Queremos aclarar que a conta utilizada por Fiare Galiza para recoller as aportacións mentras se está a construír a cooperativa de crédito é Caixanova.  O Banco de España obriga a ter unha entidade de referencia no estado español para recoller o capital social, en Galiza a elexida (decisión asemblearia) foi Caixanova. Somos conscientes desta paradoxa pero no seu momento foi a entidade que mellor nos pareceu para facilitar os trámites á cidadanía.

Advertisements

Unha resposta

  1. o Vídeo paréceme ben e seguramente comparta todo o que di Raul nel.

    Sen embargo FIARE, e formando parte desta FIARE GZ, non é unha estrutura na que teña que estar representado o meu pensamente senón o de milleiros e milleiros de persoas que han de confiar nesta proposta novidosa en Galicia.

    Xa que a min ningúen me pediu permiso eu tampouco o vou facer, penso que esto da fusión das caixas é un xardín no que FIARE non se debe meter porque non é o seu e porque nos guste ou non FIARE forma parte do mesmo sistema. Xa sabemos que FIARE ten acordos importantes con caixas, como a Caixa Laboral, e seguro que non se vería con malos ollos outro con Nova Caixa Galega.

    FIARE ten que facer valer á súa proposta en función do que é e non do que son os demáis.

    Por iso sinto que a primeira parte do vídeo de desenrolara como se fixo e comparto todo o que se di de FIARE na segunda.

    Esta é a miña opinión, que non representa a ninguén máis que a min.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: