A economía solidaria, a educación popular e a formación

ideariaAutor: Enrique del Río.

1.   Os retos. Un dos desafíos máis importantes que temos hoxe no ámbito da economía social e solidaria, é que para transformar a sociedade actual non abonda con que unas cantas persoas queiran, aínda que sexan unha minoría cualificada, fai falta que haxa moitas persoas que queiran cambiala e para iso teñen que ter claro por que cambiala. E ese non é o caso. Se non: como se explicaría que se manteña este modelo de desenvolvemento de xeito evidente insustentable, que prexudica á maioría da poboación que paga as súas consecuencias?

O grave da resposta é que nos sinala a nós mesmos, á poboación en xeral, como os propios cómplices reprodutores día a día, vítimas e responsables á de vez, desta maneira de funcionar a sociedade, conscientes ou inconscientes, cómodos ou incómodos, implicados ou inhibidos. Poderiamos afirmar que se existe a actual situación de inxustizas, discriminacións, abusos de poder, precariedade, etc., a nivel planetario, é porque hai unha inmensa masa de persoas que a sosteñen.

Para que as persoas queiran cambiar a sociedade a favor seu, é necesario favorecer procesos de toma de conciencia da realidade e comparala coas súas aspiracións máis profundas e así unha vez consciente da enorme distancia entre o que se sente e o que se quere co que se está obrigado a vivir, xorde a motivación para actuar a favor dunha sociedade máis xusta, máis digna, máis humana e máis participativa.

Para iso, temos que superar o modelo de educación oficial, a imaxe e semellanza do modelo de produción industrial, cos valores impostos pola economía financeira dominante e no respecto á xerarquía establecida no poder. Así a educación contrólase desde o estado e adoutrínase ás persoas nese sentido, cun “pensamento único”, de maneira que se elaboran “paquetes” de datos e ensinos que todo o mundo ten que asimilar e repetir para que o sistema económico siga funcionando sen ningún tipo de contestación. Temos que ir na dirección contraria, porque a sociedade necesita de persoas co pensamento diverxente.

2.      A educación popular liberadora e a metodoloxía da formación. Percorrer ese camiño precisa dunha educación transformadora que desenvolva a nosa capacidade de construír experiencias democráticas e pluralistas que combatan o  pensamento único e xeren o pensamento propio e pluralista dos cidadáns. Dialogante, tolerante, sen certezas absolutas, investigador, aberto?

De acordo con Paulo Freire, este modelo de educación/formación… “concibe o coñecemento como arma de loita. Exponse a transformación do mundo pola acción do pobo mesmo, liberado a través da educación… A educación como unha actitude de tensión creadora que utiliza a imaxinación para buscar solucións realistas ás situacións cotiás. As palabras teñen sentido cando están encarnadas na realidade de quen as pronuncia. Só así, as palabras no canto de ser vehículo de ideoloxías alienantes convértense en xeradoras, en instrumentos de transformación auténtica…  Por iso a educación é un acto de amor e de coraxe e é unha práctica da liberdade, dirixida cara á realidade, á que non se teme, senón que se busca transformala…”.

De feito, en realidade ninguén forma a ninguén, porque para que haxa formación teñen que darse tres elementos inseparables a ter en conta: a) a información (saber, coñecer), b) a implicación (toma de conciencia), c) a aplicación (actuación acorde coa toma de conciencia)

a)  A información veraz, as ganas de saber, de aprender e de adquirir coñecementos, de investigar e verificar. En definitiva para satisfacer a fame de saber os porqués e os comos das cousas e das persoas. Ese proceso precisa de informacións ao alcance, para satisfacer a nosa procura de coñecementos e esta procura tamén precisa dun método para seleccionar o que queremos buscar. Aprender a informar e informarse. A información é a base da que nos nutrimos para facernos unha idea da realidade e opinar sobre ela. Sen información non pode haber transmisión de coñecementos. O estar informado é clave para funcionar na vida e non perder o horizonte, pero hai que seleccionar a información, para non abarrotarnos de noticias que ocupen toda a nosa capacidade e non nos deixe espazo para o fundamental.

Por iso é básico inculcar o rigor informativo, a verificación dos datos, contrastar a forma de interpretar eses datos. Esa información necesaria non sempre está á nosa disposición e é preciso investigar onde está, así como, comprobar se a que temos é veraz.  De aí a importancia de aprender a saber o que queremos saber e non perdernos nas infinitas formas de asomarse a todo superficialmente, sen entrar en nada, porque non se pode profundar en todo á vez.

b) A implicación ou conciencia desa información, precisa de aprender a pensar, sentir e comprender o que sabemos. Ese proceso de formación permanente non pode ser unha simple acumulación de datos na nosa cabeza ou no disco duro do noso computador. É dicir, non basta a información recibida se non sabemos traballala na nosa mente e no noso corazón. A realidade implícanos de calquera xeito, por iso é importante que sexamos conscientes desa implicación, para que os datos e informacións integradas nos axuden a enfocar a nosa postura e compromiso con base suficiente para estar convencidos do que queremos.

Trátase de exercitar a comprensión. Temos que aprender a pensar sobre esa información e sacar as nosas conclusións. De maneira que os datos adquiridos e verificados que nos veñen de fóra cara a dentro, transmitidos como información, non poden deixarnos indiferentes. É dicir, ratifican ou rectifican ou aumentan a nosa visión da realidade e teñen que provocarnos unha toma de postura ou de conciencia no noso interior.

Segundo P. Freire, a educación/formación liberadora ou emancipadora consiste en pasar dunha conciencia inxenua á unha conciencia crítica, é dicir, “darse conta”. E esa conciencia crítica, adquírese a través da aprendizaxe práctica que se fai ao afrontar todas as vicisitudes diarias e en todos os ámbitos que vivimos en relación cos demais, coa nosa contorna e coa natureza, coa participación de todos, para xestionalas a favor de todos.

c)  A aplicación. A información recibida e comprendida provoca en nós un estado de opinión, unha toma de postura, que normalmente debe levarnos a unha  actitude vital, unha reacción práctica e coherente, segundo a nosa opinión e conciencia. Iso supón unha toma de responsabilidade respecto da nosa vida cotiá e o que nos rodea, que tamén, forma parte de nós mesmos.

A aplicación ou compromiso ante esa realidade, que temos integrada a través da nosa información e a nosa conciencia, precisa de aprender a actuar positivamente e organizarse para crear alternativas.  A verdadeira formación é “praxe”, reflexión e acción do home sobre o mundo para transformalo. Trátase de aprender a actuar positivamente e organizarse para crear plataformas de creación de solucións alternativas. Perder o medo a xestionar e asumir a cultura da autoxestión que é a cultura dos iguais en dignidade, dereitos e deberes.

Este tres elementos de información, implicación e aplicación, van xuntos xa que por separado non son suficientes e poden conducir a erro e deformacións. É dicir, que a información sen implicación non xera compromiso, nin participación, senón tertulianos; a implicación sen análises baseadas na información rigorosa, pode levar a unha actitude de sufrimento sen perspectivas, nin alternativas e a erros de vulto nos obxectivos e estratexias; a aplicación sen análise e sen conciencia do por que se fai pode derivar en puro activismo.

3.   Fixarnos indicadores de avaliación. Para verificar se o noso método é transformador, necesitamos establecer e acordar uns indicadores que nos permitan verificar se as persoas crecen en conciencia do que son, se as súas actitudes son abertas, comprensivas, dialogantes, investigadoras e comprometidas con asumir as responsabilidades que lles corresponden. Indicadores do proceso que permitan verificar aos “educadores” se axudan a esa toma de conciencia e de responsabilidade ou soamente, entreteñen, dirixen, manipulan ou reforzan o pensamento único.

Partindo do contexto que nos rodea, onde a rutina impón o seu peso como unha laxa, é fundamental conectar co interese das persoas, atópense ao nivel que se atopen de coñecementos e de conciencia sociopolítica.  Hai que partir da sa aspiración de cada un para estimular a súa iniciativa, o seu interese por cambiar e saír da situación actual.

Fonte: blog Idearia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: