O imperativo da rebelión: construír alternativas

Peru Sasia, Proxecto Fiare de Banca Ética / O título soa forte, xa o sei, polo menos a primeira parte. Pero todo parece indicar que é o único que nos queda. Mergúllasenos cada día en montañas de información e desinformación sobre mercados nerviosos, mercados acougados, débedas soberanas, rescates billonarios, e todo un mostrario de escuros procesos que se desenvolven niso que se chama a “esfera macroeconómica”.

Artigo escrito para Gai Monografikoak 43

Artigo en pdf

E cando conseguimos sacar a cabeza para respirar un pouco de realidade, atopámonos con procesos xa nada escuros que afectan ao noso día a día, á nosa economía doméstica, ao noso emprego, á nosa saúde e a calquera outro aspecto que incide directamente no benestar de todos e cada un, especialmente das persoas máis fraxilizadas. E volvemos aos escuros procesos que esta vez conectan unha cousa coa outra, sobre a base de razoamentos simples (habería que dicir “simplóns”) que tentan demostrar, máis aló de toda dúbida razoable, que esas medidas que veñen da escala macro ao noso quefacer cotián son imprescindibles se queremos superar a crise, rescatar o emprego, aumentar o consumo e, ao final deste conto da leiteira, recuperar o benestar.

O resultado de toda esta dinámica é unha sensación de que as decisións políticas están, no mellor dos casos, radicalmente condicionadas por poderosos axentes económico-financeiros. Hai outras dúbidas razoables que apuntan un pouco máis lonxe: estamos a asistir a un desmantelamento global das estruturas e capacidades da democracia, en mans dos que hoxe, de feito, detentan o poder na nosa sociedade global. E ante esta realidade, a pregunta é inmediata: cal é a resposta responsable daquelas persoas e organizacións que queren rebelarse contra este estado de cousas, contra esta deriva á que o neoliberalismo desatado está a conducirnos?

Afrontar esta pregunta e comprometerse en promover posibles respostas é, nestes tempos, un imperativo ético irrenunciable, e conduce a unha serie de actitudes cidadás que empezan por un exercicio serio e continuado de solidariedade e pola construción colectiva de espírito crítico fronte aos relatos neoliberais. Pero non terminan aí, nin moito menos. A mobilización e a resposta indignada, da que estamos a ver algunhas esperanzadoras mostras nestes últimos tempos, móstranse como reaccións inevitables ante ese desmaio (outra vez, no mellor dos casos) de políticas públicas responsables que sexan capaces de embridar este capitalismo desatado e protexan o ben común.

Pero é necesario entender que, aínda sendo a solidariedade, a construción colectiva de espírito crítico e a resposta indignada esixencias ineludibles hoxe en día, non son suficientes. É necesario dar un paso máis. É necesario recuperar a militancia económica á procura de alternativas. Unha militancia que constrúa novos circuítos económicos, vinculando a persoas e organizacións en procesos de acción colectiva que se desenvolvan de acordo a criterios radicalmente distintos aos que actualmente marcan o quefacer económico. Alternativas que operen como xermes de transformación, que crezan a medida que van agregando na súa acción a persoas e organizacións comprometidas con esa transformación. Xermes que sen dúbida serán (polo menos inicialmente), circuítos curtos de produción, distribución e consumo. Alternativas que non transformarán o sistema económico no curto prazo, pero que teñen unha serie de valores que merece a pena destacar. O seu primeiro valor é simbólico: mostran que a realidade se pode transformar, aínda que só sexa a pequena escala. O segundo é cultural: a acción colectiva reforza o espírito crítico e contribúe a manter valores como a cooperación, a solidariedade ou a sinxeleza no consumo, que o nicho cultural neoliberal loita por desterrar definitivamente. O terceiro é práctico, na medida que son capaces de ofrecer a persoas e organizacións gravemente fraxilizadas unha esperanza de desenvolvemento que o sistema económico actual negoulles.

O proxecto Fiare

O proxecto Fiare de Banca Ética (www.proyectofiare.com) é unha desas alternativas, que aposta por consolidarse nin máis nin menos que no ámbito financeiro. Promovido inicialmente pola Fundación Fiare desde Euskadi, é hoxe unha densa rede con máis de trescentas organizacións xuridicamente vinculadas e máis de dous mil cincocentas persoas socias en todo o estado. Organizacións que proceden de ámbitos como a loita contra a exclusión, a cooperación ao desenvolvemento, a agroecoloxía ou a transformación en valores. Fiare insérese nese rico mundo das propostas de alternativa que constitúe a Economía Solidaria (www.economiasolidaria. org), tratando de ofrecer crédito a proxectos que loitan pola rexeneración das nosas sociedades. Cun capital social superior ao tres millóns de euros, Fiare foi capaz de crear un circuíto de intermediación financeira que, ao peche do 2011, recolleu máis de 28 millóns de aforro e concedeu financiamento a máis de cento cincuenta proxectos de alto valor social, por un importe total superior aos 25 millóns de euros.

Operando inicialmente como axente de Banca Popolare Ética (www.bancaetica.com), Fiare ofrece á cidadanía a posibilidade de subscribir depósitos bancarios completamente legais, así como de conceder practicamente todos os produtos de financiamento a aqueles proxectos que, como diciamos antes, loitan pola rexeneración das nosas sociedades. No seu proceso de desenvolvemento, Fiare atópase actualmente deseñando con Banca Popolare Ética un proxecto de integración das bases sociais de ambas as organizacións, co obxectivo de crear unha estrutura cooperativa con máis de cincuenta mil persoas e organizacións socias, capaz de operar en Italia e en todo o estado español ofrecendo os servizos bancarios habituais. É un proceso tremendamente ilusionante, que necesita da incorporación do maior número posible de persoas e organizacións para consolidar un proxecto sustentable.

Hai moitas máis cousas que dicir de Fiare, como a dinámica de participación baseada en grupos locais de persoas socias, a súa estrutura de avaliación éticosocial dos proxectos que solicitan financiamento, a súa escala salarial (limitada a un cociente 1:2) ou a súa política de trasparencia, pero quizais sexa mellor non seguir coa descrición e convidar a quen estea interesado a achegarse ao proxecto e coñecelo a fondo. É a mellor maneira de entender o valor desta proposta de alternativa financeira e deixarse enganchar por ela. Unha proposta que sabe da importancia da dimensión relacional na construción de actividades económicas orientadas ao ben común e, por iso, convoca á cidadanía non só a consumir, senón a construír banca ética.

Unha última reflexión: merece a pena preguntarse que axentes sociais poden estar nestes momentos especialmente preparados para contribuír na construción destas alternativas. Os que levan na súa cultura e na súa historia as vimbias necesarias para desenvolver unha acción colectiva deste tipo. Os que teñen a capacidade de mobilización e a lexitimidade para contribuír neste inaprazable reto. Non quedan moitos, a verdade. E quizais por esa razón sexa esta unha pregunta que o movemento sindical debe facerse cada día.

O pasado sábado 19 de maio aprobouse con gran consenso a entrada de FIARE na cooperativa de banca ética Banca Popolare Etica. Foi un día de entusiasmo e participación para a base social dun proxecto en mans da cidadanía, comunitario, transformador, ético!

Advertisements

2 Respostas

  1. Polo q sei na asamblea de fiare se aprobou seguir estudiando a posibilidade de fusion, non a fusion em si; non??

    • O proceso de camiñar xuntos xa está en marcha e foi ratificado polas bases sociais tanto de Fiare como da Banca Popolare Etica.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: