“Hai moita xente que non se fía de que banca e ética poidan ir xuntas. Eu rétoos a que contacten con Fiare”

Xoves, 31 Maio 2012

Entrevista a Raquel Doallo, socia-promotora de Fiare, un banco que promove a economía ao servizo das persoas.

Raquel Doallo, pontina de 29 anos, comezou en Fiare por ser coherente consigo mesma e co seu contorno. As alternati-vas bancarias existentes non cadraban cos seus principios. Coñeceu o proxecto Fiare, que permitía soñar cun futuro mellor. “Se participas en Fiare, constrúes Fiare, por tanto non o pensei e fíxenme socia”, confesa.

“Hai moita xente que de primeiras che pregunta: “Banca e ética na mesma expresión?”. Non se fían de que isto poda ser certo. Eu rétolles a que contacten con Fiare e podamos facer un encontro para que vexan que a única razón para non desconfiar é precisamente que participar nesta banca é sinónimo de construíla, e iso é a mellor garantía que temos de saber o que se fai cos nosos cartos. O noso obxectivo debe ser que non lle teñamos que poñer o apelativo “ético” á banca, senón que toda banca sexa ética.“

Que é Fiare?

Raquel Doallo (R.D): Fiare son dúas cousas ao mesmo tempo:

Por un lado, unha rede de persoas e organizacións con vocación de crear alternativas dentro do mercado financeiro para construír unha economía diferente, cuns valores ao servicio dunha sociedade máis xusta; Fiare é un proxecto a nivel estatal que territorialmente estrutura a súa base social en asociacións, como a Asociación Fiare Galiza, da que eu formo parte como socia-promotora. Por outro lado, Fiare é unha empresa que realiza actividade bancaria (concede préstamos e recibe depósitos) cuns criterios baseados na ética e no financiamento responsable de proxectos rexeneradores da sociedade.

Sodes unha ONG, unha asociación, unha empresa,…?

R.D: Varias cousas.

A nivel territorial xa falamos de que o mapa está constituído por asociacións (Asociación Fiare Galiza, Asociación Fiare Euskadi, Asociación Fiare Sur…), que dan identidade ao proxecto e amplían a base social desde cada territorio.

Por outra banda, a actividade financeira de Fiare desenvólvese a través da empresa Fundación Fiare SL, forma baixo a cal están contratadas as 7 persoas profesionais con que conta hoxe o proxecto. Fiare está nun proceso de fusión coa Banca Popolare Ética, S. Coop, que nos permitirá converternos en 2013 na primeira cooperativa de crédito internacional de banca ética e ofrecer todos os servizos bancarios necesarios para ser operativos en todo o territorio español coma calquer outro banco.

Para quen é Fiare? quen pode participar?

R.D: Fiare está chamado a ser un banco en mans da cidadanía para toda a cidadanía, ese é o noso lema. Por iso poden participar persoas físicas (como ti e coma min) ou xurídicas (cooperativas, ONG, sindicatos, concellos, parroquias…). O requisito para que unha persoa xurídica poida ser socia é que teña nos seus obxectivos uns fins de rexeneración da sociedade. É dicir, atopamos en Fiare un abanico moi diverso de persoas e organizacións, que reflicte precisamente a variedade do tecido social no que nos movemos as persoas.

Que é a banca ética?

R.D: É unha forma diferente de facer finanzas: invirte o modelo actual promovendo un tipo de economía ao servizo das persoas e non ao revés. A banca ética financia actividades económicas cun impacto positivo na sociedade e permite ás persoas aforradoras decidir o uso que o banco lle pode dar aos seus aforros, financiando só proxectos e empresas con fins sociais, medioambientais, culturais e humanitarias. A banca ética entende que non é de xustiza o accionar da banca convencional actual, que vén apoiando iniciativas e empresas de máis que dubidoso impacto sobre o noso entorno. Son os nosos aforros (que nós lles prestamos ao banco para que este poida “usar”) os que fan posible que un banco especule na promoción inmobiliaria ou adquira accións de empresas que se adican á distribución de armas, por exemplo. Por iso xurde o concepto do “aforro militante”: podemos e debemos decidir sobre destino dos nosos aforros.

Cal é a vosa intención/obxectivo en Ourense?

R.D: Existen no territorio galego varios grupos de difusión e promoción do proxecto Fiare a nivel local. En Vigo, Pontevedra, A Coruña e Santiago hai xa colectivos estables de socios/as que voluntariamente se reúnen e artellan como lograr que o proxecto Fiare chegue a todos os rincóns das súas localidades. Os grupos locais son parte imprescindible da Asociación Fiare Galiza. En Ourense, tras varias charlas e xornadas onde se deu a coñecer Fiare con bastante éxito, estamos tratando de darlle pulo a isto para poder conformar un grupiño bo de socios e socias que vimos mostrando interese en comprometernos a difundir e ampliar Fiare desde o noso ámbito local.

Por que eres socia – promotora, que te levou a participar?

R.D: Comezou como unha preocupación por ser coherente comigo mesma e co meu entorno. Deime conta de que as alternativas bancarias existentes non cadraban cos meus principios. Coñecín o proxecto Fiare, que me permitía non só soñar cun futuro mellor en canto a finanzas se refire, senón que dependía tamén de min alcanzar ese soño. Se participas en Fiare, constrúes Fiare, por tanto non o pensei e fíxenme socia.

Canta xente hai involucrada en Galicia? E en Ourense?

R.D: En Galiza xa somos 177 persoas e 25 organizacións. Todavía Ourense non conta cunha base social moi numerosa, mais nos últimos tempos notamos que está a crecer bastante o interese e vimos participando en xornadas universitarias, mesas redondas con outras entidades de economía social…

É un banco como os demais? Un pode depositar o seus cartos?

R.D: Polo momento, Fiare capta depósitos de aforro e concede préstamos a proxectos que “rexeneran” a nosa sociedade. O que non é posible todavía é domiciliar a nómina e algúns trámites habituais que calquera outro banco pode ofertar. Isto será posible cando rematemos o noso proceso de transformación en cooperativa de crédito internacional xunto coa Banca Popolare Ëtica Italiana, máis ou menos nun ano.

Pode solicitar hipotecas? Hai dación en pagamento para os casos de imposibilidade de pagamento?

R.D: Como diciamos, Fiare non está a conceder préstamos persoais senón a actividades económicas. Pero por suposto, apoiamos a dación en pago como recurso para o pagamento de hipotecas.

Na web de Fiare non hai ningún proxecto galego no que Fiare inviste cartos, por qué?

R.D: Porque aínda que chegou algunha solicitude non se completou ningún proceso de financiamento para negocios galegos que fose viable económica e socialmente á vez. Todavía a operativa bancaria non está ao nivel da banca convencional porque a nosa estrutura é pequena, e ademais hai que ter en conta que a Asociación Fiare Galiza naceu a principios de 2010, desde entón foise consolidando a base social galega da organización e a nosa prioridade foi difundir o proxecto e captar capital social, non só a parte máis “comercial” que como banca tamén desenvolvemos.

Que hai que facer para que un proxecto galego ou ourensán leve investimentos de Fiare.

R.D: A solicitude de financiamento debe dirixirse á Asociación Fiare Galiza, que a través do Comité Ético-Social, é a que se encarga de facer un “filtro dos valores positivos” que aportaría ao noso entorno a financiación do proxecto. Por exemplo, unha solicitude de financiación para unha cooperativa de servizos de eco-turismo pode ter, a priori, posibilidades de ser financiada. Pero o Comité Ético-Social estudiará tamén a fondo cal é (e baixo que condicións) a creación de emprego que prevé ese proxecto e cal é o impacto sobre o medio ambiente que xera a actividade, por exemplo.

Se a viabilidade ético-social é positiva, entón o segundo paso será a avaliación económico-financeira do proxecto, que é levada a cabo polo equipo equipo técnico profesional contratado. No caso galego, as solicitudes remítense á oficina de Euskadi, que é unha das 3 que hai en todo o territorio español (Bilbao, Madrid e Barcelona). Será aí onde se faga unha análise obxectiva da viabilidade económica-financeira do proxecto. No caso de que tamén sexa positiva, o proxecto será financiado.

Cales están sendo os vosos primeiros pasos en Ourense?

R.D: En Ourense houbo nos últimos meses diversas charlas e xornadas onde se contou coa participación da Asociación Fiare Galiza. Houbo boa acollida e moitas persoas mostraron interese por participar. Non só vai aumentando o número de socios/as, senón que ademais hai un compromiso de participación activa. Por iso o pasado 12 de maio tivemos xa unha pequena reunión para comezar a concretar pasos para o que será o grupo local de Fiare en Ourense, un grupo estable de socios/as (persoas físicas e organizacións) que nos uniremos para dinamizar o proxecto desde a nosa localidade.

Próximas actividades na cidade ou provincia?

R.D: De momento temos unha xuntanza o próximo día 31 de maio ás 19.00 na Casa da Xuventude para formalizar a entrada de novas persoas socias, mais calquer colectivo ou institución que queira pode pórse en contacto con nós para que organicemos unha charla ou xornada. Tamén en Allariz está por concretar un novo encontro. Toda a información sobre actividades está sempre actualizada no portal web da asociación: http://www.fiaregz.com.

É Fiare unha solución á crise?

R.D: Fiare é unha opción para que certos axentes causantes da crise non podan voltar a facelo no futuro e pode e debe servir para proporcionar alternativas para vivir mellor. Por exemplo, financiando un proxecto de economía social como pode ser unha empresa de inserción laboral que se adica á artesanía local galega, Fiare contribúe a posibilitar a creación de empleo e a distribución de produtos galegos de calidade. Somos unha organización democrática, é dicir, cada socio/a ten un voto, por tanto promovemos e representamos un sistema democrático real que supón unha novidade radicalmente positiva respecto a calquera outra iniciativa de banca. O principio de transparencia tamén é novidoso, non? Isto contribúe a cambiar o sistema, por suposto, o cal é responsable desta crise.

Fiare pode ser unha alternativa real á banca tradicional?

R.D: Por suposto. Ao peche do exercizo 2011, as nosas cifras eran de 4 millóns de euros en concepto de capital social, uns 30 millóns de euros en depósitos de aforro e 10 millóns de euros en préstamos concedidos. Falamos dunha realidade que xa presta servizos a moitas entidades sociais e na que participan miles de persoas. No horizonte de 2013, unha vez sexamos cooperativa de crédito, todo o que precisemos como usuarios e usuarias de produtos financeiros será ofertado xa pola banca ética.

Como se pode contactar convosco?

R.D: A través do email fiaregz@proyectofiare.com e esperamos que moi pronto nun punto de información creado e dinamizado polo grupo local de Ourense. No portal web http://www.fiaregz.com hai “colgados” moitos materiais e tamén toda a información necesaria para facerse socio/a. Na páxina estatal http://www.proyectofiare.com pódese atopar a historia do proxecto, os nosos principios, os produtos bancarios dispoñibles e por suposto información sobre os proxectos financiados por Fiare.

Fonte: mundourense.com

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: