16 de xaneiro de 2011, FiareGZ cumpre un ano

O Proxecto Fiare agrupa cada día a máis persoas e entidades en todas as súas asociacións territoriais. Manter unha relación próxima á sociedade que pretendemos transformar parécenos esencial e por iso animámosvos a que vos acheguedes á asociación FIARE máis próxima (Fiare Galiza).  O próximo 22 de xaneiro é a Asemblea de Fiare que vai ter lugar en Vigo.  Anímate e participa!

Para máis información, podes consultar a Memoria de actividades de Fiare, un resumo do ser de Fiare e FiareGZ. o Etikum nº0. Edición Galiza e o último Etikum, o Etikum nº1.  Edición Galiza.

Hoxe, 16 de xaneiro de 2011, fai un ano da constitución da territorial galega de Fiare: a Asociación Fiare Galiza (Fiare GZ).  Os colectivos que conforman Fiare Galiza na actualidade (xaneiro 2010) son: ADEGA, AIS “O Peto”, Altermundo, ARELA, Asociación Amarante- Setem, Coordinadora Galega de ONG’s para o Desenvolvemento, Enxeñería sen Fronteiras, Fundación Taller de Solidariedade, Panxea, Proclade, Parroquia Cristo da Victoria de Vigo, Sindicato Labrego Galego, Solidariedade Internacional, Verdegaia.  Podemos ser moitas máis!

O proceso segue avanzando e para conseguilo, os retos e tarefas que se estiveron a desenvolver no ano 2010 e que seguirán en 2011 son os seguintes:

  • O capital social. Consolidar a campaña e a agregación de persoas e organizacións. Concretamente en Galiza, durante o ano 2010 fixéronse charlas, en diversas cidades galegas:   A Coruña, Burela, Chantada, Ferrol, Lugo, O Carballiño, Ourense, Ribadavia, Vigo, …   e outras de carácter formativo interno nos colectivos que conforman Fiare GZ (AIS O Peto, Amarante, ARELA, ESF, Panxea, Parroquia Cristo da Victoria, Verdegaia, …).  Ata o momento (11 de decembro de 2010) ás 14 socias persoas xurídicas hai que sumarlle máis de sesenta persoas físicas socias de Fiare Galiza. Grazas ao anterior estanse cumplindo os obxectivos marcados para este ano en captación de capital social e de fondo perdido.  Para o 2011 estes son maiores pero imos polo bo camiño.
  • O desenvolvemento territorial do proxecto. É primordial este aspecto a nivel estatal polo que se segue profundizando nos contactos xa existentes na Rioxa, Baleares, Asturias, etc.  A nivel Fiare Galiza hai que seguir a difundir o proxecto desde as presentacións organizadas pola propia asociación, a asistencia a charlas e xornadas as que sexa invitada, … para que se faga máis coñecido e así promover a participación de novas persoas socias, tanto físicas como xurídicas.   O fomento da creación dunha sólida e ampla base social (persoas, colectivos, entidades, …) que desexen ser socios/as e apoiar o Proxecto vai permitir que medre a contribución na súa consolidación e na captación de capital social o que lle permitirá a Fiare coller as forzas que precisa para ser entidade bancaria.  Para iso toda persoa socia, física e xurídica, debe implicarse segundo as propias posibilidades: economicamente, con traballo gratuíto, cedendo espazo nun local ou na web, etc. e así difundir os principios de Fiare e facer posibles os logros que nos propuxemos.
  • O financiamento de novos proxectos. O crecemento do último ano na promoción do aforro das organizacións e familias permitiu dispor duns recursos que hai que destinar ao financiamento de proxectos transformadores, de xeito que a 30 de novembro de 2010, Fiare concedeu financiación a máis dun centenar de proxectos por un valor total que ascendía a 13.698.000,00 €. Para iso quérense traballar acordos con redes de organizacións que permitan chegar a máis tecido social sen necesidade de crecer en estrutura (en Galiza ata o momento está aprobado un proxecto con Cáritas-Ourense).  O 11 de decembro de 2011 nomeouse á Comisión ético-social de FiareGZ o que permitirá coñecer e chegar a novos proxectos que cumpran cos fins de Fiare.

Lembramos que Fiare é un proxecto que nace en 2003 para a promoción da banca ética co obxectivo de crear unha ferramenta de intermediación financeira -en forma de cooperativa de crédito- que vele polo interese común, pola participación e a transparencia, e polo servizo á xustiza.  Isto permite dirixir o aforro de persoas, familias e organizacións cara a proxectos que supoñen unha transformación da nosa sociedade e rescatar o valor social do diñeiro e a actividade económica, poñéndoos ao servizo dun mundo máis xusto, humano e sustentable.

Fronte ao sistema bancario especulativo imperante, Fiare proponse:

  • Financiar unicamente actividades económicas con impacto social positivo.
  • Ofrecer ao aforrador e investidor responsable a posibilidade de apoiar estas actividades.
  • Fiare opera guiada pola avaliación ético-social dos proxectos, a transparencia real, o traballo en colaboración coas redes locais existentes e a ausencia do ánimo de lucro.

Desde  2004 Fiare funciona xa como prestadora de servizos financeiros, como axente da Banca Popolare Etica, o que lle permite ofertar depósitos e préstamos (para maior información sobre os produtos ofertados pódese consultar: www.proyectofiare.com -en construción a versión en galego, desculpamos a tardanza e agardamos que en breve esté dispoñible- e info@proyectofiare.org). Deste xeito, amais da experiencia adquirida de forma previa á constitución da cooperativa, Fiare vai facendo unha bolsa de clientes que logo pasarán a selo da cooperativa.

Os Nosos Valores.

Crédito ao servizo da xustiza. Un valor principal deste proxecto é a súa vocación de transformación e inclusión social mediante o crédito. De aquí que os ámbitos prioritarios de traballo sexan a cooperación ao desenvolvemento, a inserción social de persoas en situación ou risco de exclusión social, a sustentabilidade medioambiental ou o cooperativismo.

Un proxecto en rede. As necesidades ás que pretendemos dar resposta requiren moito máis que o apoio financeiro a través do crédito. De aquí a importancia do traballo en rede con movementos sociais do ámbito da economía solidaria, como o comercio xusto, as empresas sociais e de inserción, a cooperación ao desenvolvemento ou a produción e o consumo ecolóxico.

Aforro responsable, participación e transparencia. Este proxecto require da participación activa de persoas e entidades que poñan os seus aforros ao servizo dunha proposta bancaria alternativa. Un instrumento financeiro en mans e ao servizo da cidadanía, no que a transparencia e a participación son as súas marcas de identidade.

Carácter non lucrativo e interese común. O noso enfoque sobre a rendibilidade é alternativo ao que convencionalmente se utiliza no ámbito financeiro e bancario. Aínda que son necesarias a viabilidade efectiva e a sustentabilidade do proxecto, a rendibilidade e o beneficio económico non son o noso obxectivo.

Advertisements

Unha resposta

  1. Mañá non tendes unha rolda de prensa?? non hai información no web? cousa rara…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: