Mercado Social: un espazo para o cambio

mercado_socialPor Toño Hernández* na Revista Galde uda/2013

A actual crise non fai máis que confirmar que o modelo económico actual é incapaz de satisfacer as necesidades das maiorías sociais. Para manter as súas taxas de ganancia e acumulación non dubida en desmontar dereitos sociais e laborais, nin en expropiar os recursos colectivos e destruír territorios e ecosistemas.

Pero é importante sinalar que isto ocorría tamén nos momentos de ciclo expansivo ou crecemento, só que a destrución social quedaba oculta na externalización dos impactos a outros países, e/ou no traslado, vía endebedamento con créditos, a un futuro que chegou xa.

Para saír desta degradante situación é necesario outras regras de xogo económico, e uns actores, empresas e persoas, que aposten de maneira decidida por unhas prácticas económicas e laborais que poñan no centro ás persoas e por extensión o conxunto da vida.

Con esta idea, desde hai máis dun ano puxemos en marcha o Mercado Social, unha rede de intercambios económicos na que as súas participantes -empresas, persoas e organizacións-, non buscamos unha simple relación comercial, senón recoñecernos como membros dunha comunidade cun interese colectivo de cambio social.

Foi un ano de aprendizaxe e proba, de testar e repensar ferramentas como a auditoría participativa, o “escaparate” on-line ou a moeda social; de analizar as formas de funcionamento das comisións e o nivel de interese na proposta. Todo iso para terminar dando un salto maior en visibilidade e recoñecemento coa I Feira do Mercado Social que celebramos en xuño en Madrid, pola que pasaron máis de 10.000 persoas e circularon 40.000 Boniatos, a nosa moeda social.

Experiencias similares están a ter lugar noutros lugares do estado, como Aragón, Navarra, Catalunya ou Euskadi, e aínda que con particularidades en cada territorio, o obxectivo é conformar un Mercado Social estatal rexido por principios e ferramentas similares.

Seguramente, o maior éxito deste período fose un aumento dese recoñecemento mutuo que está a derivar en cambio de provedores cara a entidades do mercado social, especialmente relevante no ámbito das finanzas e a enerxía. Como cada vez pensamos máis nos nosos afíns para satisfacer as nosas necesidades, vanse consolidando lentamente redes comerciais máis autónomas que buscan cambiar as regras do xogo económico, incentivando o apoio mutuo en lugar da competencia, e co obxectivo de ir construíndo “hexemonía” social segundo se asintan os novos hábitos de consumo.

Con todo, penso que non deberiamos caer nun exceso de “ilusión autoxestionaria” no marco político actual. O exemplo da última reforma eléctrica do PP, mostra claramente como desde o poder poden redefinir as regras do xogo para dificultar, cando non truncar, o desenvolvemento de iniciativas económicas baseadas na cooperación e a xustiza.

Necesariamente imos ter que reformularnos continuamente, atopar novas formas de apoio mutuo ou de desobediencia económica, e desde logo non substraernos do debate político sobre o papel das institucións á hora de facilitar ou impedir o desenvolvemento de alternativas. E nese sentido un debate permanente sobre alianzas, acordos, tácticas e proxectos concretos xerará tensións que debemos ser capaces de abordar e resolver.

Un dos debates importantes á calor dos recortes sociais e económicos ten que ver con como recuperar o control da economía. Á vez que loitamos firmemente contra os recortes dos servizos públicos non podemos deixar de expornos que capacidade de control real tiñamos no marco do chamado “estado de benestar”. A facilidade con que todo está a ser desmantelado cuestiona esa visión do público como cesión total ao aparello do estado da xestión e o control económico a cambio dunhas migallas de “benestar”. Como evidentemente a empresa privada capitalista só atende os seus intereses monetarios, cremos que a economía social e solidaria pode xogar un papel relevante para garantir o control social dos bens e servizos comúns.

Todo isto faise sentir moi fortemente coa actual situación de precariedade, miseria e desamparo que sofren moitas persoas. Imos ter que tecer moitas máis redes de solidariedade que dean resposta non simplemente “caritativa” ás necesidades perentorias desas persoas. Se non o facemos desde o ámbito da solidariedade e a participación, farano outros grupos desde o ámbito da “loita pola supervivencia” como están a facer algúns grupos fascistas en Grecia e tamén en España. Podemos ter a actitude pasiva de “iso é tarefa do estado”, ou xustamente cuestionar o papel que está a ter o estado para reivindicar e relanzar mecanismos de autoxestión e control económico que faga ás persoas donas do seu destino.

Unha das maiores dificultades para avanzar na construción do mercado social está no ámbito da conciencia individual e colectiva: cústanos vernos como alternativa e mesmo cando nos cremos o proxecto imos demasiado lentos ou somos perezosos para cambiar os nosos hábitos cotiáns de consumo e traballo. Ningún cambio, ningunha proposta pódese facer sen esforzo. E se non nos inculcamos a necesidade de realizar eses esforzos persoais iniciais que supoñen operar con outras ferramentas, cambiar de provedores habituais, ir un pouco máis lonxe a comprar a unha tenda da economía social e solidaria, etc, dificilmente avanzaremos coa rapidez que require o momento.

No ámbito colectivo, da rede como mercado social non capitalista, aínda temos moito que avanzar para definir un modo de “estar” na economía que encaixe coas necesidades da crise ecolóxica e social. Asentar modelos de austeridade e autocontención tanto das empresas como das persoas, na produción e no consumo, á vez que mantemos empregos en condicións dignas, non resulta unha tarefa sinxela nun terreo no que non é posible deslindarse totalmente do mercado baseado na competitividade feroz e a precariedade.

Pero o “estado do benestar” que tivemos, baseado no consumismo, tampouco é unha opción viable nin fisicamente polo esgotamento dos recursos, nin eticamente porque se baseou no espolio de moitos territorios. Queiramos ou non, imos ter que reinventar as relacións sociais e económicas nos próximos decenios.

Para construír ferramentas para a liberación temos que descartar a cesión do poder de decisión e control en persoas ou institucións que poidan derivar en certa burocratización. No entanto, a complexidade crecente require ir profesionalizando certas tarefas para ser capaces de chegar a cada vez máis persoas e colectivos, e funcionar de maneira eficiente. As experiencias cooperativas como Coop57 ou Fiare están a demostrar que é posible conxugar eses aspectos, aínda que iso esixe a participación activa dos e das socias non profesionalizadas nas distintas comisións onde se toman as decisións. Isto será un elemento fundamental e determinante para evitar unha deriva non desexada do Mercado Social.

Outro dos retos que temos como Mercado Social é a ampliación en dúas direccións: a primeira ten que ver con ser capaces de incorporar novos sectores económicos de primeira necesidade ao ámbito da economía solidaria; temos moitos “puntos cegos”, pero tamén existe certa capacidade financeira para apoiar proxectos solventes.

A segunda liña ten que ver con ampliar alianzas con outra chea de iniciativas no ámbito económico non convencional e que teñen que ver coa satisfacción das necesidades mediante redes de solidariedade, grupos de consumo…, ou coa posta en valor das capacidades persoais en bancos de tempo, redes de troco ou intercambio, etc.

Actualmente, hai cando menos centenares de miles de persoas no estado participando en iniciativas deste tipo. É unha forza humana considerable para xerar cambios. Quédanos ser conscientes diso, ser capaces de recoñecernos como actores do cambio e conseguir coordinarnos ou colaborar para ser decisivos no cambio político e social, todo iso sen menoscabo de respectar as diferentes maneiras de facer e organizarse.

*Toño Hernández. Membro da Comisión Xestora do Mercado Social de Madrid e activista de Ecologistas en Acción. Enxeñeiro técnico industrial de formación, aínda que traballa na cooperativa Garúa, dedicada a temas de formación no ámbito da ecoloxía social e enerxías renovables entre outros. Ampla participación nas redes de grupos de consumo agroecológico . Participou nos libros: “Cambiar las gafas para mirar el mundo” (2011), “La crisis social en clave educativa” (2009), e “Educación y ecología: El curriculum oculto anti-ecológico de los libros de texto” (2007).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: