Entrevista a Peru Sasia (Fiare): “A banca ética pretende pór o crédito ao servizo da xustiza”

Autora:Carmen Martí, Comunidad Étnor.

peruQue diferenzas hai entre a banca ética e a banca tradicional?

Os proxectos de Banca Ética desenvolven a actividade de aforro e crédito dunha forma completamente distinta á que se pode atopar nas entidades financeiras tradicionais. Pero son, ademais, moito máis. Son propostas de agregación cidadá que se constrúen sobre a base dunha extensa rede de persoas e organizacións da sociedade civil.

Entre os principios fundamentais que delinean os contornos da Banca Ética podemos destacar catro.

  • En primeiro lugar, pór o crédito ao servizo da xustiza. Estes proxectos parten dun diagnóstico concreto: as nosas sociedades son inxustas e é a esa inxustiza á que o proxecto quere facer fronte, pondo a intermediación financeira ao servizo da súa rexeneración. Esta orientación do crédito concrétase nunha restrición “positiva” dos ámbitos de financiamento e na articulación de diversos circuítos de intermediación, que buscan adaptar a cada caso as necesidades das persoas aforradoras e de quen solicitan financiamento.
  • O segundo principio é o de identidade: son proxectos construídos por persoas e organizacións comprometidas coa rexeneración das nosas sociedades inxustas, o que garante un coñecemento das realidades de inxustiza e fan posible a aliñación das ferramentas financeiras con outras ferramentas necesarias para a súa superación. Este principio condiciona a estrutura de propiedade e a estratexia de desenvolvemento destes proxectos, fomentando o traballo en rede e a solidariedade descentrada.
  • O terceiro principio, que explica a súa vocación de inserirse no sistema como unha entidade financeira máis, é o de acción significativa. Son propostas que perseguen canalizar múltiples intereses individuais cara á transformación, ofrecendo os servizos bancarios habitualmente demandados, tratando de rescatar da lóxica neoliberal o espazo da intermediación financeira.
  • O cuarto principio é o seu carácter non lucrativo. Nestes proxectos, ningunha persoa ou grupo que participa nas tomas de decisións se pode beneficiar persoalmente dos excedentes económicos que se puidesen xerar no proceso de intermediación financeira. Este principio condiciona de novo a estrutura de propiedade da entidade e os procesos de toma de decisión, tratando de manter a identidade a medida que o proxecto se vai desenvolvendo.

Entre os elementos formais que caracterizan á Banca Ética pódese resaltar que  os niveis salariais atópanse nos límites habituais das empresas da economía solidaria (no caso de Fiare o cociente da súa escala salarial é inferior a 1:3). A información transparente de todo o circuíto do diñeiro é así mesmo un aceno de identidade dos proxectos de Banca Ética.

Cando nace Fiare e con que fin?

O proxecto Fiare de Banca Ética leva desenvolvéndose desde o ano 2003. Impulsado inicialmente pola Fundación Fiare desde o País Vasco, é hoxe unha realidade de ámbito estatal que, a peche de 2012, foi capaz de reunir aforro por valor de máis de 35 millóns de euros, e concedeu financiamento a máis de 150 proxectos sociais por un valor superior aos 30 millóns de euros.

O proceso de articulación social de Fiare, auténtico aceno de identidade do proxecto, fixo posible que sexan máis de catrocentas as organizacións promotoras vinculadas xuridicamente ao proxecto, a través de once redes territoriais, estendéndose practicamente por todo o territorio do estado. É unha rede de redes que posúe a súa maior fortaleza no intercambio de saberes, recursos e capacidades que, nun contexto cooperativo denso, ofrecen todas estas organizacións promotoras e que fixo posible chegar ao momento de sustentabilidade económica sen menoscabar a súa autonomía ao non recorrer a investidores empresariais ou institucionais. A súa base social complétana máis de catro mil persoas e organizacións que subscribiron participacións sociais por valor de máis de catro millóns de euros en todo o estado.

En que momento se atopa no noso país?

Fiare afronta a curto prazo un proxecto de gran transcendencia: a integración da súa base social coa de Banca Popolare Etica, tras máis de dez anos de traballo conxunto. Banca Popolare Etica, cooperativa de crédito italiana con sede en Padova, é unha entidade referente da banca ética a nivel mundial, fundadora da Federación de Bancos éticos e alternativos, e leva operando de forma sustentable desde hai máis de doce anos e que conta cunha base social de máis de 40.000 persoas e organizacións socias.

En definitiva, un proxecto cooperativo que contará a finais de 2013 cunha base social de máis de 45.000 persoas e organizacións e cunha actividade de aforro e crédito próxima ao dous mil millóns de euros. Números pequenos se os comparamos cos grandes monstros financeiros, sen dúbida. Pero das fraxilidades deses grupos e o risco social que supoñen xa ouvimos bastante nestes últimos tempos. E, non o esquezamos, estamos a falar dun proxecto de alternativa. Este proceso de integración, referendado polas asembleas xerais de ambas as entidades en maio de 2012, supón sen dúbida un innovador modelo de desenvolvemento a escala europea, cunha estratexia nítidamente pegada ao territorio, e radicalmente distinto aos procesos de crecemento e implantación dos grandes grupos financeiros. Un proceso que suporá así mesmo que Fiar poida seguir completando a súa oferta de servizos no mercado español, co desenvolvemento de produtos como contas correntes, banca por Internet ou tarxetas.

Cal é o balance dos últimos anos?

Tras dez anos de andaina, podemos dicir que estamos a pechar unha etapa. Unha etapa que poderiamos chamar “fundacional”, na que fomos construíndo a estrutura social básica de Fiare e delineando o noso estilo de funcionamento. Unha etapa na que apostamos por desenvolver xunto a esta construción social unha actividade financeira incipiente, como axentes de Banca Popolare Etica, que nos permitise ir creando un circuíto de intermediación capaz de conectar aforro e crédito para a trasformación social. Foi unha aposta arriscada e moi custosa, que puidemos levar a cabo grazas ao compromiso dun gran número de persoas e organizacións que traballaron sen descanso, crendo cada día un pouco máis en que Fiare é un proxecto que merece a pena, e facéndoo posible. Unha aposta na que as persoas da nosa estrutura profesional asumiron boa parte da carga, e cuxa entrega e bo facer queremos recoñecer de forma explícita nestas liñas.

A crise financeira e os seus demoledores efectos nas persoas máis febles e nas organizacións que traballan con elas viñeron a reforzar a dolorosa evidencia que nos empurraba a iniciar o noso camiño. Sabemos, e confirmamos cada día, que a aposta por construír un Sistema de Banca Ética asentado sobre a acción colectiva non é só posible, senón necesario e urxente. Desde esta convicción pechamos unha etapa e afrontamos un novo escenario, no que a fase de axentes vai tocando ao seu fin.

O ano 2013 ábrenos a un novo proceso en que tanto Banca Popolare Etica como Fiare apostamos por crear un proxecto conxunto que nos permita consolidar unha cooperativa de ampla base social. Para Fiare, este novo escenario supón seguir avanzando no que desde o principio da nosa andaina foi nosa maior aposta: poder operar en todo o Estado como cooperativa de crédito, ofrecendo progresivamente os servizos bancarios habituais e reforzando así un circuíto de intermediación que permitise orientar o crédito á construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva.

Nesta nova fase, os retos que afrontamos ademais do desenvolvemento operativo da Cooperativa, seguen sendo os mesmos, e moi especialmente reforzar o capital social, creando unha base social cada vez máis forte e cohesionada, cunhas estruturas de participación que nos permitan seguir pegados á realidade, e poñan en valor as capacidades de todos os que, día a día, construímos Fiare. Temos as vimbias necesarias para facelo. Desde as estruturas de coordinación de nivel territorial e estatal até os grupos locais, a base social de Fiare vai aos poucos consolidando unha realidade dinámica en continuo desenvolvemento que mira ao futuro con serena ilusión. Contamos neste camiño coa impagable achega dun Comité de Ética que asumiu a difícil encomenda de ir entrelazando os elementos necesarios para que Fiare sexa un proxecto cuns contornos éticos sólidos, entre os que é necesario destacar a nosa metodoloxía de avaliación ético-social das solicitudes de financiamento e a estrutura de comisións territoriais que a desenvolve.

Que tipo de clientes se achegan ás vosas portas?

A estratexia de implantación de Fiare articúlase a partir da nosa rede de persoas e organizacións socias. Elas decidiron non só consumir produtos de Banca Ética senón construír un proxecto de Banca Ética que poida consolidarse. A partir desta rede, os nosos clientes achéganse ao proxecto pola lexitimidade que ofrecen estas persoas e organizacións comprometidas na súa construción, de tal maneira que podemos falar dunha dinámica de círculos concéntricos que vai estendéndose aos poucos pero con moita solidez. Os nosos/as socios/as e clientes son, por tanto, persoas que xa antes desta crise decidiran preocuparse de cuestións como o desenvolvemento local, o comercio xusto, a loita contra a exclusión, a soberanía alimentaria ou a cooperación para o desenvolvemento.

Cres que a crise está a facer aos consumidores máis críticos?

Fiare empezou a desenvolverse, non o esquezamos, moito antes da crise financeira. En momentos nos que falar de alternativas ao sistema financeiro parecía algo absurdo. Hoxe enténdese moito mellor a necesidade de construír este tipo de alternativas e, desde este punto de vista, si podemos dicir que hai unha maior crítica social e unha maior preocupación polas nosas pautas de consumo.

IMG_1508Con todo, un proxecto de Banca Ética como o que desenvolve Fiare require dun traballo cultural intenso que trate de mostrar a gran importancia que ten hoxe en día xerar nas nosas sociedades do Norte outros modos de facer economía que impliquen de maneira directa á cidadanía, como axentes activos e responsables na construción de sociedades xustas. Este é un marco nítidamente contracultural en relación co modelo de consumo, mesmo de cidadanía, que se constrúe desde o sistema económico actual.

É importante entender que resulta sen dúbida excesivo falar de decisións conscientes cando nos referimos aos nosos comportamentos na esfera económica. Consumimos determinados produtos e servizos sen saber, nin querer saber, nada do que ocorreu para que, ao longo de toda a cadea de subministración, acabemos accedendo a eles. A tremenda presión da publicidade fai o seu traballo, tocando os resortes máis eficaces para mobilizar as nosas decisións: comodidade, facilidade, felicidade, recoñecemento social, mocidade, saúde,… incluso a solidariedade utilízase como reclamo. O resultado é fácil de prever: non só non somos conscientes das consecuencias das nosas decisións, senón que non sentimos ningunha necesidade de selo.

Os proxectos de Banca Ética como Fiare pretenden dar un paso máis, entendendo que non é suficiente con declarar a necesidade de facernos conscientes e asumir as consecuencias das nosas opcións de consumo. É imprescindible transitar outros camiños se queremos aflorar os dinamismos necesarios para poder agregar cidadanía responsable ao redor de opcións de consumo que contribúan a investir esa vergoñosa tendencia do capitalismo a xerar desigualdade e esgotar os recursos do planeta. Outros camiños que mostren as consecuencias globais do sistema económico actual e nos fagan dubidar da súa sustentabilidade; que nos permitan detectar esas bombas de reloxaría ocultas que hoxe, quizais, a última crise financeira nos está a axudar a entender un pouco mellor. Pero, sobre todo, outros camiños que analicen as bases sobre as que articular alternativas que consigan dita agregación e que, en último termo, as fagan coñecidas e elexibles. Aí radica, como diciamos, a clave para poder rescatar a nosa cidadanía caída. Non só pór en evidencia a súa condición, senón tentar mostrar que existen maneiras diferentes de comportarse na esfera económica.

Fonte: Comunidad Étnor.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: