15 de febreiro, un gran paso para Fiare por terras galegas

20140215_101236O 15 de febreiro de 2014 foi un día importante para Fiare-Banca Popolare Etica (Fiare-BpE) en Galiza. Pola mañá, de 11 a 13:40 horas aproximadamente, tiveron lugar simultaneamente as asembleas das dúas circunscricións: Galiza Norte (provincias de Coruña e Lugo) e Galiza Sur (provincias de Ourense e Pontevedra), e pola tarde foi o turno para a da asociación Fiare Galiza.

Máis de corenta persoas físicas (e uns 15 colectivos representados -Comité Óscar Romero de Vigo, Parroquia Cristo da Victoria de Vigo, Fundación Proclade, Cooperativa Árbore, Adega, Verdegaia, ARELA, Irimia, AIS O Peto, Zocamiñoca, Panxea, Comunidade de Montes Veciñais de Couso, Coordinadora Galega de ONGDs, Solidariedade Internacional…) achegámonos ao Carballiño (concretamente ao Casino) para participar neste encontro anual no que fixemos coincidir as tres asembleas e que nos permitiu pór en común ademais de expectativas, desexos, traballos… un estupendo xantar compartido. Grazas a todas as persoas que fixeron posible poder durante todo o día coñecernos máis, tanto en saberes como en experiencias, neste gran lugar no que nos sentimos moi ben acollidos/as!

As segundas asembleas de ambas as dúas circunscricións foron unhas xornadas cheas de novidades e moi intensas, nelas demos novos pasos importantes para definir este ano 2014 e todo o proceso futuro que nos agarda.

DSC00891En ambas as dúas asembleas comezouse cunha rolda de presentacións que nos permitiu situarnos e coñecernos un pouco máis para pasar de seguido a facer un repaso dos momentos máis decisivos deste pasado 2013 (Asemblea Fiare de Rivas, Asemblea de Banca Popolare Etica -BpE- en Firenze, encontro dos GITs -grupos de iniciativa territorial- en Bilbao…), ano que supuxo o nacemento das dúas circuscricións e dos seus correspondentes GITs e o inicio dun longo percorrido como Fiare-BpE. Tamén fixemos un reconto de todo o labor de difusión do proxecto e actos feitos neste 2013 (só en Galiza Sur suman 41 charlas, proxeccións, entrevistas…) sendo todos froito da colaboración das persoas socias: quen mellor para dar a coñecer o noso proxecto que as persoas que directamente participamos e apostamos por el!

Avaliamos o labor desenvolvido polos GITs neste ano 2013. Expúxose a traxectoria e actuación de cada vogalía e dos equipos de traballo no seu conxunto. Lembramos o enorme traballo realizado e como fixemos realidade moitas das ilusións e soños que imaxinamos nunha primeira xuntanza, grazas ao traballo e esforzo, non só dos membros de cada GIT, senón de todas as persoas socias que apoiaron e colaboraron en distintos eidos. Os informes sobre esta actividade das vogalías e dos GITs no 2013 foron aprobados por unanimidade das persoas asistentes, que apoiaron sen físgoas esta xestión. Coma sempre, o noso agradecemento a todas as persoas que achegan o seu apoio e axuda!

A continuación lembramos que na asemblea de 2013, en Teo, elixiuse un equipo para traballar durante un ano. Esta realidade implica a renovación de cargos nos GITs, o que facilitará o acompasamento de Fiare con BpE, xa que en Italia tamén é o 2014 un ano de cambio de representantes nos GITs. Estabilizada xa o labor dos GIT dentro do posible, a renovación que se producirá nesta asemblea terá unha vixencia de 3 anos. Para contextualizar aínda máis, lémbrase que a primeira elección dos membros do GIT tiña o claro obxectivo de crear equipo, con representación dos diferentes grupos locais, con persoas físicas e xurídicas e tratando de potenciar a igualdade de xénero. Varias persoas dos anteriores equipos foron reelexidas e incorporamos tamén novas caras, seguindo a idea de sumar esforzos e participación das persoas que formamos parte de Fiare.

2014-03-15-reunionGITGalizaNorte-CasaTomada-IINas reunións que durante o ano 2013 houbo no GIT Galiza Norte quedou de manifesto a necesidade dunha dinámica que definira a estrutura do GIT, que reflectira unha diagnose e por suposto que permitira a posta en común de ideas e propostas para mellorar. Fixémolo así e por falta de tempo acordamos darlle máis forma e concreción ás medidas a asumir na vindeira xuntanza (esta xa tivo lugar na Casa Tomada -foto da dereita-, na Coruña na mañá do 16 de marzo; podemos comentar que foi unha reunión moi ben aproveitada na que lle demos forma á organización dos vindeiros meses). Insístese no desequilibrio entre o número de socias e a participación efectiva das mesmas. É moi necesario mellorar este aspecto xa que inflúe tanto na marcha diaria do proxecto como no posible relevo que se debe demandar, polo tanto debemos marcarnos uns obxectivos de difusión que nos permitan chegar a máis xente que poida estar interesada en sumarse a Fiare (xornadas, encontros de formación…).

Na vogalía de formación resaltamos o traballo intergit levado a cabo neste eido e tamén co equipo de comunicación para unir forzas e evitar os solapamentos que se puideran producir xa que é o primeiro ano no que traballamos de xeito máis coordinado. Salientamos tamén que se está barallando a posibilidade de formar un grupo de traballo en Galiza sobre finanzas éticas e feminismo, economía feminista… tendo en conta o traballo que xa se está levando a cabo en BpE e que se comezará a facer tras a asemblea de Barcelona en Fiare (nesta asemblea xa hai un taller específico deste tema). Púxose tamén moito énfase na necesidade de ser equipo e de poder dar resposta ás necesidades que desde os diferentes grupos locais, outros equipos… poidan xurdir; axudar; recibir aportacións das persoas socias (tanto físicas como xurídias)…

Consideramos moi importante promover o contacto co resto de iniciativas das finanzas éticas presentes en Galiza como son Coop57-Galicia e AIS O Peto (haberá un encontro no mes de abril).

En relación coa actividade financeira podemos dicir que comezan a moverse algúns depósitos e varios proxectos dos que vos iremos informando.

Mentres tanto na asemblea da circunscrición Galiza Sur retomouse un punto xa traballado en anteriores xuntanzas, polo que se recordaron os soños a cinco anos que se fixaran o ano pasado, o que permitiu aos presentes soñar novamente sobre como lles gustaría que fose Fiare dentro dese prazo de tempo. O obxectivo é confirmar, ampliar… eses soños, tratando de achegalos novamente ao curto prazo para fixar obxectivos claros para o ano 2014. Esta dinámica deu paso a un frutífero debate. Quedóusenos moi curto o tempo para todas as propostas que xurdiron e os moitos eidos que abranguían e ao non existir minutos suficientes para traballar en profundidade, decidiuse encomendar aos responsables de cada vogalía a continuación deste traballo, co obxectivo de poder presentar na vindeira xuntanza deste GIT o plan de actuación para o ano 2014. e así concretar as nosas pretensións e definir liñas de traballo. Agardamos seguir sumando ideas entre todos e todas nas vindeiras xuntanzas dos Grupos Locais e do GIT!

Garibi-Carballinho-15feb2014Pola tarde, xusto antes do comezo da Asemblea da Asociación Fiare Galiza, acompañounos Juan Garibi, director da operativa bancaria de Fiare e traballador da oficina de Bilbao. Explicounos os pormenores da integración con BpE e da futura operativa bancaria, que, como sabemos, xa é un feito. Foi sensacional ter a unha persoa que está vivindo en primeira persoa toda a tramitación da operativa bancaria, organización da oficina de Bilbao, traspaso de socias a BpE… porque nos clarificou un proceso complexo, cheo de pequenos detalles e xestións, que fan que en ocasións a tramitación nos resulte un pouco lenta e nos impaciente obter resultados, pero que nos garante asentar axeitadamente toda a operativa e ofrecer fiabilidade e boa xestión nun futuro. Dende a asemblea resaltamos o labor das persoas empregadas de Fiare, pola calidade do seu traballo, pero tamén pola enorme entrega ao proxecto, fóra xa das súas obrigas laborais.

2014-02-15 13.49.38Da asemblea de Fiare Galiza podemos indicar que se mantén a directiva e que xa lle estamos dando máis forma a esta nova etapa na que en Galiza somos dúas circunscricións (Galiza Norte e Galiza Sur) que se coordinar a través dos seus correspondentes GITs como xa se reflectiu en parágrafos anteriores, das respectivas comisións de avaliación ético-social, dos equipos de traballo (comunicación, participación, formación…)…

Como conclusión, só podemos agradecer o esforzo feito por todos e todas neste 2013 e traballar ao longo deste 2014 cos mesmo azos, son nestas xuntanzas onde demostramos a forza e solidez do noso proxecto e as que nos motivan aínda máis para acadar todos os obxectivos que nos propoñamos!

Lembrámosvos que a vindeira cita será o 29 de marzo de 2014 (asistirán unhas 15 persoas de Galiza) en Barcelona na Asemblea Estatal (todas as novidades será publicadas neste blog www.fiaregz.com) que poderemos visualizar xa que será emitida vía streaming e tentaremos organizarnos por grupos locais para poder vela. As xuntanzas dos GITs serán: o 8 de abril, a do GIT Galiza Sur en Vigo e o 10 de maio, a do GIT Galiza Norte en Compostela (teremos espazo para a formación/información sobre as últimas novidades -nova imaxe, traspaso de participacións a BpE, novidades na operativa bancaria…-, comunicacións sobre os catro obradoiro que haberá na asemblea de Barcelona, para a organización, para un xantar compartido e para o lecer cun concerto/actuación).

 

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: