“Fiare é un instrumento político, participativo e alternativo, no ámbito da intermediación financeira”

Entrevista a Cristina da Cruz Ayuso. voluntaria da banca Ética Fiare, que coordina o Comité de Ética desde 2005.

– Por que a banca ética FIARE é sobre todo un instrumento político?
Todo o que facemos ten unha repercusión no modo en como imos construíndo a nosa maneira de vivir xuntos. Tamén a teñen as nosas decisións financeiras: o diñeiro que decidimos aforrar, o banco co que decidimos traballar, etc. Iso ten un indubidable valor político e por iso non nos debe dar igual. O habitual é pensar que nada podemos facer para romper con esa lóxica de dominación que nos impoñen os bancos. Que facer? En principio, non lamentarnos. E en segundo lugar, preocuparnos por coñecer que alternativas temos para xerar outra lóxica de relación económica distinta. É posible. Fiare é unha desas alternativas. É unha iniciativa de banca ética, que xorde cunha clara vocación transformadora e aspira a ser un instrumento político eficaz no ámbito da intermediación financeira. Ademais, ofrécenos á cidadanía a posibilidade de formar parte e de construír esa alternativa financeira; de facer fronte ao poder dos bancos desde as claves da nosa participación en proxectos como Fiare e todos aqueles que, con ese mesmo obxectivo, se promoven desde o ámbito da economía solidaria.

– E como se constrúe unha iniciativa como Fiare?
Fiare proponse, xunto con outras iniciativas da economía solidaria, construír sociedades máis xustas. Ese é o seu obxectivo. E esa é a súa realidade: traballa para consolidar eses procesos de transformación na nosa realidade máis próxima. Hoxe en día hai outras entidades financeiras que din que este tamén é o seu obxectivo, pero en realidade poucas poden ofrecer evidencias de que realmente poñen o diñeiro ao servizo da construción de sociedades máis xustas. Fiare si. E non porque sexa máis “ética”: máis boa ou mellor que as outras. A lexitimidade “ética” de Fiare está no modo en como está construído: a quen pertence, a máis de 400 organizacións sociais; como se toman as decisións; que modelo de crecemento promove, con quen traballa, cales son os seus fins. Nada que ver – como vedes- con iniciativa promovida por un grupo de investidores ou un colectivo de socios que vai implantándose alá onde se detecte un posible nicho de mercado. Fiare só crece ao ritmo que van marcando as redes territoriais que mostren o seu interese e a súa disposición por asumir o proxecto e promovelo neses territorios. Así veu ocorrendo desde o primeiro xerme en Euskadi e xa contamos con redes que desenvolven o proxecto en Navarra, Catalunya, Madrid, Castela e León, Andalucia, Estremadura, Valencia, Galiza e Canarias tamén… Fiare crece desde abaixo: asentando en sólidas bases e vai xerando un armazón que -a día de hoxe-, xa é unha sólida rede de transformación social. Unha iniciativa de banca ética que está en mans da cidadanía. O seu valor político é indubidable. Só fai falta que nos acheguemos e decidamos formar parte del.

– Que é o que fai unha banca ética que non fan as demais?
Rescata a dimensión social da intermediación financeira:  capta aforro para prestalo. Se quitamos o valor mercantil a ese proceso, a ecuación que nos queda é ben sinxela: canaliza solidariedade cidadá para garantir condicións de equidade. E isto ultimo, faino póndose ao servizo daquelas organizacións que teñen percepción e capacidade para identificar cales son os contextos de inxustiza estrutural que hai que atender.

– Como funciona o Comité ético de FIARE? Cales son os seus integrantes?
Antes comentabamos o tema da lexitimidade ética. O sistema de adecuación ética de Fiare é un exemplo para ver como unha organización vai adecuando as súas estruturas non só para chegar a ser un proxecto transformador, senón para que esa capacidade e motivación transformadora poida manterse no tempo, a medida que o proxecto vai crecendo. Unha maneira de manter non só a identidade, senón tamén as bases éticas sobre as que se sustenta. En Fiare existen varios niveis nos que se operativizan nas prácticas esas bases éticas. Existen nove comisións de avaliación ético-social en cada territorio onde se promove o proxecto Fiare. Estas comisións están formadas por persoas que coñecen moi ben o tecido asociativo dese territorio e que por tanto poden valorar o alcance social da proposta que solicita financiamento. Non fan ditames sobre proxectos que están ben ou mal, ou que son eticamente mellor que outros. A cultura “ética” de Fiare non está tan vinculada a unha avaliación moral, senón, en realidade, a unha avaliación sobre os resultados éticos, transformadores, que promoven un determinado proxecto e que, en canto tal, Fiare decide apoiar mediante o crédito.
Outro nivel é o do Comité ético que é un órgano que ten como obxectivo coordinar ese proceso de adecuación ética; é dicir: velar pola institucionalización dos valores do proxecto Fiare en todas as súas estruturas, niveis de responsabilidade e marcos de relación.
En total, somos máis de 40 persoas voluntarias, pertencentes a organizacións sociais, quen desenvolvemos este labor en todo o estado, co apoio e en coordinación co equipo profesional de Fiare, que complementa e contribúe tamén a consolidar o sistema de adecuación ética. En decembro xuntámonos en Bilbao para afianzar entre todos o proceso de avaliación das solicitudes de financiamento.

– Que criterios éticos son os que ten en conta FIARE á hora de valorar se apoia ou non un proxecto de financiamento?
Fiare aspira a converterse nunha opción completa para aquela persoa ou organización  que queira traballar cunha banca diferente. Por unha banda, restrinxe de forma moi estrita os ámbitos posibles de financiamento a aqueles proxectos que contribúan a facer das nosas sociedades lugares máis xustos e igualitarios. De todas as maneiras, a min gústame velo desde outra perspectiva. Máis que restrinxir, quizais cabe dicir que o que fai Fiare é promover mediante o crédito a posibilidade de desenvolvemento de determinados proxectos que teñen un claro valor transformador. Máis que mirar aquilo que limita, hai que valoralo desde outra perspectiva: ver que é o que Fiare posibilita e facilita mediante o crédito, e de que maneira contribúe así, a xerar marcos de interrelación coas persoas e coa contorna, distintos, máis xustos e sustentables, máis naturais tamén…. Fiare financia cobertura de necesidades básicas de persoas físicas tanto na nosa contorna como no Sur, mediante acordos específicos con entidades socias do Proxecto FIARE ou coas Administracións Públicas. Financia a entidades que traballan con persoas en situación ou risco de exclusión, organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento e a cooperación co Sur, Empresas da economía solidaria e en xeral a todas aquelas entidades sen ánimo de lucro que promoven ou desenvolven actividades con impacto social positivo. E tamén concede créditos para a posta en marcha de proxectos empresariais presentados por calquera persoa física ou xurídica, estando a súa aprobación suxeita á avaliación ético social tanto da entidade solicitante como do proxecto.

– Podes pór un exemplo sobre proxectos apoiados satisfactorios e outro de non satisfactorios en canto aos fins sociais esperados?
Non resulta fácil de responder o primeiro. Nin prudente o segundo. Fiare concedeu case 14 millóns de euros en préstamo apoiando ese tipo de proxectos. A miña propia inclinación levaríame a destacar os que se dedican á loita contra a pobreza, ou a exclusión, ou a marxinación, ou a fraxilidade social. Pero obviaría outros moitos que tamén, desde outros ámbitos, por exemplo o da vida rural, a soberanía alimentaria, ou a xestión do territorio, que tamén son moi significativos. Quen este interesado pode achegarse á páxina web de Fiare. A foto conxunta dos proxectos financiados permite ver o labor que aos poucos vai logrando Fiare mediante o apoio ao crédito a estes proxectos. Merece a pena visitala.

– Que incidencia está a ter FIARE na sociedade e, en concreto, nos movementos sociais de Euskal Herria?
A Fundación Fiare conseguiu vincular ao redor da Fundación Fiare a máis de 72 organizacións para a promoción do proxecto en Euskadi. Ten cinco grupos locais en diferentes puntos do tres territorios impulsando a nivel local o proxecto. Neste sentido, o herrialde de Gipuzkoa está a ser especialmente significativo. Fiare conta xa con máis de 1.500 persoas e organizacións que se compormeteron por encima de 1,8 millóns de Euros de Capital Social en todo o Estado. A territorial de Euskadi achega a esta cantidade máis de 700.000 Euros.

– Que importancia ten o sector agrario para FIARE?
En coherencia co que Fiare en realidade é, máis ben habería que  preguntar que papel quere xogar o sector agrario en Fiare. Esa é unha resposta á que o propio sector ten que  chegar. Fiare nin é un produto nin ofrece un produto ad hoc para un sector. Non é un banco tradicional. É unha iniciativa  de banca ética á que están chamados a participar aquelas organizacións e entidades de diferentes sectores, do agrario e gandeiro tamén, que se expoñen un marco de relación económico-financeiro distinto, alternativo, non suxeito a lóxicas excluíntes e discriminatorias. As organizacións e entidades que conforman este sector agrario e gandeiro coñecen as necesidades que teñen, coñecen o sector, teñen criterios para determinar que se debe financiar e por que, poden achegar elementos para a reflexión sobre como mellorar e adecuar  a avaliación de proxectos que pertencen a este ámbito… poden contribuír, en definitiva, a ocupar un lugar propio e lexitimo no proxecto Fiare. A facer valer a súa voz non en Fiare, senón no propio sector: utilizando todos os instrumentos políticos que estean ao seu alcance para xerar nel condicións  xustas, acordes ao que queren promover. Fiare é unha desas ferramentas.

– Algo máis que engadir?
Nada máis. Unicamente convidar as páxinas de Baserri Bizia a que vos animedes a participar connosco no encontro de decembro [13 e 14 de decembro de 2010]. É un momento de encontro e construción importante para Fiare. E o sector de nekazaritza debe estar presente. Esperámosvos.

Fonte: Baserri Bizia

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: