“Hai alternativas á crise no traballo, no consumo e nas finanzas”

Domingo, 02/12/12

Entrevista a Arcadi Oliveres, activista e profesor de Economía Aplicada na UAB (Universidade Autónoma de Barcelona)

Arcadi Oliveres leva no activismo social desde os anos 70. Compaxina o labor reivindicativo e de denuncia, sobre todo nos campos do consumo responsable, a xustiza social e o pacifiscmo, coas clases na Universidade Autónoma de Barcelona, onde exerce como profesor de Economía Aplicada. Preside a ONG Justícia y Pau e sente próximo, máis que aos partidos políticos, aos movementos de base como o 15-M. Os seus dous últimos libros son Aturem a crisi (Paremos la crisis na edición en castelán) e Diguem prou (tamén publicado en castelán co título de Ya basta).

Oliveres participou no Foro Muller, Migración e Coidados, organizado por COOMIGRAR e Sisma mujer, que se celebrou esta semana en Valencia. Defende que o cidadán, na actual conxuntura de crise, desempeña un papel esencial, sobre todo, á hora de consumir. Aínda que isto non exclúa, en absoluto, a acción colectiva.

Repiten os medios oficiais que non hai alternativa (xa o dicía Thatcher no seu día). Pero Como actuar ante a crise? Posibles saídas, por exemplo, no ámbito laboral

En primeiro lugar, repartir o traballo, é dicir, unha xornada laboral máis curta para os que temos un posto de traballo. Non hai grandes bolsas de novos empregos. Pero existen alternativas. En Francia, hai unha década, durante o mandato de Jospin, reduciuse nunha hora a xornada laboral, de 8 a 7 horas diarias. En só dous meses eliminaron todo o paro, que nese momento era de 1,6 millóns de persoas. Habería que impulsar, ademais, fórmulas de cooperativismo, nas que os traballadores sexan os socios da empresa. Temos o exemplo de Mondragón, no País Vasco. A idea é que, nun contexto de crise, han de anteporse os recortes salariais (por moi dolorosos que sexan) aos despedimentos.

Parece que se está moi lonxe de adoptar a fórmula francesa. Aceptarían os traballadores unha redución salarial para repartir o traballo?

É curioso que, á marxe das propostas de Esquerda Unida no seu día, nunca se lanzou unha idea similar en España, o país con máis paro de Europa. Pero o certo é que o goberno francés díxolles aos cidadáns que cada traballador en activo, a cambio da redución salarial, cobraría semanalmente cinco horas engadidas; eses recursos sairían, alcanzado o pleno emprego, do diñeiro que o estado se aforraría en prestacións.

Que opinas da “cultura do emprendedor”? Parece unha das saídas polas que se optou

É este o discurso do PP e de CIU, entre outros. O estado pretende despreocuparse da sorte dos cidadáns e que estes, por propia iniciativa, cren empresas. En poucas palabras, dicirlle á xente “que se busque a vida”. Pero o estado non pode absterse de actuar. Ha de implicarse do todo. Lembremos que, segundo a Constitución Española, todo o mundo ten dereito a un traballo digno.

Outro campo no que despregaches a túa actividade durante moitos anos é o do consumo. Que saídas propós?

Sen dúbida, o consumo responsable. Entran aquí en xogo moitos elementos. O planeta conta con recursos limitados, aínda que nos últimos 50 anos incrementouse cada vez máis a produción e o consumo, refírome, está claro, aos países do Norte. Isto foi un desastre para todo o planeta: quecemento global, contaminación, destrución de bosques, consumo masivo de recursos enerxéticos. Temos que diminuír os niveis de consumo e adoptar novas formas. Apostar polo consumo de proximidade. Non ten sentido adquirir kiwis que proceden de Nova Zelandia. Tampouco deberiamos comprar produtos das grandes superficies, que expulsan ás pequenas tendas. Nin produtos intensivos no uso de embalaxes e plásticos.

Por tanto, consumo responsable e “decrecemento”

En efecto. Debémonos expor a que empresa compramos. Non é o mesmo comprar chocolate Nestle, que conta cun historial terrible de morte de nenos por comercialización do leite en po, en África; que adquirir chocolate artesanal, producido por empresas locais. En canto ao decrecimiento, é a resposta razoable se se considera que están a se esgotar os recursos do planeta. Pensa que nos últimos 50 anos consumimos o 70% das reservas mundiais de petróleo. Os gobernantes falan sempre de crecemento económico. Pero non, trátase de “decrecer”.

Fálase de crise financeira, Tamén neste punto pode facer algo o cidadán?

Por suposto. Hai que achegarse ao mundo da banca ética, que implica deixar os aforros en entidades que non invistan en armamento, drogas, armas, enerxía nuclear e non se dediquen á especulación financeira. Nese sentido, hai un punto no que non me canso de insistir. Non deberiamos constituír fondos de pensións privados, que se dedican a investimentos especulativos por todo o mundo en empresas que aseguran rendementos. Pero poida que sexan empresas dedicadas á enerxía nuclear ou a produción de armas.

Han de pagarse os impostos?

Penso que si. En principio, cumprir coas obrigacións fiscais contribúe ao ben común. Por esta razón hai que loitar contra a fraude. Pero dígoche, ademais, que hai determinados impostos aos que deberiamos obxectar. Persoalmente, son obxector fiscal ao gasto militar. Estes impostos non o pago.

Teoricamente cos impostos debe financiarse o chamado estado do benestar, hoxe en vías de extinción

Si, pero aquí entramos na cuestión dos recortes. E hai que matizar algunhas cousas. Cando un goberno recorta é porque ten poucos ingresos ou demasiados gastos inadecuados. Se os ingresos son escasos é, sen dúbida, polas grandes bolsas de fraude. En xullo deste ano Rajoy dixo que se vía forzado a subir o IVE, o que supuña 63.000 millóns de euros. Pero é que, a primeira semana de setembro, o sindicato de inspectores de facenda sinalaba que a fraude fiscal anual en España ascende a 92.000 millóns de euros (o 74% da fraude corresponde a grandes bancos, grandes fortunas privadas e empresas). Por outra banda, o Banco de Santander ten diñeiro escondido en 15 paraísos fiscais. E hai que lembrar que empresas como Google pagan impostos por valor do 3%, en lugar do 30% que lle correspondería.

E en canto ao capítulo de gastos inadecuados?

De entrada, gastamos moito diñeiro en salvar aos bancos. Penso, pola contra, que hai que deixalos caer. Por que? Nos últimos cinco anos pecharon as súas portas máis de 30 entidades financeiras, sen que ningún banqueiro fose procesado. En cambio, se roubas unha galiña vas ao cárcere. Rescatouse á banca co diñeiro que se recortou ao estado do benestar. Por exemplo, os 3.900 millóns de euros cos que se rescatou a Caixa de Castela-A Mancha, representan tres anos de subida de pensións. E ademais, está o gasto militar. O estado español gasta, nun tempo de crise, 52 millóns de euros diarios en “preparar a guerra”. España participa, ademais, na construción dun avión de combate europeo, xunto a Italia, Inglaterra e Alemaña, que Schröder recoñeceu no seu día que era moi caro e o seu obxectivo era atacar á URSS.

Por último, fas sempre fincapé na acción individual, no consumo responsable de cada persoa. En que lugar queda, entón, a organización, é dicir, a loita colectiva?

Na crise económica que vivimos, resulta esencial o papel do individuo na vida económica, a participación cidadá. Pero isto non exclúe, para nada, as formas colectivas, aínda que non me atrevería a dicirche partidos políticos. Si defendo, pola contra, a participación nos movementos sociais. O 15-M constitúe un bo referente. Non foi tan exitoso como me tería gustado, pero achegou savia nova, por exemplo, cos métodos de acción directa, ocupando ambulatorios ou paralizando desafiuzamentos.

Fonte: Rebelión. Publicouse este artigo co permiso do autor mediante unha licencia de Creative Commons, respectando a súa liberdade para publicalo noutras fontes

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: