“O beneficio máis alto é para todos/as” (L’interesse più alto è quello di tutti).

Firenze-cartazDurante este ano 2013, as persoas socias de Fiare en Galiza estamos a traballar na nosa integración coa Banca Popolare Etica (BpE), cooperativa sen ánimo de lucro coa que vimos operando para ofertar produtos financeiros no territorio español. Esta decisión fora aprobada no 2012 pola nosa base social na I Asemblea Xeral de Fiare en Rivas Vaciamadrid e referendada en Italia neste mesmo ano, creando así Fiare-BpE.

O primeiro, facer as presentacións

Como igual xa explicamos nalgunha ocasión, Fiare está conformada por preto de 4.000 persoas e case que 450 organizacións de todo o estado, que achegamos máis de 4 millóns de euros de capital social. Grazas ao destino ético dun aforro que se eleva aos 34 millóns de euros, xa financiamos proxectos por un valor de 31 millóns de euros. Fiare Galiza contribúe á consolidación deste proxecto con preto das 300 persoas socias e case 30 entidades.

Pola súa parte, en BpE conflúen hoxe preto de 37.000 persoas asociadas e case 38 millóns de euros de capital social. A entidade resultante da integración de Fiare nas súas estruturas terá sen dúbida máis forza e instrumentos para axudar á transformación social e construción doutra economía e sociedade máis xustas e solidarias.

Fiare na BpE

FiareGZ-FirenzeEra a primeira vez que socias de Fiare Galiza participabamos na Asemblea de BpE e fixémolo xunto a máis de oitenta persoas de todo o estado. Un grupo de nove persoas socias de Fiare Galiza e asemade de Banca Popolare Etica, -dous irimegos entre eles-, tivemos a oportunidade de participar na súa Asemblea, que se celebrou en Florencia o pasado sábado 18 de maio de 2013. Agardabamos este momento con moitas expectativas. Viaxamos cheos de ilusión pois a oportunidade era única e todos coincidimos en ter vivido un momento histórico.

Cadrou neste encontro a elección do novo consello de administración de Banca Etica, que é como adoita coñecerse en Italia a BpE. E se algo temos que salientar ao longo das máis de cinco horas de duración da asemblea foron as mencións e chiscadelas constantes ao futuro común, pois a integración de Fiare é unha das liñas estratéxicas de crecemento para os vindeiros anos. Como exemplos, o aplauso clamoroso ao candidato de Fiare ao consello de administración (Peru Sasia) na súa presentación; a súa elección como integrante dese consello co apoio maioritario das persoas participantes (foi a terceira persoa en número de votos recibidos); a consideración da Fundación Fiare como unha das entidades fundadoras de BpE.

Grazas á tradución simultánea puidemos seguir o desenvolvemento da asemblea sen atrancos lingüísticos, coñecer moito máis da estrutura interna e do funcionamento de BpE, coñecer o seu crecemento e os seus beneficios no balance (máis dun millón seiscentos mil euros) e aprobar tamén os orzamentos para o vindeiro ano, percibir o seu apoio preferente a Fiare e poñerlle rostro e voz a moitas das persoas que conformamos esta entidade.

Construíndo un mundo diferente

Fiare-FirenzeEn definitiva, estamos a construír xuntas a primeira cooperativa de crédito europea sen ánimo de lucro, en cuxo consello hai máis mulleres ca homes e que no vindeiro ano comezará a operar no territorio español co visto e prace do Banco Central de Italia e a conformidade do Banco de España, baixo os principios da banca ética: ausencia de lucro, democracia participativa, transparencia e construción desde a base social.

O funcionamento baseado en estruturas horizontais constituídas tanto por persoas como por organizacións, dános como organización unha riqueza e heteroxeneidade notables; isto percibímolo tanto nas reunións dos grupos locais como nos GIT acabados de crear (grupos de implantación territorial, dos que temos dous constituídos na Asemblea de Fiare Galiza en Teo no mes de xaneiro: GIT Fiare Galiza Sur e GIT Fiare Galiza Norte) e permite unha rexeneración de ideas constante que nos diferencia de calquera outra entidade bancaria.

Estás a tempo de te sumares

Fiare é unha organización “rede de redes”, sustentada na e pola súa base social, por iso, tórnase máis importante se cabe participar, difundir e cooperar en calquera actividade que axude a modificar este esquema de funcionamento. Por iso na última xuntanza da directiva da Asociación Irimia, decidimos informar periodicamente respecto a Fiare: é un proxecto que apoiamos activamente e ao que xa pertencemos preto de 20 persoas irimegas, -que formamos parte de Fiare-BpE en Galiza-, pero queremos ser moitas máis. Por iso animamos a todas as persoas que recibides ou ledes a Revista a sumarvos ao proxecto, facéndovos socias de Fiare Galiza.

Asóciate! Este é o momento!

Para máis información: http://www.fiaregz.com/ e http://www.proyectofiare.com

Autor: Manuel Adame (Fiare Galiza), artigo recollido na revista Irimia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: