A Banca ética, unha alternativa

Fonte: José Ramón Villanueva Ferreiro (Publicado no “Periódico de Aragón”, 7 decembro 2010).

Tan preocupante como a crecente agresividade dos intereses especulativos financeiros, da cada vez máis evidente “ditadura dos mercados” sobre os gobernos democráticos á hora de fixar as súas respectivas políticas económicas para facer fronte á crise global, resulta a deriva ideolóxica e a falta dunha alternativa convincente por parte dos partidos socialdemócratas. E é que estamos a asistir ao constante sacrificio ante a pira acesa polos “mercados” das nosas políticas sociais, ao gradual e imparable deterioración, cando non ao desmantelamento, do Estado de Benestar Social, o maior logro das políticas socialdemócratas, coa va ilusión de “acougar” aos especuladores financeiros, que cada vez esixen maiores sacrificios coma se pretendesen facer retroceder o reloxo da historia ás máis negras etapas do século XIX polo que aos dereitos laborais e sociais dos traballadores se refire.

Mentres isto ocorre, a banca (privada) e os seus intereses campan sen freo no medio do tsunami financeiro que estamos a sufrir. Talvez por iso, hoxe máis que nunca estrañamos a falta dunha banca pública estatal que servise, sequera en parte, de dique de contención para que tanto os Estados como os cidadáns puidésemos facer fronte ao embate insaciable dos mercados e facilitar a empresas e particulares créditos en mellores condicións que as restritivas, e en ocasións abusivas, que ofrecen as entidades financeiras privadas. Lamentablemente, polo que a España se refire, a banca pública foi desmantelada en sucesivos procesos privatizadores máis que discutibles o cal creou un baleiro que, nas circunstancias actuais, resulta imposible de cubrir polo Instituto de Crédito Oficial (ICO).

Así as cousas, deberíase de recuperar a idea (imprescindible) nos programas económicos socialdemócratas dunha nova banca pública estatal. Igualmente, deberiamos de esixir unha maior implicación do Banco Central Europeo (BCE) á hora de facer fronte ás manobras especulativas que contra os Estados (no caso de España é evidente) e tamén contra o euro están a lanzar a crecente ditadura dos mercados. Tempo atrás, Tzvetan Todorov, Premio Príncipe de Asturias en Ciencias Sociais en 2008, xa nos advertía do perigo totalitario que se encerraba nas cada vez máis poderosas políticas neoconservadoras, partidarias dun ultraliberalismo sen límites. De feito, os acontecementos recentes están a confirmar os negros vaticinios de Todorov tanto en canto as políticas ultraliberais puxeron de xeonllos aos estados democráticos converténdose por iso nunha auténtica ameaza para as sociedades democráticas pola súa excesiva “concentración de poder e pola limitación do ben común”, unido a un certo “mesianismo” por parte dos mercados, coma se estes nunca puidesen equivocarse, á vez que a obsesión ultraliberal por supeditar todo ao imperativo económico de lucro e beneficio sen límites.

Ante esta situación, cada vez faise máis necesario impulsar as ideas do que deu en chamarse Banca Ética Cidadá (BEC), un modelo alternativo de crédito que trata de rescatar o valor do diñeiro como instrumento de xustiza e transformación social. E é que a BEC, fronte ao prezo das cousas fixado polo mercado a través da oferta e a demanda, prioriza o valor social que debe ter o diñeiro, algo que sempre desprezaron os intereses do mercado.

A alternativa que ofrece a BEC susténtase en tres principios de gran calado ético. En primeiro lugar, considera que o crédito debe de estar ao servizo da xustiza social, debe converterse nun elemento transformador e, por iso, os seus “clientes preferentes” serían: a cooperación ao desenvolvemento dos países pobres, as accións tendentes á inserción social de colectivos en risco de exclusión (con intervencións concretas nas necesidades de vivenda e traballo, claves en todo proceso de inserción) e os proxectos de sensibilización ambiental.

En segundo lugar, a BEC baséase no apoio e participación das redes sociais, no que algúns chaman “Terceiro Sector”, isto é, as organizacións de carácter non lucrativo comprometidas en loitar por un mundo máis xusto. Deste xeito, o eixo central desta nova Banca Ética son as persoas desfavorecidas e as persoas que traballan por elas e non a revalorización das accións ou os dividendos.

Finalmente, e como conclusión do anterior, a BEC caracterízase por ter un carácter non lucrativo pero esta promoción mediante o crédito de sociedades máis xustas, non esquece por iso a necesidade de equilibrio entre ingresos e gastos, unha xestión económica responsable ou o investimento en modernización. Este é o camiño emprendido por iniciativas como as da Banca Popolare Etica en Italia, a Federación de Bancos Éticos e Alternativos ou a Fets-Finançament Étic i Solidari en Cataluña.

Pór coto aos desmáns da ditadura dos mercados sobre as nosas vidas e facendas é algo que compete ás políticas socialdemócratas e aos sindicatos de clase, e iso pasa polo restablecemento dunha Banca Pública, tanto a nivel estatal como da Unión Europea, así como todas aquelas iniciativas que impulsen unha Banca Ética Cidadá socialmente responsable. Talvez así recuperemos a esperanza como cidadáns e os Estados a autonomía política e económica que lles arrebataron a ditadura dos mercados.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: