“O lastre do patriarcado no agro é moi pesado”

Artigos relacionados:

Elas producen o 80% do que comen os países pobres e máis do 50% do que inxiren os ricos, pero só o 2% posúe a terra.  Unha activista nicaraguensese e outra de Sri Lanka expoñen a súa experiencia en Lalín.

Autora: Marga Tojo.  Santiago.

A nicaraguense Eva Pineda FOTO: óscar dacosta
A nicaraguense Eva Pineda
FOTO: óscar dacosta

“As cousas non cambiaron demasiado respecto de hai vinte anos no que atinxe aos dereitos das mulleres agricultoras, o lastre do modelo patriarcal é moi pesado”. A realidade que describe Eva Pineda, encargada política de xénero da ONG nicaraguense Aldea Global, apenas dista do que acontece na maioría do planeta.

No mundo habitan mil seiscentos millóns de mulleres rurais, a maioría agricultoras, o que representa máis da cuarta parte da poboación global. Producen o 80% do que comen os países pobres e máis da metade do que inxiren os ricos, pero só posúen a propiedade do 2% da terra e apenas reciben o 1% dos créditos destinados á agricultura. A situación non nos é allea. En Galiza 35.000 mulleres traballan na explotación familiar sen ter a titularidade; 400.000 no conxunto do Estado. Só que en España, despois de décadas de loita, o mércores aprobouse o anteproxecto de lei que vén substituír o decreto que estableceu en 2008 a titularidade compartida, cuxo desenvolvemento nas comunidades quedara en promesas baleiras. Doutro modo son consideradas “axudantes” dos maridos.

Igual que Eva Pineda, outras mulleres de diversos países dedicadas á concienciación feminista e soberanista participarán no encontro As mulleres alimentan o mundo que entre hoxe e mañá se celebra en Lalín. A cita, organizada por Panxea, a Cova da Terra, Amigos da Terra, Intermón Oxfam, e Solidariedade Internacional de Galicia, tentará achegar pasos para a construción dun novo sistema máis xusto.

“Nalgúns sitios de Nicaragua avanzouse e elas pasaron de ser as achegadoras anónimas do desenvolvemento económico, da alimentación, etc. a un novo papel, que é o que estamos a traballar, no que se abandone aquilo de que detrás dun grande home hai sempre unha gran muller para pasar a unha equidade. Que sexa á par dun grande home hai unha gran muller. Nós levamos a cabo accións estratéxicas encamiñadas ao cambio do machismo e do patriarcado”. Cos 1200 pequenos produtores de café, grans básicos e gandería cos que traballamos, levamos catro anos formando espazos de reflexión con homes e mulleres para concienciarnos das consecuencias que tiveron estes modelos de conduta”. “O comercio xusto achega moito á creación dunha nova realidade. Os intermediarios no mercado actual fan que nin sequera cubran os custos de produción e agudizan as diferenzas, apuntalan un modo de produción”.

Hai un proverbio en Sri Lanka, “o silencio realza a beleza dunha muller”. “Fica moito camiño por andar”, lamenta Eranga Samarakoom, que representa a ONG de comercio xusto Bio Foods na illa. “O 73% do noso país é rural e o 52% da poboación son donas. A maioría, por tanto, dedícase á agricultura. Elas teñen que ser nais, esposas, coidar dos enfermos, coidar do seu papel social, cociñar, recoller os seus maridos bébedos, e traballar fóra da casa. O curioso é que a cambio de seren os principais motores sociais e económicos do país non reciben nada. É algo histórico. E, malia o incipiente movemento feminista, o avance resulta lento en demasía”.

En África, as mulleres cultivan case a totalidade dos alimentos para a familia e a venda. Cando un home morre en Suráfrica, o lugar con máis seropositivos e defuncións precoces do mundo, a súa propiedade esquiva a esposa e os fillos e vai parar á familia do defunto. En Uganda, as mulleres representan a proporción máis elevada da produción agrícola pero posúen só o 4% do terreo. No sueste asiático, as mulleres representan ata o 90% da man de obra necesaria no cultivo do arroz. En Bolivia, Ecuador, Colombia e Perú, as mulleres manteñen os bancos de sementes dos que depende a produción de alimentos. Carecen de dereitos. Pola contra, a comunidade de Kerala, na India, logrou a propiedade colectiva de grupos de donas, “unha solución moi interesante que tamén está a seguir Kenia”. Bolivia, Honduras, Indonesia e Cambodia son tamén exemplos de incipiente prosperidade igualitaria. E os estados da vella Unión Soviética teron unha distribución “exemplar” da terra tras o ocaso da URSS, realizada con termos de equidade, unha tendencia que hoxe comeza a verse truncada en virtude das estructuras tradicionais.

Para Eranga Samarakoom “unha das cuestións máis graves é que os alimentos son un negocio de moi contadas empresas transnacionais, e por iso deixan de ser consideradas un dereito”.

Fonte: GaliciaHoxe.com.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: