O sábado 19 de xaneiro de 2013 participamos máis de setenta persoas na III Asemblea de Fiare Galiza. Puidemos disfrutar dun lugar cómodo e amplo na Casa do Común dos Tilos, no concello de Teo, de tal xeito que nin a nova cicloxénese explosiva puido cos desexos de traballar e de participar que as persoas asistentes tiñamos.
A continuación podedes vislumbrar todo o que deu de si este memorable encontro cunha serie de imaxes que fan un percorrido por todo o que supuxo esta intensa xornada:
O primeiro foi a benvida, recollida de credencias e, por suposto, o atoparse con xente amiga e compañeira de arelas, ledicias e fatigas coa que intercambiar impresións, experiencias, novos proxectos…
Continuamos coa presentación do informe de actividades, a memoria económica… Aclaráronse de xeito ameno todas as dúbidas que se traían e que foron xurdindo, polo que o tempo pasou acrecentando as ganas de seguir construíndo o proxecto e sen aumentar o esgotamento.
A maioría das votacións foron por unanimidade absoluta: informes, renovación (por un máximo dun ano por estar en período de transición) da Xunta Directiva…
Tamén adicamos un tempo a traballar o que supón a Segunda Forma Xurídica na que seguimos a afondar e a coñecer as tarefas e compoñentes do actual Comité de Ética estatal que este ano se renovará pacialmente.
Como non podía ser doutro xeito contamos en todo o momento coa presenza de Clara Soler (responsable de persoas socias de Fiare), polo que puidemos facer todas as preguntas que consideramos importantes dado o proceso de integración no que nos atopamos con Banca Popolare Etica.
Os últimos momentos da mañá adicámolos a coñecer un pouco máis polo miúdo o que pretenden ser os Grupos de Implantación Territorial (GITs) ou grupos locais. Aprobamos a creación de dous GITs en Galiza: GIT Sur e GIT Norte dada a base social coa que contamos en Fiare Galiza.
A hora do xantar foi aproveitado para compartir todo o que cadaquén puido aportar, deste xeito probamos comidas variadas, caseiras e moi saborosas. O lugar disposto para a comida compartida contou cunha exposición das obras de dúas persoas socias e asistentes á asemblea que nos permitiron coñecer a súa boa forma de expresarse mediante a arte.
Despois do merecido descanso xuntámonos para poder comezar coas Asembleas constituíntes do GIT Sur (con xente dos grupos locais de Vigo, Pontevedra e Ourense) e GIT Norte (con xente dos grupos locais de Coruña, Compostela, Ferrol e Lugo).
Agora queda moito por traballar pero merece a pena! Non dubides en informarte e participar no grupo local da túa zona!
Filed under: Banca Popolare Etica,Fiare Banca Etica,Fiare GZ,Novas |
Deixar unha resposta