Menos para vivir mellor: Decrecemento e boa vida

O Decrecemento é unha corrente económica, política, social e ecolóxica que expón un cambio radical ao modelo de desenvolvemento actual, deseñado en base ao crecemento económico ilimitado. Desde esta corrente de pensamento propúgnase a idea de “Menos para Vivir Mellor” ou “Vivir mellor con Menos”; a idea do Bo Vivir separada do consumo excesivo e irresponsable de recursos materiais e enerxéticos.

E como é iso? É posible vivir mellor necesitando menos? Si, é posible e é desexable, xa que por moito que se propague a idea de que o crecemento económico é a solución, non deixa de ser parte do problema. Os recursos son finitos, vivimos nun único planeta, e por moito que non contemplásemos o biorritmo da Terra non quedará máis remedio, tarde ou cedo, que considerar os límites biofísicos e picos e teitos dos recursos que xa se acaban. Di o refraneiro popular que “mellor é previr que curar” e se será inevitable reducir o consumo e a produción, mellor será facelo dunha maneira planificada e participativa para evitar que eses recursos escasos se acaben convertendo en propiedade dunha elite económica ou militar.

Entón Decrecemento é non-crecemento? Non, Decrecemento é diminución e é aumento, o Decrecemento non é crecemento negativo, xa que aínda que hai que diminuír en certas cousas, hai que aumentar noutras. Neste sentido, habería que diminuír até erradicar o consumismo e productivismo, reducir a velocidade da vida, as horas dedicadas ao traballo produtivo, as distancias que percorremos e facemos percorrer aos produtos, os sectores prexudiciais para a sustentabilidade da vida… Pola contra, habería que potenciar os coidados a persoas, os servizos públicos e sociais ligados aos Dereitos Humanos, as economías sociais e solidarias e os diversos sectores de empregos verdes. No modelo socioeconómico actual vivimos para traballar, traballamos para consumir e consumimos para traballar, reducindo o concepto de valor ao monetario, e para que?, para ser felices?, somos felices?, gozamos da vida? O Decrecemento pon a economía ao servizo da vida, non a vida ao servizo da economía.

E como colocamos á economía ao servizo da vida? Recuperando os tempos e re-contextualizando o traballo. Deixamos que o abstracto mercado defina o que é tempo como horario e o que é traballo como emprego, pero a vida é máis complexa e é hora de que descolonicemos o imaxinario do pensamento único que propugna unha vida escrava. O Decrecemento parte da re-contextualización do concepto de Traballo, considerándoo e valorándoo na súa carga global e superando a diferenza imposta entre Traballo produtivo/traballo asalariado ou remunerado (emprego) vs. Traballo reprodutivo/traballo non remunerado. O Traballo para o Decrecemento, en definitiva, é aquela actividade que favorece a sustentabilidade e o mantemento da vida, non unicamente aquela que é mesurable por intercambiarse no mercado como unha mercadoría. Así mesmo, o tempo para o Decrecemento vai moito máis alá do horario ou xornada laboral; xa que recoñece e reivindica as diferentes dimensións do tempo: tempo no arco ou ciclo da vida (tempo dos corpos), tempo da natureza, tempo de traballo (globalmente considerado), tempo da vida social e tempo na cidade (tempo marco definido polo urbanismo e a organización dos espazos). En función destas consideracións o Decrecemento opta, entre moitas das súas propostas, pola redución da xornada laboral tendente nun futuro cara ás 21 horas semanais. Iso é así debido a que esta redución permitiría protexer os recursos naturais do planeta porque se reduciría a pegada ecolóxica, alcanzar maior xustiza e benestar social e construír unha economía ao servizo das necesidades da sociedade e do medioambiente pondo no centro a sustentabilidade da vida e non ao mercado ou ao capital.

En definitiva, os puntos definitorios da teoría do Decrecemento son nove: 1) Repensar os valores e premisas que definen o noso modo de vida e a nosa sociedade; 2) Recontextualizar a realidade revisando os conceptos cos que designamos o que nos rodea; 3) Reestruturar as estruturas económicas e produtivas para facer posible unha vida xusta; 4) Redistribuír e garantir o acceso de todas as persoas aos recursos necesarios para vivir; 5) Relocalizar o máis posible a produción e o consumo a escala local; 6) Reducir a pegada ecolóxica en base á capacidade de carga e rexeneración da biosfera; 7) Reutilizar e conservar os bens combatendo a obsolescencia programada; 8) Reciclar e xestionar os residuos e 9) Rendas mínimas e máximas co establecemento dun chan e dun teito das rendas para combater as desigualdades.

Todo iso é o Decrecemento, a opción de Vivir Mellor con Menos, a responsabilidade ante o consumo, a autolimitación voluntaria. Non significa austeridade nin perda de Dereitos. Significa re-conquista da nosa capacidade de decisión do modelo de vida e felicidade que queremos levar á práctica. Significa pois, reivindicación de soberanía alimentaria, enerxética, xudicial, económica, fiscal, cultural e educativa. Decrecemento supón cuestionar para que e até onde; Decrecemento supón preguntarse: Cal é a vida que merece a pena ser vivida?

Yésica Álvarez Lugo, Máster en Desenvolvemento e Cooperación Internacional, e membro de Ben Magec-Ecologistas en Acción.

Fonte: Ecologistas en Acción

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: