Xoga o teu banco coa fame do mundo?

Autor: Gonzalo Fanjul

O prezo dos alimentos básicos segue pulverizando marcas nos mercados internacionais. De acordo co último informe trimestral da FAO, o índice de prezos alimentarios creceu máis do 60% nos últimos dous anos, varios puntos por encima da escalada de 2007-08. Se naquel momento a subida empuxou á fame a 250 millóns de persoas, non é difícil imaxinar o que ocorrerá nos próximos meses para un número incontable de familias en África, América Latina e Asia.

Trátase dunha situación grave que debería preocuparnos a todos… a menos que sente vostede no consello de administración dunha entidade financeira. Nese caso talvez topou cunha estupenda oportunidade para sacar tallada. Grazas aos masters e ao enxeño dos economistas de grandes firmas como Goldman Sachs e J.P Morgan, durante os últimos anos proliferaron os dispositivos financeiros que permiten ao investidor apostar sobre o prezo que alcanzarán os alimentos que se comen os demais. Como en calquera outro casino as ganancias poden ser elevadas, pero tamén o risco asociado a elas.

Aínda que non está nada claro que a especulación financeira estea na orixe da subida de prezos, parece indubidable que os especuladores contribúen a sostela e, o que é máis importante, multiplican a volatilidade dos mercados. Iso é o que fai máis dano aos produtores e consumidores pobres, incapaces de aguantar o shock ou de aproveitar as súas oportunidades. Que marxe tería vostede se o 70% dos seus ingresos familiares estivese destinado á compra de alimentos?

A mala noticia é que estes últimos meses constitúen un deja vu da burbulla de 2008, que veu acompañada dun incremento extraordinario das operacións especulativas. Os mercados de futuros no sector alimentario multiplicáronse por tres entre xuño de 2004 e febreiro de 2008. De acordo coa declaración de Michael Masters ante o Senado dos EEUU (citada aquí por The Guardian), “a maior parte do negocio [alimentario] é especulación; eu diría que entre un 70 e un 80 por cento”. Michael deberíao saber, porque o hedge-fund de Wall Street que dirixiu durante 12 anos gañou moito diñeiro co uso destes produtos financeiros.

Pero non todas as quenllas son estadounidenses ou británicos. A nosa Caixa de Cataluña, por exemplo, sacou ao mercado o seu Depósito 100% natural, que anima aos investidores españois a beneficiarse do encarecemento do millo, o azucre e o café. Os dous primeiros constitúen parte da dieta básica de centos de millóns de persoas que se enfrontan a unha nova crise alimentaria por uns prezos que se dispararon con respecto a 2009. Hai algo 100% natural en todo iso?

Non estou seguro de que os pequenos investidores de Caixa Cataluña vaian ter un gran impacto no mercado. Pero non é iso o que debería importar aos clientes presentes e futuros desta caixa de aforros que se enorgullece da súa obra social, senón o modo no que os seus directivos entenden a responsabilidade ética dunha entidade financeira. Cando onte pola mañá chamei para informarme sobre este depósito, a comercial que me atendeu amablemente resumiu todo o interese do produto nunha soa frase: “Trátase dun mercado que está a evolucionar moi positivamente”. “Positivamente para quen?”, pensei eu. Agora arrepíntome de non facer a pregunta, así que, se vostedes son clientes, talvez queren chamarlles e facerlla.

Fonte: blog 3500 millones

Máis información sobre outras entidades financeiras: BBVA sin armas, Banco Santander sin armas, Banksecrets, BankTrack.

Participa en FiareGZ.

O noso silenzo e pasividade fannos cómplices: España vende 4 millóns de armas ao día.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: