Urxe outro tipo de banca

Editorial do número 2 da Revista “Alternativas Económicas”, abril 2013.

 Autor: ANDREU MISSÉ, director da reAndreuvista “Alternativas Económicas”

A crise que está a padecer este país non caeu do ceo, foi xerada en boa parte por unha carreira desenfreada das entidades financeiras nacionais e estranxeiras pola procura de beneficios sen concesións. O soporte empregado foi o sector inmobiliario, que recibiu  unha  xigantesca  masa de crédito provocando unha espiral de prezos  e ganancias  absolutamente insustentables a medio prazo. A ruptura deste período  de euforia pola  súbita interrupción do financiamento exterior como consecuencia da crise internacional conduciu á quebra de varias entidades, especialmente caixas de aforro, e á inutilización do sector para fornecer financiamento á economía.

Esta arriscada secuencia viuse agravada especialmente porque as entidades financeiras xogaron cun diñeiro do que non dispuñan, que tomaron prestado dos bancos europeos,  que tamén optaron por participar e beneficiarse do festín da burbulla inmobiliaria española que entre todos crearon. Sen a manga para regar de euros dos bancos alemáns e franceses, non sería posible inchar tanto o globo inmobiliario.

O peche da billa crediticia  xerou un parón económico de terribles consecuencias que xa se levou por diante 3,5 millóns de empregos, expulsou das súas  vivendas a decenas  de miles de familias  e  utilizou  os aforros de centos  de miles de titulares de participacións preferentes  como primeira forza de choque para sanear  a bancos e caixas.

Os anos do barullo  financeiro están a pasar unha factura tremenda, especialmente aos cidadáns que perderon o emprego, os aforros  ou a vivenda, ou todo á vez. Resulta difícil comprender  a cegueira  do Banco de España e do Banco Central Europeo ante as dimensións  desproporcionadas que ían adquirindo a burbulla crediticia e unhas  prácticas financeiras tan heterodoxas.  Ante a ineficiencia dos gobernos e dos grandes partidos  políticos, a defensa dos intereses cidadáns está cada vez máis en mans de novas plataformas  sociais.  Igualmente  están a mostrar unha maior sensibilidade  polos dramas sociais os Defensores do Pobo e Síndics de Greuges, así como algúns xuíces das institucións  oficiais.

O balance do papel desempeñado polas entidades financeiras é inaceptable polo ocorrido. Nos anos do boom  obtiveron uns rendementos extraordinarios de até o 30% anual do capital, o cal supuxo uns beneficios acumulados de 190.000 millóns de euros (1996-2010). Pola contra, desde que estalou a crise, os bancos e sobre todo as caixas  consumiron axudas, de até 185.000 millóns, na súa maior parte públicas, nacionais e europeas. Ademais, o conxunto do sistema financeiro español foi rescatado literalmente da bancarrota polo Banco Central Europeo (BCE) coa inxección de máis de 300.000 millóns  en condicións privilexiadas  con tipos de interese do 1% durante tres anos.  En resumo, a crise supuxo unha clara transferencia de rendas. Os titulares de accións bancarias beneficiáronse extraordinariamente nos  anos bos, mentres que os contribuíntes pagaron a factura dos rescates.

En poucos anos pasamos de ter “o sistema financeiro máis sólido do mundo” a descubrir uns bancos e caixas  maltreitos que precisaron toda sorte de auxilios públicos, que en contra do prometido non serviron para renovar o crédito a familias e empresas. A realidade é que non sabemos cal é o estado real das institucións españolas. É necesaria unha investigación realizada polas propias institucións do país. En 2011, o Goberno de Estados Unidos realizou  un exame a fondo da súa banca  cuxas conclusións  foron recollidas  en The Financial Crises Inquiry Report, que foi de gran utilidade para corrixir as irregularidades cometidas. No Reino Unido, o informe Vickers, encargado polo Goberno británico, impulsa unha reforma estrutural do sistema bancario para evitar que as futuras crises supoñan un custo para o contribuínte. Na UE, o informe Liikanen avoga por esixir máis capital dos bancos e maior uso do autorrescate. O poder, sen precedentes, alcanzado polo sistema financeiro en España esixe urxentemente unha regulación máis estrita. Fai falta unha radiografía da situación  real do noso sistema financeiro, para acabar coas repetidas sorpresas como o recente recoñecemento dunha morosidade oculta a través dos  refinanciamentos  de créditos morosos por valor de 150.000 millóns. Non é soportable que o volume dos créditos impagados  nas actividades inmobiliarias  sexa oito veces máis elevado que os  errados da  industria.

Non estamos en contra dos bancos, nin moitos menos, senón en contra dos seus abusos e das súas disfuncións económicas. É evidente que necesitamos outro tipo de banca e outro tipo de regulación financeira máis rigorosa na liña das recomendacións dos informes Vickers e Liikanen. É urxente dispor dunha banca útil, con menos ínfulas,  na que non teñan cabida os soldos estratosféricos, que estea efectivamente ao servizo da economía e dos cidadáns. Os aforradores deberían dispor dunha garantía pública efectiva dos seus depósitos e os empresarios e emprendedores, de recursos  necesarios  para financiar novos proxectos, único camiño para volver xerar rapidamente emprego.

AlternativaseconómicasÉ necesaria unha clara separación entre as actividades financeiras útiles para o investimento e o emprego, que deberían contar con protección pública, das actividades  especulativas.

Fonte: alternativaseconomicas.coop

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: