Por que os bancos non prestan diñeiro a familias e empresas

euros

A maioría das economías desenvolvidas está en recesión. Isto quere dicir que a actividade económica é moi baixa: a maioría das empresas non invisten senón que desinvisten (expulsan traballadores, desfanse de maquinaria e de locais, botan o peche, etc), a maioría das familias non consome senón que aforran o pouco que gañan, e o sector público -a pesar de ser o único que podería impulsar a actividade económica mediante o investimento público- non fai senón reducir a súa actividade. En consecuencia, o diñeiro non circula pola economía e isto nun sistema capitalista supón elevados niveis de desemprego e de pobreza.

Se fluíse o diñeiro a cousa cambiaría: as familias poderían consumir máis, as empresas poderían investir máis (contratando, comprando maquinaria…), o sector público investiría máis, etc (1). Por isto mesmo un dos obxectivos declarados dos gobernantes é que o diñeiro volva fluír por boa parte dos poros da sociedade. O problema é que hoxe en día, tal e como están configuradas as nosas institucións económicas -e concretamente desde que suprimiron a banca pública-, a única forma de que haxa máis diñeiro en circulación é contando coa actuación da banca privada. Como se explica  neste artigo, o banco central hoxe en día non ten forma de transferir diñeiro aos axentes económicos, senón que primeiro transfírello aos bancos privados, e logo estes transfírenllo ao resto de axentes (e no camiño multiplican esa cantidade creando diñeiro bancario). Como xa se sabe, este diñeiro é transferido en forma de préstamos e cuns intereses engadidos que é á fin e ao cabo a forma coa cal os bancos fan negocio (2). Os bancos centrais dispoñen dunha serie de mecanismos (ler este artigo para coñecelos) mediante os cales tentan influír no comportamento dos bancos privados e lograr que faciliten máis ou menos préstamos ás familias e empresas. Desgraciadamente desde que estalou a crise estamos a ver que estes mecanismos non están a funcionar: os bancos privados continúan sen conceder créditos a pesar dos intentos por parte do Banco Central Europeo. Por que ocorre isto?

Podemos clasificar os motivos máis importantes da seguinte forma:

  1. O diñeiro que están a recibir os bancos privados (por parte do Banco Central Europeo) está a ser utilizado para tapar os seus buracos. Se os bancos privados estivesen saneados e non tivesen problemas de solvencia, talvez prestarían ese diñeiro a familias e empresas. O que ocorre é que estas entidades de crédito teñen moi maltreitos os seus balances (debido aos seus excesos durante o boom económico e financeiro) e por tanto aproveitan o diñeiro que reciben para sanealos. Utilizando un exemplo ilustrativo: carece de todo sentido darlle auga a unha persoa que está a piques de morrer de sede para que a ceda a outras persoas e confiar en que non a beberá antes.
  2. Aos bancos privados sáelles moito máis rendible investir en actividades como a de débeda pública que prestar a familias e empresas. Desde o traspaso da crise bancaria á crise de débeda pública e o consecuente aumento das primas de risco dos países periféricos, orixinouse un negocio moi lucrativo no mercado de débeda pública. O diñeiro que o Banco Central Europeo está a facilitar aos bancos privados está a ser empregado para comprar títulos de débeda pública de países como España, Portugal ou Grecia, que xeran unha rendibilidade moi elevada, facendo desta actividade un prato moito máis goloso que o de conceder préstamos a familias e empresas. A modo de comparación: para que o negocio de prestar diñeiro a familias e empresas fose igual de rendible que o de investir en débeda pública os bancos deberían prestar a familias e empresas a un tipo de interese próximo ao 14% (e obviamente non o van a facer porque ninguén aceptaría esas condicións tan abusivas).
  3. A lexislación bancaria internacional penaliza os créditos a familias e empresas (e beneficia os préstamos a bancos e grandes empresas e os investimentos en débeda pública de países con elevada cualificación). Os bancos privados deben por lei gardar unha determinada cantidade de diñeiro de forma preventiva, para poder abordar calquera imprevisto que poida xurdir. Isto vénlles mal aos bancos porque precisamente obteñen beneficios utilizando o diñeiro, non gardándoo nas súas caixas fortes. Esta cantidade a almacenar será maior canto máis diñeiro utilicen os bancos en actividades arriscadas. Posto que a lexislación considera “arriscado” prestar a familias e a pequenas e medianas empresas, os bancos evitan conceder préstamos a este tipo de axentes (posto que terían que almacenar máis diñeiro conforme outorgasen máis créditos). En cambio, como a lexislación considera “seguro” prestar a bancos e a grandes empresas, os bancos prefiren conceder préstamos a estas entidades (posto que o diñeiro a almacenar non cambiaría -ou non cambiaría moito- se prestasen a axentes “seguros”). Por todo iso, a propia lexislación vixente obstaculiza que o diñeiro flúa a familias e a empresas.

Unha vez analizados os principais motivos que impiden que o diñeiro chegue a familias e empresas poida que nos aborden algúns pensamentos. En primeiro lugar, é un feito que os intentos declarados dos gobernantes por reactivar o crédito son un profundo fracaso. Hai xa máis de cinco anos que o crédito se conxelou, e aínda non se perciben sinais de recuperación. Os mecanismos que están a usar os dirixentes europeos para que flúa o crédito non funcionan. En segundo lugar, e como consecuencia do anterior, non resulta desatinado pensar que non é este o verdadeiro obxectivo dos gobernantes europeos. Máis ben parece que o que buscan é rescatar á banca privada do profundo buraco no que ela mesma se meteu á conta de calquera cousa, sen importarlle as nefastas consecuencias que sobre o benestar da poboación están a desencadearse. E é que.. co fácil que sería facer fluír o crédito se houbese vontade política! O Banco Central Europeo ten a capacidade de imprimir diñeiro sen custo algún (porque non hai ningún risco de inflación na actualidade), e poderíase obrigar á banca privada a facelo fluír, ou se podería nacionalizar a mesma para aproveitar as súas infraestruturas e con iso facelo por iniciativa propia.

En fin, todo parece indicar que mentres a elite financeira siga tendo influencia sobre a elite política gobernante e mentres esta última non antepoña o benestar da poboación aos intereses das finanzas, o crédito ás familias e ás pequenas e medianas empresas tardará moito máis en chegar (se é que chega algún día).

Notas:

(1) Tamén aumentaría a presión sobre os recursos naturais e sobre o medio ambiente, o cal nos advirte de que esta resposta só debería ser admisible no curto prazo.

(2) Debido a iso podemos dicir sen medo que o deseño institucional que abarca as operacións financeiras está pensado para beneficiar claramente á banca privada.

[Eduardo Garzón é autor do blog Saque de esquina]

Fonte: lamarea.com

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: