A rendibilidade social e a transparencia emerxen como reclamo da banca ética

Interesante e clarificador artigo con exemplos concretos: “Promovendo unha banca ética”, Latituds, 14 de xaneiro de 2011.

Autora: Rosa M. Bosch, LaVanguardia.es

Cando no ano 2006 Fiare abriu a súa oficina en Barcelona, Angelina Hurios cancelou todas as contas do seu banco e traspasou os seus aforros a esta nova entidade de finanzas éticas aínda sabendo que o rédito que obtería sería inferior. “Por que? Quero saber que fan co meu diñeiro, quero ter a garantía de que non servirá para financiar o tráfico de armas, quero transparencia. Para min é máis importante ter a certeza de que os meus aforros se utilizarán para desenvolver proxectos sociais que gañar máis diñeiro”, conta Angelina, avogada que tras máis de 30 anos de exercicio xubilouse e dedica agora o seu tempo a colaborar con distintas oenegués.

O peso da banca ética é simbólico, aínda moi minoritario, pero aos poucos vai sumando apoios de cidadáns como Angelina Hurios que prefiren “o beneficio social antes que o monetario”. Este tipo de bancos apostan por proxectos que teñen unha alta rendibilidade social, ambiental ou cultural, como Teixidors, unha cooperativa téxtil que integrou laboralmente a 32 persoas con discapacidade psíquica. “A nosa contorna natural é a banca ética; agora traballamos con Coop57 e Triodos Bank, aínda que seguimos vinculados con varios bancos tradicionais”, conta o xerente de Teixidors, Juan Ruiz. Situada nunha antiga fábrica téxtil de Terrassa, Teixidors leva 27 anos fabricando de maneira artesanal mantas, chales e bufandas que exporta a Francia, Alemaña, países escandinavos, Gran Bretaña, Xapón e Estados Unidos. Ruiz quéixase do difícil que é convencer aos responsables de riscos dos bancos de que esta iniciativa é viable, pero xa levan 27 anos levantando cada día a persiana. Os datos preliminares do 2010 apuntan unha facturación de 625.000 euros e entre 15.000 e 20.000 de beneficios.

Triodos Bank, nacido en 1980 en Holanda, é o pioneiro. “En España pasou en catro anos de 5.414 a 27.478 clientes; en Barcelona facemos 500 clientes novos ao mes”, apunta o seu subdirector xeral, Joan Antoni Melé. Ao ser un fenómeno moi recente, de mediados da pasada década, e partir de cifras moi baixas, os crecementos porcentuais rexistrados pola banca ética foron moi elevados: o último Baròmetre de lles Finances Ètiques subliña que entre o 2005 e o 2009 os préstamos subscritos aumentaron máis do 700% e alcanzaron os 400 millóns de euros no conxunto de España. “Aínda é un fenómeno marxinal, pero marca unha tendencia e unha actitude; o seu papel é cualitativo, non cuantitativo, é un movemento solidario en busca da sustentabilidade social”, opina José Luís Monzón, presidente do Observatorio de Economía Social de España. Para Monzón, “a crise sacode conciencias e é unha oportunidade para que os valores da solidariedade e a equidade se asenten e progresen”. Triodos, que copa o 90% do mercado deste sector en España, creceu un 15% durante o primeiro semestre do 2010 alcanzando os 469,2 millóns de euros.

“En España funcionan máis dunha quincena de entidades de financiamento ético, das cales só Triodos ten licenza bancaria; Fiar eopera como axente da Banca Popolare Etica e o resto son fundacións, asociacións, cooperativas… En Europa a cifra elévase a unhas 200 ou 300 cando nos anos 70 apenas había tres ou catro”, indica Monzón, quen prognostica que a banca ética sempre será minoritaria: “Como máximo pode chegar a ter un peso do un, dous, tres por cento, respecto ao total”. O economista Arcadi Oliveras, presidente de Justícia i Pau, defende unha maior expansión: “Vendo que a especulación financeira é a causa da crise, a banca ética pode crecer moito. O límite? En Holanda tamén son pioneiros en comercio xusto e actualmente as vendas de café xusto xa representan o 5% do total, ese podería ser o límite da banca ética”. Para Jordi Ibáñez, coordinador de Fiare en Catalunya, “o desenvolvemento destas finanzas márcao a sociedade e non o mercado; quen recorre a nós é quen quere que o seu diñeiro contribúa a mellorar o mundo“.

O puntal deste tipo de entidades é a transparencia; os clientes saben a que se destinan os seus aforros, proxecto por proxecto. Internet facilita a información. Triodos explica con detalle na súa páxina web as iniciativas que financia, desde hortos solares, parques eólicos ou cooperativas olivareiras até explotacións de agricultura e gandaría ecolóxicas, centros de reinserción, oenegués de cooperación ao desenvolvemento e mesmo produtoras de cinema. “Os sectores máis importantes son o das enerxías renovables, a agricultura ecolóxica e as vivendas bioclimáticas. Ter un equipo de expertos en renovables permítenos entrar en operacións nas que a banca tradicional non perdería o tempo”, considera Melé. O subdirector de Triodos calcula que o 30% dos proxectos polos que apostan serían rexeitados polas entidades convencionais. Melé refírese a iniciativas para reinsertar a colectivos en risco de exclusión social, ex toxicómanos, ex prostitutas; de centros para persoas con algunha discapacidade física ou psíquica, e residencias da terceira idade.

Tamén Fiare recibe propostas rexeitadas por outras entidades. A última, a petición dun crédito por parte dunha fundación que traballa en Barcelona con persoas que viven na rúa. “Temos unha comisión que valora os proxectos, un grupo de expertos elixidos polos nosos mil socios. Como somos un banco sen afán de lucro non repartimos beneficios, a nosa vontade é contribuír a transformar a sociedade”, explica Jordi Ibáñez, de Fiare. A súa prioridade son proxectos de inserción laboral; de colectivos que integran a persoas discapacitadas, inmigrantes e xente maior, e negocios relacionados coa produción ecolóxica. En Triodos remarcan que si, que o obxectivo é contribuír a debuxar unha sociedade máis xusta, pero sen esquecer que “os bancos naceron para gañar diñeiro”. “Queremos fuxir da imaxe de que a ética é unha banca alternativa; queremos gañar diñeiro, pero de maneira ética, non quero entrar na trampa de dicir que gañar diñeiro non é ético”, subliña Melé. Neste sentido, defende que “as organizacións sociais que dependen de donativos poden funcionar como unha empresa rendible e non hai que facer caridade”.

Agora, o debate en Triodos é se amplían o seu negocio ao financiamento do consumo privado. “Se un cliente ten o 100% dos seus aforros aquí non podemos dicirlle que se vaia a outro banco a pedir un crédito para comprar a súa primeira vivenda. Sempre podemos pór condicións, por exemplo, que a vivenda sexa bioclimática e se é un coche que sexa ecolóxico”, opina Melé.

O perfil das persoas que confían os seus aforros a Triodos ou a Fiare é heteroxéneo, o que lles une é a esixencia de querer saber que se fai co seu diñeiro. “Temos desde estudantes universitarios que abren contas de 100 euros até xente que deposita cinco millóns; o denominador común é a sensibilidade por ter a certeza de que o seu diñeiro será útil para a sociedade”, engade Melé, que reflexionou sobre este tema en Diñeiro e conciencia (Plataforma).

Melé, que inviste boa parte do seu tempo en conferencias nas que difunde as bondades das finanzas éticas, non se cansa de repetir que o poder do cidadán non reside tanto no seu voto cando hai unhas eleccións como na decisión que toma á hora de consumir e de investir os seus aforros.

Outros artigos recentes nos que se fala de experiencias de banca ética:

Información sobre xogos e recursos: O prezo do diñeiro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: