Que nos di do mundo unha modesta barra de pan?

Christian Parenti, autor de Tropic of Chaos: Climate Change and the New Geography of Violence (Nation Books), editor colaborador da revista Nation e socio escritor da City University of New York.

A resposta é: moito máis do que se poida imaxinar.  Para empezar, esa barra pódese “interpretar” coma se fose unha mostra básica extraída do corazón dunha sombría economía global. Vista doutro xeito, revela algunhas das liñas de falla cruciais da política mundial, incluíndo as orixes da primavera árabe que agora se converteu nun verán de descontento.

Consideremos o seguinte: entre xuño de 2010 e xuño de 2011, os prezos dos grans no mundo case se duplicaron. Neses mesmos meses caeron varios gobernos, estalaron disturbios nas cidades desde Bishkek, en Kirguizistán, a Nairobi, Kenia, e o máis inquietante é que comezaron tres novas guerras, en Libia, Iemen, e Siria. Mesmo na península do Sinaí en Exipto, as tribos beduinas subleváronse contra o goberno interino do país e controlan os seus propios bloques de ruta armados.

E en cada unha destas situacións, pódese rastrexar o problema, polo menos en parte, até o prezo desa barra de pan. Se estes levantamentos non foron “conflitos por recursos” no sentido formal do termo, hai que velos polo menos como sublevacións provocadas polo pan.

Crecente cambio climático nun trigal

O pan coñeceuse tradicionalmente como a esencia da vida. En gran parte do mundo non pode ser máis básico, xa que a barra de pan diaria significa frecuentemente a diferenza entre o sustento e a fame negra. A pesar de todo, para ver a actual política mundial nunha barra de pan, hai que preguntar primeiro: De que se fai exactamente ese pan? Auga, sal, e fermento, está claro, pero sobre todo trigo, o que significa que cando os prezos do trigo aumentan en todo o mundo, o mesmo sucede co prezo dese pan, e o mesmo pasa cos problemas.

Con todo, imaxinar que o pan só é iso, é non comprender a agricultura global moderna. Outro ingrediente crave no noso pan -chamémoslle “un factor de produción”- é o petróleo. Si, petróleo cru, que aparece no noso pan como fertilizante e como combustible dos tractores. Sen petróleo, non se produciría trigo, non se procesaría e non se podería transportar por continentes e océanos.

E non esquezades o traballo. Tamén é un ingrediente da nosa barra de pan, pero non sempre da forma que nos imaxinamos. Despois de todo, a mecanización desprazou en gran parte aos traballadores do campo á fábrica. En lugar de innumerables campesiños plantando e cultivando trigo a man, os traballadores industriais producen agora tractores e trilladoras, producen combustible, pesticidas químicos e fertilizante de nitróxeno, todos provenientes do petróleo e todos cruciais para o cultivo moderno do trigo. Se o poder laboral deses traballadores transfírese a un trigal, sucede mediante a tecnoloxía.

Actualmente, unha soa persoa conducindo unha inmensa colleitadora de 400.000 dólares, que queima 760 litros de carburante ao día, guiada por computadores e sistemas GPS de navegación satelital, pode cubrir 8 hectáreas por hora, e cultivar entre 8.000 e 10.000 fanegas de trigo nun só día.

Ademais, sen capital financeiro -diñeiro- a nosa barra de pan non existiría. É necesario comprar o petróleo, o fertilizante, esa colleitadora, etc. Pero o capital financeiro pode afectar indirectamente ao prezo da nosa barra de pan dun modo aínda máis poderoso. Cando hai tanto capital líquido que se move polo sistema financeiro global, os especuladores comezan a subir as ofertas do prezo de diversos recursos, incluídos todos os ingredientes do pan. Este tipo de especulación contribúe naturalmente a aumentar os prezos do combustible e dos grans.

Os ingredientes finais veñen da natureza: luz solar, osíxeno, auga e chan nutritivo, todo na cantidade correcta e no momento adecuado. E hai un insumo máis que non se pode ignorar: unha contribución da natureza doutro tipo: o cambio climático, que agora realmente entra en acción e, cada vez máis, é un elemento desestabilizador clave na desastrosa chegada desa barra de pan ao mercado.

Desastre comercial

ImageCando estes ingredientes se mesturan dunha maneira que sobe o prezo do pan, entra en xogo a política. Consideremos, por exemplo, o seguinte: os levantamentos en Exipto foron de importancia vital para a Primavera Árabe. Exipto tamén é o maior importador de trigo do mundo, seguido de preto por Alxeria e Marrocos. Hai que lembrar tamén que a Primavera Árabe comezou en Tunes cando o aumento dos prezos dos alimentos, o alto desemprego, e unha crecente brecha entre ricos e pobres provocaron mortíferos disturbios e finalmente a huída do autocrático gobernante do país Zine Ben Ali. O seu último acto foi prometer unha redución do prezo do azucre, o leite e o pan, pero era demasiado tarde.

Comezaron as protestas en Exipto e o goberno alxerino ordenou o aumento das importacións de trigo para impedir a crecente axitación debida aos prezos dos alimentos. Mentres os prezos do trigo aumentaban un 70% entre xuño e decembro de 2010, o consumo de pan en Exipto comezou a diminuír polo que os economistas chamaron “racionamento mediante o prezo”. E ese prezo seguiu aumentando durante toda a primavera de 2011. En xuño, o trigo custou un 83% máis do que custara un ano antes. Durante o mesmo período os prezos dos grans aumentaron un asombroso 91%. Exipto é o cuarto importador de millo do mundo. Cando non se utiliza para facer pan, o millo úsase frecuentemente como ingrediente en alimentos e para alimentar ás aves de curral e ao gando. Alxeria, Siria, Marrocos, e Arabia Saudita cóntanse entre os principais 15 importadores de millo. A medida que aumentaban os prezos do trigo e do millo ameazábase non só o nivel de vida dos exipcios pobres, senón as súas propias vidas, xa que os prezos dos alimentos, impulsados polo cambio climático provocaron a violencia política.

En Exipto, a alimentación é un tema político volátil. Despois de todo, un de cada cinco exipcios vive con menos de 1 dólar diario e o goberno prové de pan subvencionado a 14,2 millóns de persoas dunha poboación de 83 millóns. O ano pasado, a inflación xeral dos prezos dos alimentos en Exipto ascendía a máis dun 20%. Isto tivo un impacto instantáneo e devastador sobre as familias exipcias, quen gastan en media un 40% dos seus ingresos mensuais, a miúdo excesivamente exiguos, só para alimentarse.

Ante este transfondo, o presidente do Banco Mundial, Robert Zoellick, inquietouse porque o sistema alimentario global estaba “a un paso dunha crise feita e dereita”. E se se quere rastrexar esa crise case feita e dereita ás súas raíces ambientais, o sitio a buscar é o cambio climático, o clima cada vez máis extremo e devastador que domina en todo o planeta.

En canto ao pan pasou o seguinte: No verán de 2010 Rusia, un dos principais exportadores de trigo do mundo, sufriu a súa peor seca en 100 anos. Coñecido como a Seca do Mar Negro, este clima extremo provocou incendios que queimaron amplas áreas de bosques rusos, esterilizaron terras de labor e danaron tanto a colleita de trigo do país que os seus dirixentes (instigados polos especuladores occidentais de grans) impuxeron unha prohibición de exportacións de trigo dun ano. Como Rusia é cada ano un dos catro principais exportadores de trigo, isto levou a que os prezos aumentasen vertixinosamente.

Ao mesmo tempo houbo inundacións masivas en Australia, outro importante exportador de trigo, mentres as choivas excesivas na rexión central de EE.UU. e Canadá danaron a produción de millo. Inundacións estrañamente masivas en Paquistán, que alagaron preto dun 20% do país, tamén atemorizaron aos mercados e incitaron aos especuladores.

E entón eses prezos impulsados polo clima comezaron a aumentar en Exipto. A crise resultante, provocada en parte por ese aumento do prezo da nosa barra de pan, levou a protestas e finalmente á caída do autócrata gobernante do país, Hosni Mubarak. Tunes e Exipto axudaron a provocar unha crise que levou a unha guerra civil incipiente e á intervención occidental na veciña Libia, o que levou á perda da maior parte da produción de petróleo do país de 1,4 millóns de barrís de petróleo. Iso, pola súa banda, causou o aumento do prezo do petróleo cru, que no seu punto máximo chegou a 125 dólares o barril, o que causou máis especulación nos mercados de alimentos, aumentando aínda máis os prezos dos grans.

E nos últimos meses non melloraron moito as cousas. Unha vez máis, significativamente, nalgúns casos as inundacións récord danaron cultivos en Canadá, EE.UU. e Australia.

Mentres tanto, unha inesperada seca primaveral no norte de Europa tamén afectou as colleitas de grans. O sistema alimentario global está visiblemente baixo tensión, tirante baixo a intensa presión do aumento da demanda, do aumento dos prezos da enerxía, da crecente falta de auga, e sobre todo do ataque do caos climático.

E isto, dinnos os expertos, só é o comezo. Prognostícase que o prezo da nosa barra de pan aumentará até un 90% durante os próximos 20 anos. Iso significará aínda máis axitación, máis protestas, máis desesperación, crecentes conflitos pola auga, un aumento da migración, turbulenta violencia étnica e relixiosa, bandidismo, guerra civil e (se a historia pasada serve de exemplo) posiblemente unha onda de novas intervencións por parte das potencias imperiais e posiblemente rexionais.

E como reaccionamos ante esta ameazante crise? Houbo unha nova e ampla iniciativa internacional concentrada en prover seguridade alimentaria aos pobres do mundo, é dicir, un prezo estable e alcanzable para a nosa barra de pan? Xa coñecedes a resposta a esta pregunta.

No canto diso, as corporacións inmensas como Glencore, a maior compañía de comercio de recursos básicos, e Cargill, en mans privadas e secretas, o maior comerciante en recursos agrícolas, móvense para consolidar aínda máis o seu control dos mercados de grans do mundo e para integrar verticalmente as súas cadeas de subministración global nunha nova forma de imperialismo alimentario feito para beneficiarse da miseria global. Mentres o pan provocou guerra e revolución no medio Oriente, Glencore facía beneficios inesperados co aumento nos prezos dos grans. E mentres máis cara se volve a nosa barra de pan, máis diñeiro gañarán firmas como Glencore e Cargill. Considerádeo como a peor forma posible de “adaptación” á crise climática.

Por tanto, que texto debería aparecer nos nosos cerebros cando lemos a nosa barra de pan? Un de advertencia, obviamente. Pero até agora, é unha advertencia ignorada.

Advertisements

Unha resposta

  1. pareceme clarificador e é de xustiza o cambeo.todos temso dereito a o pan

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: