Fiare, un proxecto de banca ética nas nosas mans!

Charla informativa sobre FiareGZArtigo “Boletín Asemblea Popular Monte Alto” – febreiro 2012.

Hai uns días, o pasado martes 17 de xaneiro de 2.012, tivo lugar no local coruñés da A.C. Alexandre Bóveda, a presentación do proxecto de banco ético Fiare. Sendo o contexto financeiro certamente desalentador, e tendo unha convocatoria de boca-orella e sobre todo a través de redes sociais, xa que ningún xornalista ousou aparecer pola porta, destacouse o cheo total, con máis de 70 persoas sentadas e case 15 de pé, o cal dá unha idea do cansazo xeralizado por parte de moitas persoas sobre as formas habituais de actuación por parte da banca convencional.

E que é isto de Fiare? Pois é unha iniciativa, xurdida xa no ano 2.003, de creación dun banco ético, que pula por que sexa real e efectivo o dereito ao crédito por parte persoas e colectivos, canalizando os cartos cara a proxectos transformadores, pero reducindo o ámbito da actuación solicitada no préstamo. Deste xeito, xa durante o ano pasado concedeu préstamos por importe de máis dun millón de euros mensualmente a iniciativas de loita contra a exclusión social, de cooperación ao desenvolvemento e comercio xusto, de agroecoloxía e de promoción de valores solidarios.

Este traballo no facer unha economía solidaria é moi destacable, e máis aínda ao partir dunha actividade bancaria. Un dos piares precisamente vén da rexeneración social da que Fiare non quere ser un mero espectador, senón colaborador necesario e directo, na que se remarca  son válidas outros xeitos de facer economía, onde a persoa sexa o centro, e non somentes o capital.

Outro valor relevante no quefacer deste proxecto de banca ética vén dado da proximidade e cercanía das bases que forman parte de Fiare, respecto ao tecido social en cada territorio. É dicir, que o feito de coñecer de preto a colectivos, asociacións e entidades, e sobre todo a súa forma de traballar con respecto aos traballadores, ao medio ambiente e, en xeral, aos fins de Fiare, fai que a tasa de morosidade dos préstamos sexa moi inferior ao 1%, moi alonxada dos 7-8% que ronda a banca convencional. Por isto, un requisito para poder emprestar cartos é que as entidades e persoas destinarias estean vencelladas a algunha rede solidaria, no campo de actuación correspondente á súa actividade económica, ou que formen parte de Fiare. E iso precisamente chama a atención por canto vén a fomentar que fronte á exclusión social e económica de moitas persoas, se queira animar a crear redes solidarias, economía de proximidade e favorecer relacións interpersonais humanizadoras.

Para facer isto de forma legal, Fiare ten asinado un acordo coa Banca Popolare Ética, un banco italiano de referencia para o terceiro sector, do que é axente financeiro en España [hoxe en día o acordo vai máis alá], co cal está lexitimado para ofertar produtos propios de Fiare en todo o territorio. Non só é posible pedir cartos, senón que se ofertan depósitos, con máis ou menos intereses dependendo dos periodos de tempo que se desexe deixar os cartos. Con datos na man de agosto de 2.011, xa se levan recadados máis de 30 millóns de euros en aforro de particulares e entidades, o cal dá unha idea da dimensión e o espallamento que está ter de facto.

Pero ollo! É posible incluso que as persoas que deixan os seus cartos en Fiare, opten por non cobrar os intereses dos seus depósitos, elixindo en concreto ás entidades que teñen algún convenio de colaboración con Fiare, na libreta denominada Redes. Isto xa traspasa o ámbito capitalista para entrar de cheo nunha esfera parabancaria: no caso concreto de que unha entidade que non teña un proxecto económico excesivamente viable financeiramente, ou ben con escasos activos para facer fronte ao préstamo, lle pida cartos a Fiare, esta ten que avaliar tamén a viabilidade económica, diso non cabe dúbida. Pero no suposto de que non sexa posible que esa entidade solicitante entre nas condicións de Fiare, si pode entrar ese préstamo… axudado polos intereses que os depositantes na libreta Redes prefiren non dispor e ceder a outras entidades sociais.

Por outra banda, algunhas das características principais que caracterizan a Fiare é que a toma de decisións é participativa, que a transparencia é consubstancial a todas as deliberacións e acordos que se adoptan (hai un Comité de Ética que vela polo seu cumprimento!), existe un filtro ético das entidades financiadas, a actuación é ao servizo da xustiza, a participación de redes cidadáns é a base e a actividade é rendible pero non lucrativa. E isto non son palabras bonitas, senón que se plasma na práctica: todo proxecto que se presente para pedir préstamo, necesariamente ten que ser aprobado por unha Comisión ético-social da zona onde estea o solicitante dos cartos, que avalía que este cumpre coas condicións que impón Fiare.

Quizais o que chama a atención é que este proxecto de banca ética xurdiu dende abaixo, a partir de grupos e colectivos pertencentes ao tecido social e asociativo, primeiramente xurdida da confluencia de distintas institucións e persoas en Euskadi, e despois espallándose na meirande parte do territorio español, e no que conflúen, con datos a 31 de agosto de 2.011, 2.046 persoas e 282 entidades e colectivos a nivel estatal.

En Galiza hai na actualidade 25 persoas xurídicas, que abranguen grupos ecoloxistas (Adega, Verdegaia, Sociedade Galega de Educación Ambiental), sindicais (Sindicato Labrego Galego), de economía alternativa (Ais O Peto), comercio xusto (Amarante, Solidariedade Internacional), consumo responsable (Zocamiñoca, Panxea, Árbore), cristiáns (Parroquia Cristo da Victoria de Vigo, Arela, Irimia), cooperación (Enxeñería sen fronteiras, Altermundo), etc.

Bueno, pensará alguén xa: e podo deixar os meus cartos alí? Si, pero non domiciliar nóminas, nin ter banca virtual, nin tarxetas visa, nin… Lóxico, un gran non fai graneiro pero axuda ao compañeiro… Fiare atópase na fase de captar capital social e de facerse forte e arraigado ao territorio, é dicir, de que cantas máis entidades (e persoas!) comprometidas coa transformación da sociedade queiran formar parte de Fiare, máis forte e resistente será ante perdas ou problemas financeiros.  Estase no camiño de facer posible un proxecto máis completo.

E dende logo o feito de que máis de 126 proxectos, por un valor superior a 26 millóns de euros, tiveran o apoio económico de Fiare, garanten o fluxo cara a proxectos solidarios, e máis aínda nestes intres de pechar billas a niveis financeiros. Con dicir que neste ano 2011 cada mes se ten derivado en préstamos 1 millón de euros, podemos visualizar o impacto positivo e, sobre todo, de tamaño considerable, que se está a provocar no día a día.

Para máis información: http://www.fiaregz.com/ e en http://www.fiare.org/

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: