Balance 2010 do Proxecto de Banca Ética FIARE

Na reunión da Coordinación estatal do Proxecto FIARE de Banca Ética celebrada en Madrid o venres 4 de febreiro aprobouse o balance social e da actividade financeira do proxecto FIARE de Banca Ética no conxunto do Estado español. Os resultados mostran o avance sostido deste proxecto de construción social dunha banca ética en mans da cidadanía. Ao finalizar 2010 FIARE dispuña dunha base social de 1.820 socios (254 entidades sociais e 1.566 persoas físicas). A recollida de capital social ascendía a 2.127.832 euros e o volume de aforro captado a 25 millóns de euros. A actividade financeira de FIARE permitiu até a data financiar preto de 100 proxectos de economía social.

Ao longo do ano incorporáronse ao Proxecto 70 novas entidades sociais e 674 persoas individuais, o que supón máis de dous novos socios diarios. Doutro lado constituíronse as redes territoriais de Galiza e Canarias que a finais de ano incorporáronse tamén ao proceso de recollida de capital social nos seus respectivos territorios. Comezouse tamén a crear núcleos do Proxecto en Baleares e Aragón, a partir de entidades e persoas destes lugares con vontade de incorporarse ao proxecto.

O Proxecto FIARE propón a creación e extensión dun Sistema de Banca Ética construído sobre unha extensa rede de persoas e organizacións sociais que a través dunhas sólidas estruturas organizativas, lle permitan chegar a ser unha ferramenta alternativa no sistema económico-financeiro, capaz de ofrecer á cidadanía todos os servizos bancarios que necesita, e de promover un espazo de participación para a súa construción social e cultural.

O Proxecto FIARE xorde dunha convicción e unha intuición. A convicción de que son necesarias alternativas na esfera económica que traten de superar os problemas estruturais do sistema económico que xeran exclusión social, e promovan outro modelo de conectar o aforro dos cidadáns e o crédito. A intuición (que motivou a posta en marcha do proxecto) é que o tecido asociativo e a conciencia de moitas persoas dispoñen tanto de capacidade como de motivación para tentar consolidar unha iniciativa deste tipo, como xa ocorreu -de feito- nalgúns outros lugares de Europa.

O Proxecto FIARE é, por tanto, un movemento de acción colectiva, construído por aquelas persoas e organizacións comprometidas coa transformación social no ámbito económico-financeiro nun marco de fomento da economía solidaria. Este modelo de construción e desenvolvemento do proxecto condiciona significativamente as estruturas de participación no mesmo e enriquécese co intercambio de experiencias, a proximidade ás realidades de inxustiza e o intercambio de visións e estratexias para a transformación social.

O marco cultural do que proceden as persoas e organizacións que se vinculan a FIARE, as súas motivacións e dinamismos, facilitan o fortalecemento do sistema de adecuación ética do Proxecto FIARE a través, entre outras, de estruturas como o Comité de Ética ou as comisións de avaliación ético-social arraigadas nas redes territoriais.

En coherencia con todo iso, o proxecto FIARE constrúese sobre os seguintes alicerces:

a) Crédito ao servizo da xustiza social.
b) A intermediación financeira desde as redes da sociedade civil.
c) A mobilización do aforro responsable.
d) O carácter non lucrativo: un crecemento que mira ao interese común.

A operativa bancaria (aforro e crédito) que realiza FIARE efectúase a través dun contrato de axencia coa Banca Popolare Etica italiana, cooperativa de crédito italiana cunha base social de 35.000 persoas e organizacións, que dispón de ficha bancaria do Banco de Italia. Con Banca Popolare Etica, FIARE está a traballar para a constitución a nivel europeo dunha cooperativa de crédito inspirada nos principios e valores da Banca Ética.

Fonte: Fiare Castilla y León

Podes formar parte deste proxecto tan entusiasmante e integrador!  Participa en FiareGZ! Podes facelo nos distintos equipos de traballo (materiais, difusión, …) e nos grupos locais (de Vigo e Santiago -en proceso-  e en creación noutras cidades galegas) que se formaron para que, pouco a pouco, entre todas as persoas que así o desexemos poidamos seguir a expandir esta realidade e  a crear sinerxias.  Para máis información non dubides en preguntar en: fiaregz@proyectofiare.com.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: