A continuación presentamos varias actividades moi interesantes e variadas que foron desenvolvendo durante esta semana algúns dos colectivos que conforman Fiare Galiza:
Un cemiterio de vítimas diante do concello esixe máis dereitos sociais
Convocadas pola parroquia do Cristo da Victoria de Coia, a ODS-Coia (Oficina de Dereitos Sociais -Coia) e as xentes do G.A.S. (Grupo de Axitación Social) máis dun cento de persoas concentrámonos o 19 de decembro de 2012 ás 12 horas diante do Concello de Vigo para pedir respostas polas “vítimas do sistema, as vítimas das administracións, as vítimas da inxustiza”.
Deste xeito, a praza do Rei encheuse de siluetas que nos lembraban estas mortes. Pero tamén lembraban que os poderes, hoxe apuntabamos ao concello, esquécense destas vítimas negándolle a unha maioría crecente os dereitos sociais necesarios para vivir con dignidade.
Na escenificación escoitamos unha marcha fúnebre que deu paso á lectura do manifesto. Tras volver a escoitar a música de Mozart as alí presentes collemos -para rematar- unha silueta e a tiramos ao lixo. É dicir, fixemos o mesmoque os poderes fan cos nosos dereitos, demostrando o pouco que lle importan as nosas vidas. E isto mentres os cartos que nos negan aparecen para pagar grandes infraestruturas, avións a Londres, humanizacións de rúas… Por iso preguntámonos por que deshumanizan ás persoas?
Rematamos coas mesmas palabras que limos no acto: “Por todos nós, polo noso presente e o noso futuro, máis recursos económicos, máis recursos sociais, máis dereitos para as persoas en situación de precariedade! Por un reparto xusto da nosa riqueza!”.
PRESENTACIÓN – MESA REDONDA DA PUBLICACIÓN: “Miradas globais para outra economía” en Compostela
Este libro presenta o éxito de 15 experiencias de economía solidaria en todo o mundo: 5 do estado español, 5 de África e 5 de América Latina.
Mostra iniciativas e experiencias de éxito que demostran que non só é posible unha economía diferente guiada por valores como a xustiza, a solidariedade, a participación, a cooperación, a comunidade e a sustentabilidade, senón outro xeito de consumo que se enfronta o modelo e a lóxica capitalita.
Hai presentacións do Miradas Globais en varias vilas galegas: Compostela, Ribadeo, Pontevedra. A de Santiago de Compostela tivo lugar o 18 de decembro de 2012 ás 20 horas na librería Aenea e contamos con algúns/as protagonistas do libro: Fiare, Som Energia e unha experiencia de Economía Solidaria galega, Amarante Setem, así como cun exemplo de integración laboral de persoas con discapacidade: COGAMI. Acompañáronnos unhas trinta persoas, sendo unha experiencia moi enriquecedora.
XORNADAS DE FORMACIÓN en Economía Solidaria e Consumo responsable en Compostela e Ribadeo acollen xornadas de formación abertas a todo ó público.
Outro consumo é posible
O mércores 19 de decembro, ADEGA organizou un acto sobre o consumo baixo o título “Outro consumo é posible”, no que se abordou outra forma de consumir no noso día a día na que se tén en conta as consecuencias deste consumo tanto a nivel social, como medioambiental.
Empezamos cunha introdución sobre as repercusións do noso consumo no día a día, para dar paso a proxección do documental “A historia das Cousas”, que fai un percorrido polo ciclo de vida dos produto: extracción, venta, uso e eliminación, co que podemos tomar conciencia dos efectos que ten o noso consumo. O documental tamén nos introduce termos como a obsolescencia programada e a obsolescencia estética.
Máis tarde unha persoa socia de Fiare Galiza explicou o proxecto e as alternativas que existen na banca ética. Dende a Cooperativa de consumo responsable Zocamiñoca falounos do seu proxecto e de como a través da nosa compra en alimentación podemos cambiar o coidado que lle estamos dando a nosa terra, a nosa relación cos labregos e a nosa saúde. Para rematar a coordinadora de Roupa Limpa Galicia falounos sobre o que hai detrás de cada prenda de roupa que mercamos,finalmente abrimos un debate co público.
Panxea 2012: Proxecto “Contribución á Soberanía Alimentaria en comunidades ao norte de Potosí (Bolivia)”
Presentamos o vídeo elaborado polo Instituto Politécnico “Tomás Katari” (IPTK) describindo o proxecto de cooperación internacional “Contribución á Soberanía Alimentaria en comunidades ao norte de Potosí (Bolivia)” desenvolvido polo IPTK, SODePAZ e PANXEA, coa financiación da Xunta de Galicia.
120 familias de 8 comunidades labregas da subcentralía de Peaña (Ocurí, Bolivia) son as beneficiarias deste proxecto desenvolvido entre xullo de 2011 e decembro de 2012, que tiña entre outros obxectivos capacitar ás persoas das comunidades en materias de liderado, participación cidadá e control social, mellorar e a tecnoloxía tradicional agrícola e pecuaria e diversificar a produción agraria, aplicar progresivamente tecnoloxías melloradas de conservación e manexo dos recursos naturais, adquirir coñecementos e prácticas nutricionais e hixiénicas, e organizar a mulleres campesiñas e capacitalas para emprendementos produtivos artesanais.
Filed under: Economía solidaria e social,Eventos,Fiare GZ,Novas |
Deixar unha resposta