As finanzas éticas suman xa máis de 100.000 usuarios en España

Las finanzas éticas suman ya más de 100.000 usuarios en España

, 15 de outubro de 2013

BARCELONA // Nun contexto de falta de acceso ao crédito, as finanzas éticas cooperativas non só están a conseguir manter os seus niveis de préstamo, senón que os aumentan pola participación cada vez maior de persoas que ven nestas entidades unha opción real de cambio social, a partir do razoamento de que é o diñeiro, e o uso que as persoas fan deste, o que configura e modula o mundo.

Estas organizacións, ademais, facilitan o financiamento a empresas e asociacións da economía social e solidaria que, baixo os parámetros convencionais atopan dificultades de financiamento en bancos e caixas. Segundo o Barómetro das Finanzas Éticas e Solidarias, o aforro ético creceu un 60% durante o 2012 e conta xa con 100.000 usuarios no Estado español. Ademais do banco ético Triodos Bank, presente en cinco países europeos e que experimentou un gran ascenso nos últimos anos, outras iniciativas buscan canalizar o aforro cidadán cara a proxectos con contido social e ecolóxico.

alterfinance_ecard-programa_defCo obxectivo de aumentar a difusión deste tipo de iniciativas levouse a cabo este martes en Barcelona a xornada Alter Finance, organizada por entidades como a Rede de Economía Solidaria (XES), a federación de Entidades Catalanas de Acción Social (ECAS) e a revista cooperativa Alternativas Económicas, entre outras.  No evento celebrado no espazo CaixaFòrum presentáronse cinco proxectos que levan tempo en funcionamento e xa demostraron ser unha alternativa viable aos sistemas tradicionais de crédito das entidades financeiras.

A cooperativa Arç, ofrece servizos integrais de seguros a cooperativas, empresas da economía social e solidaria e do ámbito asociativo. “O mundo das aseguradoras é fundamental no investimento. Actualmente invístense preto de 2 billóns de euros anuais en Europa”, explicou Jordi Vila, membro da cooperativa. Arç asegurou xa a máis de 1.500 empresas baixo os parámetros que fixa o selo ético: fomento da sustentabilidade social e ecolóxica, e transparencia.

Volta ás orixes

“O obxectivo é promover o uso do diñeiro ao servizo das persoas e volver á práctica ética e solidaria propia do mutualismo orixinal”, explicou Vila. É dicir, permitindo aos clientes saber onde se invisten os seus aforros e garantindo que o investimento só se realice en proxectos con contido social e ambiental. Na actualidade asegurou xa a 1.500 empresas por un valor superior aos 5 millóns de euros.

Miquel Miró, director da fundación Seira (creada pola federación de cooperativas de traballo), expuxo o proxecto Fes Gest (Fai un xesto), unha rede de grupos de xestión do aforro para o desenvolvemento da economía social. “O proxecto reclama a nosa participación activa. Somos nós, a través do noso exercicio como traballadores e consumidores, os que podemos axudar a cambiar as cousas”, asegurou Miró.

Trátase dunha experiencia de clubs de investidores que xa existe en Francia desde hai 30 anos co nome de CIGALES, e que consiste en que grupos reducidos de 15 a 20 persoas xunten uns aforros comúns para investir en proxectos da súa contorna. “Se somos capaces de levar a contabilidade dunha AMPA, somos máis que capaces de levar un grupo de aforro”, mantivo Miró. O proxecto está ideado para contornas rurais, baseado na confianza e o coñecemento mutuo, e conta co apoio do Servizo de Ocupación da Generalitat e o Fondo Social Europeo.

Banca regulada ética

Como banca regulada opera o proxecto Fiare, iniciado hai 7 anos e que conta cunha base social de 4.500 socios. Até o momento, só xestiona depósitos de aforro e préstamos a entidades da economía social e solidaria, pero tras o proceso de integración coa banca ética cooperativa italiana Banca Popolare Etica, esperan ofrecer servizos como o dunha conta corrente a partir do próximo ano.

“O banco italiano ten como data máxima para pronunciarse o 4 de decembro deste ano, así que esperamos que durante o primeiro semestre de 2014 podamos activar estes servizos”, explicou Clara Soler, integrante de Fiare. A ampliación do proxecto permitirá tamén que os clientes poidan retirar os seus aforros en caixeiros automáticos e ampliar o número de oficinas máis aló das tres actuais en Bilbao, Madrid e Barcelona.

De xeito conxunto con Fiare traballa a cooperativa de servizos financeiros Coop57, que conta xa con cinco proxectos autónomos en Andalucía, Aragón, Cataluña, Galicia e Madrid. “En Coop57 non existe a figura do cliente, senón a do socio. O socio colaborador, persoas que ofrecen o seu aforro, e o socio de servizos, entidades que reciben o financiamento”, relatou Xavier Teis. Tanto o tipo de interese ao que se dan os préstamos como a retribución de quen inviste os seus aforros decídense en conxunto. “Son procesos colectivos que rompen paradigmas”, sentenciou Teis.

Comunidades autofinanciadas

Por último, Francesc Tort presentou a experiencia das comunidades autofinanciadas (CAF), que xa existen en multitude de países. Neste caso, o proxecto non serve para financiar a terceiros senón aos propios membros da comunidade. “Eu son membro dunha CAF na que estamos dous cataláns e nove mexicanos. Empezamos o ano pasado e levamos aforrados case 2.000 euros”, explicou Tort.

O obxectivo das CAF é xuntar a un grupo de persoas que poña os seus aforros nunha caixa común, coa cal os membros poidan obter préstamos para facer fronte a necesidades puntuais de financiamento. “Esta é unha das claves do éxito das comunidades chinesas e funcionou desde hai moitos anos en países africanos”, asegurou Tort. “É un sistema baseado nos lazos de confianza e pode servir tamén para emprender negocios e proxectos conxuntos”.

Fonte: www.lamarea.com

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: