“Necesitamos coñecer os mecanismos financeiros que están a dinamitar as nosas democracias”

Entrevista ao presidente do proxecto Fiare, Peru Sasia.

O salón de actos de CCOO PV acolleu onte [12 de xuño de 2012] a presentación do proxecto de banca ética Fiare. O seu presidente en España, Peru Sasia, que impartiu a conferencia “Razóns para impulsar unha banca ética e cidadá”, avoga por construír unha economía ao servizo do desenvolvemento humano desde o ámbito financeiro.

Peru Sasia, presidente de Fiare en España.

O presidente do proxecto Fiare en España, Peru Sasia, acudiu onte ao acto organizado pola Fundació d’Estudis i Iniciatives Sociolaborals (FEIS) de CCOO PV,  tres días despois do anuncio do rescate bancario español acordado polo Eurogrupo. A súa presenza neste contexto foi do todo oportuna, dado que Sasia promove unha banca ética “en mans da cidadanía”. En CCOO PV interesámonos pola súa visión e é firme ao centrar o seu discurso en poder determinar as razóns polas que chegamos a esta situación: “Á marxe de consideracións técnicas sobre os matices entre un rescate e unha intervención, ou as medidas económicas que nos teñen que impor, é imperativo desvelar que condutas, que decisións fixeron posible chegar a esta situación e que persoas estiveron detrás destas decisións”. Pola contra, Sasia advirte que as consecuencias, que indiscutiblemente terán a forma de novos recortes e menos soberanía, reforzarán un modelo de articulación social que deixa á cidadanía en mans dunha lóxica utilitarista (considerando as medidas como inevitables) contra a que cre que hai que rebelarse.

O importante para o presidente de FIARE é determinar que medidas nos permitirán saír da crise e do modelo de sociedade que se está consolidando no ámbito europeo: “Necesitamos coñecer os mecanismos, especialmente os financeiros, que están a dinamitar as nosas democracias e as conivencias que os gobernos permitiron e seguen permitindo”.

Sasia acudiu onte á sede de CCOO PV para participar na conferencia “Razóns para impulsar unha banca ética e cidadá”, que contou cunha gran asistencia de público. Alí explicou a filosofía de Fiare: investir o aforro de persoas, colectivos, empresas e administracións públicas en proxectos viables de economía social e solidaria. Trátase dun proxecto en construción dunha cooperativa de crédito que ofrecerá todos os produtos que demande a cidadanía. Está organizado en todo o Estado a través de redes territoriais e o País Valenciano xa conta cunha. Polo momento, Fiare funciona como axente exclusivo en España da Banca Popolare Ética italiana.

Un dos principais problemas derivados da crise é a nula fluidez de crédito cara ás persoas e as empresas. Que pode achegar un proxecto como o voso á situación económica e financeira de colectivos e empresas?

Peru Sasia: “Creo que o que achega é, sobre todo, un modelo de acción colectiva que trata de vincular a persoas e organizacións ao redor de circuítos de actividade económica diferentes. No noso caso, tratamos de xerar circuítos de aforro-intermediación-crédito orientados exclusivamente cara á economía real, desde unha lóxica que atenda ao valor social dos proxectos apoiados, e non só á rendibilidade económica da actividade financeira. Un modelo que rexeita, por tanto, o enfoque capitalista nesa actividade e que se autoexclúe das actividades propias da esfera especulativa”.

Loita contra a exclusión

Fiare desenvolve a súa actividade de crédito en catro ámbitos exclusivamente: a loita contra a exclusión, a cooperación ao desenvolvemento, a agroecología e a transformación en valores. A metade da súa actividade crediticia oriéntase ao apoio de proxectos no ámbito da loita contra a exclusión e o modelo de organización máis apoiado é o cooperativo. Todos e cada un deles poden consultarse en www.proyectofiare.com.

Cre que un modelo de entidade financeira como o seu pode chegar a constituírse nunha alternativa ao resto de bancos?

P. S.: “Sen dúbida. Xa é unha alternativa para o consumo de determinados produtos financeiros. Pero sobre todo, o é en relación coa lóxica de construción dos proxectos de actividade económica en xeral. Unha alternativa ao contraxeito e, por tanto, en permanente loita cultural cos mecanismos ideolóxicos propios do neoliberalismo globalizado”.

Que nivel de aceptación ten a banca ética en España? E en comparación co resto de países europeos?

P. S.: “A percepción respecto deste tipo de proxectos está a cambiar. Hoxe cústanos moito menos explicar a necesidade de construír propostas destas características, e moi especialmente na esfera financeira. Tamén está a cambiar a valoración da importancia que teñen os nosos comportamentos económicos na maneira en como se articulan as nosas sociedades. Cando xorden os primeiros proxectos de banca ética en Europa non existían as terribles evidencias do que podía chegar a ocorrer e asentábanse, sobre todo, en redes de organizacións concienciadas dos impactos sociais destas decisións. En España prodúcese esta concienciación con certo atraso fronte a países como Francia e Italia, pero hoxe pódese dicir que hai un humus cultural do que España participa e que fai posible a consolidación destes proxectos”.

Polo momento, as cotas de mercado deste tipo de proxectos dificilmente alcanzan o 0,3% do aforro nos países europeos nos que están máis implantados e é sensiblemente inferior en España. Pero, Sasia insiste en que o modelo de desenvolvemento é doutro tipo e cre que o proxecto de integración cooperativa que se está desenvolvendo entre Fiare e Banca Popolare Ética é unha experiencia de gran valor neste sentido.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: