FIARE, a banca ética que vén

Anímate a participar na túa territorial máis próxima (FiareGZ)! Podes facelo nos distintos equipos de traballo (materiais, difusión, …) e nos grupos locais (de Vigo e Santiago e en creación noutras cidades galegas) que se crearon para que, pouco a pouco, entre todas as persoas que así o desexemos poidamos seguir a expandir esta realidade e  a crear sinerxias.  Para máis información non dubides en preguntar en: fiaregz@proyectofiare.com

Entrevista de Jordi Garcia Jané a Peru Sasia
Este artigo é a versión íntegra do publicado na Revista Nexe 26

Peru Sasia é o director de Fiare. Sete anos despois do inicio deste proxecto, Fiare conseguiu implicar a unha densa rede dun milleiro de persoas e máis de medio milleiro de organizacións da maior parte do territorio estatal; recolleu aforro por máis de 21 millóns de euros e outorgou créditos por valor de máis de 13 millóns de euros a máis de 90 proxectos de alto valor social.

Nestes momentos, segundo nos explica Sasia, o proxecto atópase na fase máis crítica: chegando ao momento de sustentabilidade económica, pero carente aínda dos recursos que a fagan posible: diñeiro naturalmente, pero tamén equipos, instalacións e moita, moita dedicación.

Como xorde Fiare?

O Proxecto Fiare xorde dunha convicción e dunha intuición. A convicción de que son necesarias alternativas na esfera económica que traten de superar os problemas estruturais do sistema neoliberal, especificamente a súa incapacidade para pór fin ás desigualdades. A intuición, que o tecido asociativo e a conciencia cidadá presentan hoxe ao Estado as vimbias mínimas necesarias para tentar consolidar unha iniciativa deste tipo, tal como xa ocorreu nalgúns outros lugares de Europa.

Estas consideracións levaron a 52 organizacións vascas do chamado, en sentido amplo, Terceiro Sector a constituír a Fundación Fiare en novembro de 2003. A súa intención fundamental era explorar as vías para crear unha entidade financeira diferente, en liña co que se coñece como banca ética. Iniciouse, así, un proceso de análise de experiencias europeas, así como de procura de socios, que desembocou na elaboración dun Plan de Viabilidade que prevé a operación no período 2006-2011 como axentes de Banca Popolare Etica italiana, para crear máis adiante unha cooperativa de crédito de segundo grao que opere con licenza propia.

Cal é o obxectivo dunha banca ética?

O obxectivo sempre é dobre. Por unha banda, financiar actividades económicas que leven un impacto social positivo e transformador. É dicir, dar apoio a empresas, actividades e proxectos sociais, ecolóxicos, culturais e solidarios, favorecendo o desenvolvemento humano tanto nas nosas sociedades do Norte como nas do Sur, pondo o diñeiro a disposición das persoas excluídas e das organizacións que traballan.

Doutra banda, ofrecer instrumentos de aforro e de investimento responsables, pór a disposición da cidadanía a posibilidade de apoiar cos seus aforros a este tipo de actividades, decidindo responsablemente o uso que fai a entidade financeira e excluíndo calquera investimento en actividades ou empresas que colaboren co mantemento da inxustiza e a deterioración do noso mundo: tráfico de armas, explotación laboral, destrución do medio ambiente …

Que ofrece Fiare en comparación con outros bancos éticos e cooperativas financeiras xa existentes no Estado español?

Fiare asume desde a súa posta en marcha dúas características fundamentais no contexto xeral das finanzas éticas. A primeira é entender que a riqueza de iniciativas de intermediación de bens con alto valor de alternativa é hoxe moi rica en todo o Estado. Hai iniciativas de bancos de tempo, de redes de intercambio, de moedas alternativas, de intermediación de diñeiro a diferentes escalas e con diferentes sectores de especialización, que hai que promover e protexer. Asumimos o compromiso de crear un sistema de banca ética que reforce este rico tecido e engadimos unha proposta de banca regulada que poida ampliar o círculo de persoas e organizacións que queren consumir responsablemente servizos financeiros alternativos para o seu aforro, engadindo produtos habitualmente utilizados como contas correntes, depósitos garantidos, banca por Internet, tarxetas de crédito, etc. O reto deste sistema é conseguir unha articulación micro-meso que non anule a participación, a proximidade ao local ou a capacidade de adaptación, valores moi arraigados nas realidades micro.

Xunto á construción do sistema de banca ética, Fiare quere sobre todo construírse e desenvolverse sobre a base dunha participación densa de persoas e organizacións. Esta participación concrétase principalmente nunha estrutura de redes territoriais e sectoriais, un modelo cooperativo guiado pola lóxica dunha persoa un voto na toma de decisións na asemblea xeral e un nivel local apoiado en grupos de implantación local con competencias na proposta de candidaturas, as relacións coa estrutura profesional do banco e a avaliación ético-social dos proxectos por financiar.

A quen concede créditos Fiare?

Ofrecemos practicamente todos os produtos de crédito (liñas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios …) e orientámolos en catro sectores de actividade: cooperación (loita contra a pobreza no Sur, comercio xusto, etc.), Social (inserción sociolaboral, cooperativismo, economía solidaria …), medio ambiente (enerxías alternativas, agricultura ecolóxica …) e calidade de vida (cultura, valores …).

Que tipo de produtos de aforro ofrece?

O panorama é, neste momento, limitado: depósitos a prazo e libretas de aforro cunha operatividade limitada, aínda que estamos a empezar a ofrecer ás entidades contas correntes operables por internet. A nosa condición actual de axentes de Banca Popolare Etica e as limitacións na nosa estrutura nesta fase inicial fan que non podamos ofrecer produtos de detalle como contas correntes, tarxetas, etc.

Agora ben, o horizonte de futuro é ofrecer todos os produtos de aforro que habitualmente pide a cidadanía, até configurar unha entidade onde, como dicía ao principio, aquelas persoas e organizacións que queiran traballar cun banco ético a poidan elixir como primeira opción.

Tamén planea ofrecer fondos de investimento e outros produtos similares?

É unha cuestión que hoxe día non consideramos, porque estes fondos non contan con elementos suficientes de limpeza ética para poder ofrecer con garantías que sexan coherentes cos valores do Proxecto Fiare. En cambio, hai outros produtos como os préstamos hipotecarios para vivendas particulares que agora non facemos, pero que están suxeitos a unha reflexión ética permanente polos diversos matices implicados, como son a demanda da nosa base social, o tipo de vivenda, o rol financeiro no mercado inmobiliario, etc.

De que maneira evitades a morosidade, traballando con colectivos pouco solventes economicamente falando?

Efectivamente, hai necesidades de acceso ao crédito que están expostas desde colectivos que non teñen garantías patrimoniais para facer fronte á posible falta de pagamento, nin tampouco sólidos ingresos regulares que aseguren esta capacidade ante case calquera eventualidade. Fiare recoñece o dereito destes colectivos ao crédito e ao mesmo tempo asume que satisfacelo non se pode facer pondo en risco o aforro dos depositantes. Nin a entidade ten que facelo nin o permiten as entidades de inspección baixo a supervisión das que tamén opera a banca ética.

Por iso, hai que desenvolver produtos parabancarios, sexa dentro da mesma estrutura bancaria do proxecto, sexa apoiando todas as iniciativas que xa existen e que participan na construción do proxecto. Non se trata, por tanto, de evitar a morosidade, senón de afrontala.

Nesta liña, e a pesar do carácter incipiente do proxecto, podemos resaltar un produto que opera precisamente neste sentido. Trátase dun depósito que chamamos libreta redes” onde os intereses non son recibidos pola persoa ou entidade depositante, senón que se entregan á organización que aquela escolla entre a lista de organizacións coas que Fiare ten asinados acordos de colaboración para desenvolver este produto financeiro. O destino deste diñeiro debe ser necesariamente o apoio, mediante o crédito, a proxectos orientados a persoas en situación ou risco de exclusión, e non poden usarse para outro fin. Desde o comezo desta práctica en 2008 até finais de 2009, 192 persoas e organizacións depositaron os seus aforros, por un total superior a 2.300.000 euros. Isto supuxo pór a disposición das organizacións conveniadas máis de 40.000 euros de fondos doados para o financiamento de proxectos situados fóra do circuíto bancario, co efecto multiplicador de crédito que iso supón, xa que permitiría, por exemplo, asumir créditos por valor de 400.000 euros soportando un 10% de morosidade. Os proxectos financiados polas entidades con convenio foron de varios tipos: apoio microfinanciero en comunidades rurais de América Central, crédito para o acceso a vivenda de persoas en situación ou risco de exclusión, proxectos de aprendizaxe de alto valor social ou creación de comunidades autofinanciadas. Convén resaltar que este produto tan pouco competitivo economicamente é subscrito por un de cada catro depositantes, e supón o 10% de toda a actividade de aforro.

A rendibilidade económica que ofrece o produto financeiro dun banco ético debe ser a mesma que a de calquera outro banco convencional?

Creo que non. É certo que hai factores como a ausencia de salarios e outros beneficios escandalosos para os altos directivos, a austeridade no uso de equipos e instalacións ou a retribución contida no capital, todo iso podería suxerir grandes marxes neste tipo de entidades e, por tanto, capacidade superior para retribuir o aforro. Pero, por outra banda, un banco ético non fai (ou non debería facer, porque algúns si o fan) investimentos especulativos nin en actividades de alta rendibilidade como a industria armamentística ou farmacéutica ou en grandes grupos industriais transnacionais, o que limita a capacidade de obter amplas marxes coa súa tesouraría. Ademais, danse sobrecustos relacionados con actividades que a banca ética considera imprescindibles como a dinamización da participación da base social ou o labor cultural e investigadora que limitan tamén a marxe. Unido a iso, as matemáticas da intermediación financeira son sinxelas: se pagas moito polos depósitos ou polo capital, tes que cobrar moito polos créditos. E creo que a banca ética non debe estar aquí.

Por que o proxecto Fiare quere elixir a forma xurídica cooperativa? En Europa hai outros bancos éticos que non o son …

O modelo de construción que detallei establécese con moita máis naturalidade na forma de cooperativa. Os valores que inspiraron este modelo de organización están en clara sintonía cos principios de Fiare e, aínda que a forma xurídica non asegura un bo funcionamento e hai que facer que o proxecto funcione na dirección desexada, si que supón o marco adecuado para desenvolver o proxecto. A lóxica non capitalista (unha persoa un voto) para a toma de decisións, o poder efectivo da asemblea, a existencia de realidades (seccións) territoriais ou un modelo dual que separa as competencias do goberno societario da estrutura de xestión, supeditando este a aquela, son algúns dos elementos que xustifican esta opción.

Hai, por suposto, cuestións abertas, como os límites á delegación de voto ou os mecanismos de designación de candidatos que deberán garantir un equilibrio entre o asamblearismo e a estabilidade na xestión, pero o marco cooperativo cremos que é o adecuado.

De que maneira pensa promover a participación dos socios nas grandes decisións do banco?

O sistema de banca ética que propón Fiare prevé a existencia de grupos locais de socios que manteñan unha relación estreita coa estrutura de xestión articúlanse territorialmente. Xunto ás responsabilidades de difusión do proxecto e de traballo cultural, terán competencias en designación de candidatos, intervencións na asemblea, dereitos de información nas cuestións estratéxicas, etc.

Fun testemuña dunha reunión de máis de cen representantes destes grupos de Banca Popolare Etica nos arredores de Florencia o ano pasado. Dous días enteiros de traballo que concluíron nunha sesión final na que expresaban as súas preguntas ao Consello de Administración e ao Comité de Dirección, ambos os presentes ao completo. E as cuestións non foron precisamente menores: criterios de aprobación de crédito, perfís de candidatos ao Consello, prezos, reunións dos directores das sucursais cos grupos locais …

Manter toda esta estrutura viva terase que facer, por suposto, con implicación voluntaria, pero tamén con recursos concretos do “departamento de socios” do banco, un dos sobrecustos da banca ética respecto da banca tradicional á que aludía antes.  Hai tamén outros mecanismos xa en marcha como os contidos e as canles de información e comunicación, ou a accesibilidade do Comité de Ética na base social.

Cal debería ser a relación das administracións coa banca ética?

A economía solidaria é un “ben público” que non só se debe protexer, senón tamén promover, e que require un apoio político decidido. Hai que pedir ás diferentes administracións que se comprometan coa banca ética utilizando os seus servizos, colaborando no desenvolvemento de proxectos concretos e lexitimando o seu valor social. Atentos a un risco de instrumentalización que é, pero sen descartar a priori este apoio. Co noso diñeiro fanse estradas e hospitais, entón por que non se reforzan os proxectos tamén de banca ética?

Neste sentido, Fiare promoveu mocións de apoio á banca ética en diversos territorios e en diferentes escalas da administración, como o Distrito de Gràcia do Concello de Barcelona, o Concello de Sabadell ou os Parlamentos balear, vasco e navarro.

Como está a afectar a crise?

Un primeiro efecto foi o aumento da actividade crediticia, ante o evidente peche de billa da banca tradicional. En 2009 prestamos case o mesmo que recollemos, aínda que a evolución do aforro seguiu sendo a esperada, sen retiradas de depósitos.

No ámbito estritamente económico, o principal efecto da crise foi a redución da marxe de intermediación pola baixada dos tipos de interese. Tendo en conta as nosas limitacións na xestión da tesouraría, unha baixada de tipos redúcenos significativamente a marxe. O noso consolo, en forma de conto da leiteira, é que, aos tipos de hai dous anos, o proxecto sería xa hoxe perfectamente sustentable.

No terreo cultural, notamos unha maior disposición por parte da cidadanía a tentar entender “de que vai isto da banca ética”. Parece que o vergoñoso espectáculo que deu o sector bancario permitiu que moita xente abra os ollos.

Por onde debe ir o proxecto a partir de agora?

Os retos que afrontamos nesta segunda fase despois da articulación territorial son fundamentalmente tres.

Por unha banda, consolidar unha base social ampla e densamente vinculada ao proxecto. Xa non se trata de articular esta rede organizativa de primeiro nivel que hoxe podemos dar por completada no seu maior parte, senón de consolidar unha base social que participe efectivamente no proxecto, a través da campaña de capital social e a creación de grupos locais.

En segundo lugar, temos que chegar ao momento de sustentabilidade económica que permita afrontar unha estruturación máis sólida da base social e o equipo profesional da organización.

En terceiro lugar, hai que concretar o punto de chegada até a cooperativa de crédito. A primeira opción actualmente é que esta cooperativa teña un alcance europeo. A nosa estreita vinculación con Banca Popolare Etica e as relacións establecidas con outras entidades no contexto da Federación Europea de Bancos Éticos e Alternativos (Febe) conduciu que, xunto coa cooperativa de servizos financeiros francesa La Nef e a Banca Popolare Etica, iniciemos un proceso para analizar a posibilidade de crear unha cooperativa europea de banca ética, que sería a primeira cooperativa de crédito europea. Os primeiros desenvolvementos apuntan á posibilidade de crear esta entidade en torno ao 2012, o que suporía unha base social de máis de 60.000 persoas e entidades socias, unhas quince oficinas e máis de cen grupos locais. Un proxecto difícil, pero moi ilusionante.

Máis información:
Web de Fiare
Outras noticias de Fiare no Portal de Economía Solidaria

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: