A fame: desafío ético e político

El hambre: desafío ético y político

Leonardo Boff*

Por mor da contracción económica provocada pola crise financeira actual, o número de famentos saltou, segundo a FAO, de 860 millóns a 1.200 millóns. Tal feito perverso impón un desafío ético e político. Como atender as necesidades vitais destes millóns e millóns de persoas? Historicamente este desafío sempre foi grande, pois a necesidade de satisfacer as demandas de alimento nunca puido ser plenamente atendida, sexa por razóns de clima, de fertilidade dos chans ou de desorganización social. Fóra da primeira fase do paleolítico cando había pouca poboación e superabundancia de medios de vida, sempre houbo fame na historia.  A distribución de alimentos foi case sempre desigual.

O flaxelo da fame non é propiamente un problema técnico. Existen técnicas de produción de extraordinaria eficacia. A produción de alimentos é superior ao crecemento da poboación mundial, pero están pésimamente distribuídos. O 20% da humanidade dispón para o seu desfrute do 80% dos medios de vida. O 80% da humanidade debe contentarse con só o 20% deles. Aquí reside a inxustiza. O que ocasiona esta situación perversa é a falta de sensibilidade ética dos seres humanos cara aos seus semellantes. É coma se esquecésemos totalmente as nosas orixes ancestrais da cooperación orixinaria que nos permitiu ser humanos.

Este déficit de humanidade resulta dun tipo de sociedade que privilexia ao individuo sobre a sociedade, valora máis a apropiación privada que a coparticipación solidaria, máis a competición que a cooperación, que dá máis centralidade aos valores ligados ao masculino (no home e na muller) como a racionalidade, o poder, o uso da forza, que aos valores ligados ao feminino (tamén no home e na muller) como a sensibilidade cara aos procesos da vida, o coidado e a disposición a cooperación. Como se deduce, a ética vixente é egoísta e excluínte. Non se pon ao servizo da vida de todos e do seu necesario coidado, senón que está ao servizo dos intereses dalgúns individuos ou grupos con exclusión doutros.

Na raíz do flaxelo da fame hai unha inhumanidade básica. Se non se fortalece unha ética da solidariedade, do coidado duns a outros non haberá modo de superala. É importante considerar que o desastre humano da fame é tamén de orde política. A política ten que ver coa organización da sociedade, co exercicio do poder e co ben común. Desde hai séculos en Occidente, e hoxe de maneira globalizada, o poder político é refén do poder económico, articulado na forma capitalista de produción. A ganancia non é democratizada en beneficio de todos, senón privatizada por aqueles que detentan o ter, o poder e o saber; só secundariamente beneficia aos demais. Por tanto, o poder político non serve ao ben común, crea desigualdades que representan unha real inxustiza social, e hoxe mundial. A consecuencia disto, para millóns e millóns de persoas apenas sobran as migallas que non dan para cubrir as súas necesidades vitais. Ou simplemente morren como consecuencia das enfermidades derivadas da fame, na súa maioría criaturas inocentes.

Se non se produce un inverter de valores, se non se instaurase unha economía sometida á política e unha política orientada pola ética e unha ética inspirada nunha solidariedade básica non haberá posibilidade de solución para a fame e a subnutrición mundial. Berros desgarradores de millóns de famentos soben continuamente aos ceos sen que veñan respostas eficaces de parte algunha e fagan calar ese clamor.

Por último, hai que recoñecer que a fame resulta tamén do descoñecemento da función das mulleres na agricultura. Segundo a avaliación da FAO elas son as que producen gran parte do que se consome no mundo: o 80% – 98% no África subsahariana, o 50% – 80% en Asia e o 30% en Europa central e do leste. Non haberá seguridade alimentaria sen mulleres agricultoras, se non se lles dá máis poder de decisión sobre os destinos da vida na Terra. Elas representan o 60% da humanidade. Pola súa natureza de mulleres están máis ligadas á vida e á súa reprodución. É absolutamente inaceptable que polo feito de ser mulleres se lles neguen os títulos de propiedade de terras e o acceso aos créditos e a outros bens culturais. Os seus dereitos reprodutivos tampouco son recoñecidos e impídeselles o acceso aos coñecementos técnicos concernentes á mellora da produción de alimentos.

Sen estas medidas segue sendo válida a crítica de Gandhi: «a fame é un insulto; envilece, deshumaniza e destrúe o corpo e o espírito… se non a propia alma; é a forma de violencia máis asasina que existe».

Versión en castelán.

Fonte: www.leonardoboff.wordpress.com

 *Leonardo Boff,  teólogo, filósofo e escritor brasileiro. Coñecido polo seu apoio activo aos dereitos dos pobres e marxinados dentro do marco da Teoloxía da Liberación, e ademais ao movemento ecoloxista. É autor do libro Comer e beber xuntos e vivir en paz, Sal Terrae 2006.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: