Finanzas Éticas e Economía Solidaria: unha relación multidimensional

Peru Sasia

No ámbito da Economía Solidaria estamos a vivir nestes últimos tempos o desenvolvemento de propostas de alternativa económica de gran calado. Xunto aos espazos económicos que viñeron construíndo historicamente a Economía Solidaria, incorporáronse nos últimos anos circuítos novos que inclúen produtos e servizos que forman parte do mesmo corazón do armazón económico capitalista: seguros, enerxía, intermediación financeira… mesmo estamos a asistir á configuración dun sólido espazo de intercambio para todo o conxunto, un Mercado Social. Son circuítos que se desenvolven coa vocación de consolidar propostas de alternativa de amplo percorrido, e que veñen complementar ese rico armazón que veu construíndose desde a Economía Solidaria. Entre estes novos circuítos fixarémonos hoxe no ámbito da intermediación financeira, compartindo unha reflexión sobre a relación entre as propostas de intermediación financeira alternativa que se desenvolven no ámbito da Economía Solidaria e o propio espazo de alternativa que constitúe todo o conxunto. Que traen, e que reciben, as propostas de intermediación financeira alternativa á Economía Solidaria?

Responder a esta pregunta supón interrogarse por aspectos tan importantes na configuración dun proxecto como a estrutura de propiedade, as dinámicas de desenvolvemento, a relación coa contorna ou o tratamento do capital. Na práctica, a pertenza ao espazo da Economía Solidaria expón aos proxectos de intermediación financeira alternativa unha vinculación con ese espazo que se desprega en diferentes dimensións. En primeiro lugar, unha dimensión de pertenza ideolóxica, que implica compartir co conxunto os principios da Economía Solidaria. Esta pertenza define de maneira moi nítida os contornos da intermediación financeira alternativa, e a súa aplicación concrétase en aspectos tan importantes como a participación, a transparencia, o lugar do persoal contratado no proxecto, a cooperación, a vinculación co local, a perspectiva de xénero, a sustentabilidade ambiental ou o tratamento do capital e dos excedentes da actividade.

De entre todos estes elementos, paréceme importante resaltar, dadas as características específicas da intermediación financeira, a importancia da participación e do tratamento do capital. Non podemos esquecer que estes proxectos, especialmente os que se desenvolven coa vocación de implantarse a escala estatal como Coop57 ou Fiare, van consolidando estruturas con bases sociais amplas e volumes de actividade económica sensiblemente superiores aos da maioría das organizacións da Economía Solidaria. Por iso, a consolidación dunha rede densa de capital social na que se articulan canles estables e permanentes que permitan a participación resulta imprescindible. Para estas realidades, a participación é moito máis que un medio. É un fin en si mesmo, unha característica inseparable do conxunto de elementos de alternativa que as configuran. Sen a participación, as finanzas alternativas perden un dos seus alicerces básicos e debilítase todo o conxunto. Sen a participación, resulta impensable entender as realidades locais e dialogar con elas. Sen unha base social comprometida, motivada e dinámica, que se sente protagonista do proxecto, é moi difícil fomentar o traballo en rede con outras organizacións aliadas, promovendo a acción colectiva e o intercambio de saberes e recursos a diferentes niveis. Sen a participación, esta relación entre organizacións perde o seu potencial transformador, quedando no mellor dos casos reducido a meros acordos comerciais. Sen a participación, en definitiva, debilítase o “rostro social” do proxecto, que perde a súa dimensión política e boa parte da súa lexitimidade, quedando reducido a un espazo que non convoca a construír colectivamente a alternativa, senón a consumir un produto construído e ofrecido por terceiros.

Respecto ao tratamento do capital, a condición esencialmente non lucrativa dos proxectos de intermediación financeira alternativa que pertencen ao espazo da Economía Solidaria reflíctese nunha dinámica de apropiación do proxecto que convoca na súa estrutura a persoas e organizacións interesadas en construír unha alternativa por encima do retorno económico que a súa condición de persoas clientes ou socias poida ofrecerlles. Os proxectos de intermediación financeira alternativa non poden estar de ningunha maneira sometidos ao xugo da superrendibilidade, nin ás súas estratexias condicionadas pola esixencia de retribución, pola vía de dividendos, a aqueles accionistas que decidiron investir no proxecto á procura deste retorno económico. O que vincula á base social é radicalmente distinta. Nútrese dunha aspiración de transformación social, nun marco radicalmente contracultural que é necesario (de novo) construír colectivamente.  Os principios da Economía Solidaria reflícteno con moita claridade: a reinversión e a redistribución dos excedentes, o valor do impacto social, a solidariedade con terceiros, a ausencia de posicións dominantes, o recoñecemento efectivo do dereito ao crédito para determinados proxectos e colectivos… son todos eles elementos que configuran unha maneira concreta de construír estes proxectos e que vinculan ás organizacións da Economía Solidaria e ás persoas comprometidas con este espazo nunha nova dimensión, que engade á pertenza ideolóxica a vinculación real (e militante) na construción das finanzas éticas.

Unha terceira dimensión que relaciona as finanzas éticas coa Economía Solidaria vén constituída pola posibilidade de reforzar mediante o crédito o desenvolvemento deste espazo. A Economía Solidaria pode dispor, desta maneira, dun novo elemento que favoreza a súa autonomía e capacidade de desenvolvemento, sen depender de ferramentas financeiras capitalistas, cuxas prioridades fraxilizan permanentemente as súas posibilidades de consolidación. Ante esta dimensión da relación entre as organizacións da Economía Solidaria e os proxectos de intermediación financeira alternativa, os retos que se expoñen son evidentes: por unha banda, consolidar de forma prioritaria unha maneira de avaliar as solicitudes de financiamento que coñezan as especificidades desas organizacións. Por outro, a creación de circuítos de intermediación adaptados ás diferentes realidades, vinculando aforro e investimento orientado ao apoio financeiro a estes proxectos. Desde esta perspectiva vese con claridade a necesidade de entender a intermediación financeira alternativa no espazo da Economía Solidaria como un Sistema complexo de ferramentas financeiras, que reúnan desde circuítos de proximidade até entidades bancarias, pasando por diferentes niveis de implantación e especialización. E é desde esta perspectiva desde a que se entende así mesmo o valor de articular un marco sólido de relación entre as diferentes organizacións que pertencemos a este espazo, ao que podamos chamar o Sistema de Finanzas da Economía Solidaria. Este é o noso reto colectivo nestes momentos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: