Cambiemos o diñeiro, cambiemos o mundo.

Algúns dos integrantes de Positive Money Ben Dyson, Andrew Jackon e Mira Tekelova.

Algúns dos integrantes de Positive Money Ben Dyson, Andrew Jackon e Mira Tekelova.

Unha sinxela reforma do modo en que se crea o diñeiro poría fin á crise de débeda, reduciría a pobreza e fortalecería a economía, segundo os promotores da campaña desenvolvida por Positive Money no Reino Unido.

Positive Money, unha asociación sen ánimo de lucro dedicada á investigación e o activismo, cre identificar o problema principal da actual crise económica, así como a súa resolución. A cuestión, di o grupo, é a forma en que se crea o diñeiro.

A lei británica de regulación da banca de 1844 prohibe a calquera persoa que non sexa o Banco de Inglaterra imprimir e emitir billetes en Inglaterra e Gales. Con todo, tras as sucesivas liberalizacións do mercado, o avance das tecnoloxías informáticas e a obsolecencia desta lei, fíxose posible que os bancos poidan crear diñeiro dixital – isto é, meras cifras que aparecen nunha conta -en forma de préstamos, descubertos e outras modalidades de crédito.

Segundo Positive Money, ao crear un préstamo dixital, o banco está a crear ao mesmo tempo un depósito na conta de quen recibe o diñeiro, o cal quere dicir que se está creando diñeiro que antes non existía.

Josh Ryan-Collins, investigador xefe da New Economics Foundation (NEF), afirma que é un verdadeiro mito que os bancos sexan meros intermediarios: “No Reino Unido non hai ningunha ratio obrigatoria que os bancos teñan que cumprir entre os depósitos que gardan para outros e as súas reservas de diñeiro”, de maneira que os bancos non necesitan o diñeiro dos aforradores para poder prestarllo a quen o necesita.

Segundo Positive Money, de todo o diñeiro que existe no Reino Unido, o 97% é dixital, e só o 3% existe en metálico.

Fundada en 2010, a asociación Positive Money está a avogar por que o dereito a “imprimir” diñeiro dixital estea exclusivamente en mans do Banco de Inglaterra. Para iso, Positive Money redactou un proxecto de lei que, na súa opinión, “é irrebatible e está sólidamente fundamentado” e que, se se pon en práctica, garantiría que o sistema bancario redundase en beneficio da sociedade.

Segundo este proxecto de lei, existiría un organismo independente e transparente como o Comité de Política Monetaria que decidiría canto diñeiro novo se crearía, mentres que o parlamento sería quen decidise como se gasta.

Na conferencia organizada por Positive Money e celebrada o pasado 29 de outubro [de 2011] en Londres, o fundador desta agrupación, Ben Dyson, suxeriu que dúas das formas ás que podería destinarse a creación do diñeiro novo serían a eliminación do IVE e o aumento do limiar do imposto sobre a renda -medidas que el cre que beneficiarían ás empresas e as persoas con menores ingresos. “Trátase de estimular a economía desde abaixo“, dixo.

Así mesmo, Positive Money indica que os bancos deben separar as contas correntes, nas que os depósitos estarían a salvo, das contas de investimento, nas que os clientes deben entender que hai un risco. Ademais, os bancos tamén deben dicirlle á xente como van utilizar o seu diñeiro, afirma Positive Money.

Durante a devandita conferencia en Londres, o público asistente puido escoitar a un bo número de economistas, antigos corredores de bolsa, parlamentarios, activistas e empresarios que analizaron as distintas propostas.

Un dos relatores na devandita conferencia foi Steve Baker, membro do Parlamento Británico, quen indicou que os bancos controlan o diñeiro “creando o crédito da nada”, e engadiu que é necesario “un cambio de paradigma na economía”. Así mesmo, eloxiou as propostas de Positive Money, indicando que transcenden ás preferencias políticas que cada un poida ter. “Son optimista e creo que as cousas van nesa dirección”, dixo.

Pola súa banda, Ben Dyson indicou que, na súa opinión, o señor Baker é un dos poucos parlamentarios do Reino Unido que entende como se crea realmente o diñeiro. “As autoridades, os parlamentarios, os xornalistas, o público en xeral e os contribuíntes non entenden este proceso”, dixo. “Pero a realidade é que temos un sistema monetario totalmente privatizado”.

Dyson afirmou ademais que o que el considera os “préstamos produtivos” -isto é, diñeiro prestado a empresas que producen bens, prestan servizos e crean postos de traballo- só representan o oito por cento dos préstamos concedidos polos bancos, mentres que o restante 92% destínase á especulación financeira e inmobiliaria.

Ao dirixir este diñeiro novo á economía real e produtiva, en lugar de aos bancos que o prestan en forma de débeda, reduciríanse os niveis de pobreza, afirmou Dyson, á vez que tamén se reduciría o endebedamento, redundando nunha maior igualdade dado que os máis pobres non terían que pagar tanto diñeiro aos máis ricos en forma de intereses.

Outro dos parlamentarios británicos que foron relatores da conferencia, Michael Meacher, afirmou que “o control da oferta de diñeiro debería volver estar en mans exclusivamente das institucións públicas” e engadiu que este será “o tema máis importante a ter en conta nas próximas eleccións”.

O señor Meacher, que é membro do Parlamento británico polo Partido Laborista, mostrouse totalmente de acordo con Steve Baker, tamén parlamentario pero do Partido Conservador, á hora de expresar o seu optimismo polo labor de Positive Money á hora de “dar a coñecer algo de enorme importancia para este país”.

Despois do extenso labor de investigación realizada, Positive Money está a concentrarse no seu labor de sensibilización e para iso ofrece na súa web unha ampla gama de vídeos breves e fáciles de entender nos que detalla como funciona o sistema bancario, á vez que explica as reformas que recomenda implantar. A organización ten cada vez un maior número de seguidores online á vez que está a levar a cabo reunións informais por todo o país, das cales xa celebrou máis de 30 até a data.

Fonte: Noticias Positivas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: