REAS 29M: Guía práctica para o día despois

 [catalá]

despois do 29m seguimos seguiremos

DESOBEDECENDO A FRAUDE, IMPEDINDO A ESTAFA

 

[10.197 millóns en beneficios durante 2011]

1. De bancos, banqueiros e bandidos

Desde 2003, a banca española acumula unhas ganancias de 130.000 millóns de euros. Desde que comezou a crise e o golpe de estado financeiro en 2007, xa gañaron máis de 76.000 millóns de euros, moito máis que os 50.000 millóns en recortes sociais que os mercados sociais impuxeron en maio de 2010 e até o ano 2013. Quen a fai a paga? Quen provocou a crise, segue enriquecéndose aínda: a un ritmo de case tres millóns de euros a hora.

 [230.000 millóns en ganancias empresariais]

2. De fraudes, fugas e evasións

Mentres se seguen socializando as perdas privatízanse as ganancias. As maiores empresas españolas do IBEX 35 pecharon 2011 cuns beneficios de 33.696 millóns de euros. Máis de 230.000 millóns de euros en ganancias empresariais desde que arrincou a crise. O 70% destas empresas recoñece que traballa con paraísos fiscais.

 [80.000 millóns de fraude fiscal]

3. De billetes, Botín e Urdangarín

A fraude fiscal roza os 240.000 millóns no estado español, fraude polos que se deixan de ingresar uns 80.000 millóns anuais. Rajoy prevé aplicar este ano un tesouretazo de 40.000 millóns. En 5 anos de crises deixaron de ingresar máis de 240.000 millóns de euros.

 [5.273.600 persoas en paro]

4. Canta democracia aguanta o capitalismo?

5.273.600 parados e paradas no estado español, marca absoluta da historia cunha taxa do 22,85%. O número de fogares con todos os seus membros en paro elévase a 1.575.000. Hai máis de 11,5 millóns de persoas en risco de pobreza ou exclusión social. A porcentaxe de fogares españois que están por baixo do limiar da pobreza é do 22%. Ademais, un de cada cinco fogares (o 25%) está en “situación de risco”. En toda a UE hai 84 millóns de pobres. Un 10,7% dese total están no estado español.

 [60.000 millóns no rescate da banca]

5. De burbullas rebentadas e pratos rotos.

Cornudos e a pagar a débeda, pagando xustos por pecadores na lei do embude, o goberno recorta axudas sociais básicas … para rescatar a banca e os poderosos. Axudas á banca a través do FROB (19.885 millóns) e o Fondo de Adquisición de Activos Financeiros (17.737 millóns), nacionalización de catro entidades (7.551 millóns) e unha especulación sobre a débeda soberana e a prima de risco perpetrada polas quenllas financeiras que supuxo ter que pagar, en 5 anos, 15.000 millóns adicionais en intereses. A escala mundial, o volume do rescate bancario supera os 4,6 billóns de dólares: 92 veces o necesario para erradicar a fame no mundo segundo a ONU.

 [28.213 millóns repartidos pola bolsa]

6. Entre a feria de estafas e a fraude bolsista.

Os últimos dez anos, entre 2002 e 2011, a bolsa española repartiu 202.143 millóns de euros entre as accionistas. A marca produciuse no ano 2009 cando se repartiron 32.115 millóns. En 2009, no Estado español, había 143.000 millonarios con patrimonio superior aos 800.000 euros, un 12,5% máis que en 2008. O ano pasado, as maiores doce fortunas españolas viron crecer o seu patrimonio un 6%. Doce persoas acumulan 37.000 millóns de euros, case o mesmo volume que os recortes.

 [18.000 millóns en gasto militar]

7. Guerra á guerra

Desde 2003, as partidas militares hipotecan os investimentos sociais: 52 millóns de euros diarios. 17.244 millóns o ano pasado aos que hai que engadir contratos vixentes para adquirir armamento nos próximos anos superiores aos 29.000 millóns. Desde 1997, gastáronse máis de 18.000 millóns en investigación militar, 975 o ano pasado. A participación na guerra de Afganistán custounos 2.217 millóns de euros. Cando abandonaremos a cínica guerra contra os pobres e poremos en marcha a guerra contra a pobreza, que afecta a 3.000 millóns de persoas no mundo, e a fame, que mata cada día 70.000 persoas de fame?

 [400.000 execucións hipotecarias]

8. Xente sen casa, casas sen xente. Enténdese?

Entre 2007 e 2011, asináronse máis de 400.000 execucións hipotecarias no Estado. Até o 2010, consumáronse 95.092. En 2011 realizáronse 156 desafiuzamentos diarios. No estado español hai 3 millóns de pisos baleiros. Que nos devolvan o roubado e que a súa crise a paguen eles: os especuladores mobiliarios e inmobiliarios, os banqueiros que teñen soldos 750 veces superiores ao salario medio, as multinacionais que disparan a carestía da vida, os xestores cómplices que queren golpear a saúde, o ensino e as pensións.

 [Unha fraude continuada de 558.000 millóns de euros]

9. Quen a fai, que a pague.

Se mexan por nós e dinnos que chove. Se destes cinco anos de crises sumamos os beneficios empresariais e bancarios acumulados desde 2007, o custo parcial do rescate bancario, o volume de fraude fiscal durante 2007-2011 e os intereses disparados da débeda, chegamos á cifra 520.000 millóns de euros. Só con menos do 10% desta cantidade, sería suficiente para reverter os 50.000 millóns de euros de peores recortes antisociais desde o final da ditadura. E tamén para reverter os 40.000 millóns do tesouretazo que Rajoy anunciará pronto.

 [O 99% contra o 1%]

10. Pobo que fai folga nunca morre

Só os peixes mortos seguen a corrente. E somos e estamos no país das folgas. A memoria e a solidariedade son a tenrura dos pobos e dos pobres: somos o país que en 1918 conquistou as oito horas de xornada laboral; que en 1951 protagonizaba a folga dos tranvías e paraba en seco a subida de tarifas; que en 1988 e en 2002 detivo reformas antisociais. Se non agora, cando? Se non nós, quen? Contra a economía de casino: desobedecer a fraude, impedimos a estafa. Entre todas farémolo todo.

[GUÍA PRÁCTICA PARA O DÍA DESPOIS]

DESENGÁNCHATE DO CAPITALISMO

Loitar, imaxinar, construír. Loitar polo dereito á saúde, a educación e a vivenda; loitar pola repartición equitativa do traballo (produtivo e reprodutivo) e a riqueza. Implicarse activamente para alcanzar a democracia social e económica. Imaxinar por un momento que “xa estamos a gañar” ou “estamos a deixar de perder”, pensar en como sería esoutra sociedade. E acto seguido tentar levar o tipo de vida soñado, alentar a coherencia persoal e colectiva, con prácticas comúns que se acheguen tanto como sexa posible. Construír desde o agora mesmo novas maneiras de traballar, de consumir, de relacionarnos, de convivir. A continuación propoñémosvos 10 maneiras de facelo desde a economía solidaria. Para empezar xa a desencadearnos do capitalismo. Porque cada xesto cotián é tamén política e porque a vida cotiá é o único espazo liberado do que dispomos para demostrar e demostrarnos que hai alternativas.

(1) QUE NON TE PARE NINGUÉN

Estás no paro e tes algunha idea viable que podería funcionar? Compártea con outras persoas con quen teñas confianza. Pulíndoa e asesorándovos poderíades montar unha cooperativa e traballar para vós organizándovos de maneira democrática. Tamén pódeche axudar a listaxe de boas prácticas de economía solidaria que podes ver en www.economiasolidaria.org/buenas_practicas_videos

(2) FAI TÚA A ‘TÚA” EMPRESA

A “túa” empresa está a piques de terminar, porque o dono xubílase ou porque di que “non lle saen as contas”? Non te resignes, quizais é viable e podería pasar a mans dos e das que traballades, converténdovos en cooperativa!
[Máis información en www.coceta.coop/Coceta/UnaCTA.asp]

(3) IDEAS DE ESQUERDAS PERO PETO DE DEREITAS?

Quen non xoga ao póker nunca perde ao póker. Non deixes os teus aforros en bancos e caixas bancarizadas para que sigan especulando e enriquecéndose a costa túa. Deposítaos en entidades financeiras que funcionan con criterios transparentes e democráticos e que prestan o diñeiro a proxectos sociais, solidarios e ecolóxicos. No estado español hai dúas entidades de banca ética e finanzas alternativas nas que podes participar como socia e cliente.

[Máis información: www.proyectofiare.com y www.coop57.coop]

(4) SEGUROS ÉTICOS E SOLIDARIOS

As compañías de seguros tamén xogan co diñeiro dos asegurados neste casino global que son as bolsas. Pero agora xa podes facer un seguro socialmente responsable. Algunhas cooperativas e empresas aseguradoras da economía solidaria conseguiron o selo Ethsi, que certifica a sustentabilidade social e ambiental e a transparencia dos produtos aseguradores.

[Máis información en www.ethsi.net]

(5) CONSOME CONSCIENTE E RESPONSABLEMENTE

Créanse cousas positivas con cada euro que gasto ou fanse guerras por controlar os recursos que utilizo? Contribúo a manter empresas que danan o medio ambiente ou explotan ás traballadoras e traballadores? Compro na franquía dunha multinacional ou ben na tenda do barrio? Hai outras persoas, especies ou ecosistemas que sofren por mor do meu nivel de vida? Tentamos practicar un consumo consciente e responsable: en cooperativas, en casa (lámpadas de baixo consumo, aforradores de auga …) ou no comercio de proximidade e solidario (comercio xusto).

[Máis información en www.konsumoresponsable.coop]

(6) COMPRA MENOS PARA VIVIR MELLOR

A publicidade compulsiva impúlsanos a consumir sempre máis, cando todos os estudos coinciden en que, unha vez satisfeitas as necesidades básicas, ter máis cousas non nos fai máis felices. Ademais é utópico e suicida manter o nivel de consumismo actual. Rexeitemos o consumismo irracional. Aforremos diñeiro e residuos reducindo a compra superflua, conseguindo tamén o que necesitamos nas feiras de intercambio, nos mercados de troco, coas compras compartidas e con artigos de segunda man.

[Máis información en: www.decrecimiento.info e www.aeress.org]

(7) COME SAN E REFORZA O CAMPO

Faite socio ou socia da cooperativa de consumo agroecológico do teu barrio ou pobo. Comerás máis san, conectaraste comunitariamente e axudarás a garantir a soberanía alimentaria do teu territorio e a supervivencia do noso campesinado, ameazada polas multinacionais. Xa hai máis de 600 grupos, asociacións e cooperativas de consumo ecolóxico en todo o estado español.

[Máis información en gruposdeconsumo.blogspot.com.es]

(8) A VIVENDA É UN DEREITO, NON UN LUXO

Familias ás que os bancos deixan fóra do piso por non poder pagar a hipoteca e por riba obríganlles a seguir pagando a débeda. Miles de desafiuzados. Pero só a solidariedade veciñal e a desobediencia xa detiveron o ano pasado máis de 200 desafiuzamentos, revertendo desde o apoio mutuo os peores efectos da crise. Buscamos alternativas para que todos teñan un teito a un prezo razoable: casas compartidas, emprego e granxa urbanas, redución automática colectiva dos prezos abusivos, cooperativas de vivenda de novo tipo.

[Sobre a loita contra a fraude hipotecaria: afectadosporlahipoteca.wordpress.com]

(9) REPARTIMOS O TRABALLO … TAMÉN O DE COIDADOS

Distribúe equitativamente coas persoas coas que convives o traballo doméstico e de atención ás persoas necesitadas (un “traballo invisible” que representa o 22% do PIB). Aínda hoxe a estas tarefas reprodutivas non se lles dá prezo nin valor cando son imprescindibles para a vida e recaen sempre sobre as mulleres.

[Máis información: www.economiasolidaria.org/documentos/21_horas]

(10) EMPEZA A VIVIR Á MARXE DO CAPITALISMO

En todo o estado están a nacer espazos de mercado social, redes de intercambio de produtos, servizos e coñecementos, bancos de tempo ou espazos que xa funcionan con moeda social propia. Participar destas redes de produción, distribución e consumo permíteche obter o que necesitas e mantés a coherencia entre os teus valores e as túas prácticas económicas.

[Máis información en www.konsumoresponsable.coop/mercado-social]

Nin no noso nome, nin co noso traballo, nin co noso consumo, nin co noso diñeiro.

Non se trata de saír da crise para seguir co capitalismo, senón saír do capitalismo que provoca as crises. Trátase de empezar a construír desde agora embrións dunha economía democrática, equitativa e sustentable. Unha economía ao servizo das persoas e non dos mercados. En Islandia xa o esten facendo: néganse a pagar débedas alleas, encarceran banqueiros e xulgan os ministros cómplices.

info@economiasolidaria.org

www.economiasolidaria.org

REAS – Rede de Redes de Economía Alternativa e Solidaria

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: