Carlos Taibo: “Os nosos gobernantes rozan a inmoralidade extrema”

A maioría dos problemas económicos que temos hoxe derivan do capitalismo, asegura Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid. Nunha visita maratoniana a Galicia, onde aproveitou para presentar o seu último libro e dar unha conferencia sobre un “mundo sostible”, o prestixioso ensaísta augurou que “se as cousas non mudan camiñamos cara o colapso do sistema”. Apunta o encarecemento das materias primas enerxéticas e o desartellamento social como os primeiros indicios dese delicado horizonte.

Segundo el di asistiremos a unha operación de “fogos artificiais” que nos inducirá a pensar que deixamos atrás a crise cando “os seus elementos máis fortes reaparecerán antes ou despois”. Para Taibo isto é evitable pero non cuns gobernantes que “pretenden resolver a crise co mesmo tipo de medidas que nos colocou nela”, resalta.

O ensaísta pugna por un “cambio radical de rumbo” na súa revolucionaria teoría do “decrecemento”. Nesta idea xestada ó longo dos anos de activismo social racha coa loita xeral por crecer e aposta, precisamente por todo o contrario.

Sostén que no mundo desenvolvido temos un “deber inexorable de reducir os niveis de consumo para reorientar a nosa relación rota coa natureza”. El leva anos avisando de que o consumo non é solución ós problemas económicos: “Os recursos son limitados e pretender que podemos seguir crecendo ilimitadamente nun planeta de bens limitados non é moi razoable”. Agrega unha razón antropolóxica: “Cando as sociedades son máis ricas os incrementos de consumo non acrecentan a felicidade, son máis ben un indicador de malestar e de problemas de artellamento social”.

O profesor lembra que o Nadal pasado convocaron unha folga xeral de consumo, que chamaba a atención sobre a necesidade de cuestionar os nosos deberes neste ámbito.

Carlos Taibo mantén que a situación económica actual “é realmente peor” do que nos contan. Remarca que aínda está pairando sobre España a ameaza dun plan de rescate da Unión Europea mentres os nosos gobernantes, “mestura de inmoralidade e imbecilidade” seguen sen facer nada. Neste senso recoñece non ter ningunha confianza neles. O único posible sería que “desvencellasen os nosos interes xerais dos das grandes empresas e dos bancos”, máis sospeita que “se están onde están é porque aceptaron as regras do xogo que impoñen as institucions financeiras”.

Ofrece varias receitas para saír da crise

O pensamento crítico de Carlos Taibo alcanza problemas económicos obxectivos como o “retroceso en materias sociais” e no “gasto público en sanidade e educación”. “Isto sitúa o escenario nun ámbito de inmoralidade extrema dos nosos gobernantes (os de hoxe e os anteriores que abrazaron patróns moi similares)”, subliña. Finalmente o pensador dá as súas receitas para saír da crise. Por exemplo acabar co capitalismo e aplicar un proxecto de decrecemento. Isto non quere dicir que haxa que chegar ata o decrecemento cero, simplemente é “recuperar un modo de vida acorde á natureza”, explica. Xa que logo a súa aposta máis forte é rearticular a relación co medio natural e procurar unha sociedade non asentada na primacia da producción, do consumo ou da competitividade. Taibo avoga por repartir o traballo, fomentar o ocio creativo, reducir as dimensións de moitas infraestruturas produtivas, administrativas e de transporte e recuperar a vida local frente a lóxica desbocada da globalización. O seus discurso fala de empezar unha nova forma de vivir xa que está “toca á súa fin”.

Fonte: Galicia Hoxe

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: