Comeza unha nova etapa para o proxecto Fiare de banca ética

Na era do capitalismo financiarizado, e produto das propias dinámicas xeradas polas burbullas especulativas, unha das consecuencias dos excesivos niveis de endebedamento e da volatilidade dos capitais pode ser, paradoxalmente, a falta de crédito

A cidadanía debe aspirar a incidir sobre o espazo no cal se adoptan as decisións públicas, xerando un marco adecuado onde prevaleza o interese xeral e exercendo un control sobre os recursos colectivos a través dos instrumentos adecuados

Durante os pasados días 28, 29 e 30 de marzo celebrouse en Barcelona a III Asemblea estatal do proxecto Fiare Banca Ética. Seguramente o concepto “banca ética” resulte a estas alturas familiar para a maioría dos lectores e lectoras, en gran parte grazas á expansión que experimentou Triodos Bank na súa actividade nos últimos anos. Pola súa banda, e coas súas propias particularidades, o proxecto Fiare, que tivo as súas orixes en Euskadi fai xa máis dunha década, vaise desenvolvendo e evolucionando progresivamente até converterse no que é hoxe: unha organización que agrupa a unha rede de 4.933 socias, 531 entidades e 4.402 persoas físicas, as cales desembolsaron un total de 4,7 millóns de euros en concepto de Capital Social (datos de febreiro de 2.014).

Aínda que son números modestos, son tamén cifras relevantes á hora de calibrar o grao de implantación que alcanzou Fiare e desde logo adquiren outra dimensión se se examinan á luz da participación e implicación da base social no proxecto. Debemos ter en conta que, até o momento, Fiare ofrece unha operativa bancaria limitada, sobre todo para persoas físicas, funcionando como axente da entidade italiana Banca Popoplare Ética (BpE) e comercializando os seus produtos no estado español. Esta operativa bancaria, realizada a través de BpE, alcanzou a decembro de 2013 39,3 millóns de euros en depósitos e 33 millóns de euros en créditos concedidos.

BpE é unha entidade de banca ética que conta con 15 anos de traxectoria en Italia, e constituíu desde as súas orixes un modelo para Fiare. A decisión de traballar con BpE respondía ao desexo de poder facer intermediación financeira desde unha fase temperá, á vez que se ía captando capital social. Posteriormente, a irrupción da crise e o endurecemento dos requirimentos de capitalización exixibles ás entidades bancarias fixeron que esa relación se estreitase aínda máis, até o punto de que as dúas entidades acordaron fusionar as súas bases sociais para integrarse nunha única cooperativa de crédito con ámbito de actuación en España e en Italia. Este proceso culminará ao longo deste ano coa apertura de sede no Estado español, o cal suporá a partir do verán do presente 2014 un impulso á actividade crediticia e tamén a ampliación dos servizos que ofrece Fiare ás persoas e entidades socias.

Que razóns poden explicar e xustificar o desenvolvemento da banca ética e máis especificamente dun proxecto como Fiare? Evidentemente, moitas persoas volveron a súa mirada cara a este tipo de iniciativas como consecuencia da xeración dun período de inestabilidade económica que tivo a súa orixe nas finanzas.

No entanto, o cuestionamiento sobre o uso do diñeiro, un elemento fundamental e vertebrador do concepto de banca ética, xunto coa transparencia, nace moito antes da crise e vai na práctica máis aló dunha censura ao papel das finanzas. Xa non se trata soamente de evitar un uso non ético ou non apropiado do diñeiro, senón de promover actividades e iniciativas acordes cos nosos valores e explorar as posibilidades que ferramentas como Fiare ofrecen para impulsar un modelo distinto de economía, unha economía social e solidaria ao servizo das necesidades das persoas.

Na era do capitalismo financiarizado, e produto das propias dinámicas xeradas polas burbullas especulativas, unha das consecuencias dos excesivos niveis de endebedamento e da volatilidade dos capitais pode ser, paradoxalmente, a falta de crédito. Sirva como exemplo o estado da economía e das entidades financeiras españolas tras a picada da burbulla inmobiliaria. Moitos economistas denunciaron o estrangulamiento ao financiamento da economía produtiva, con efectos que son palpables na destrución de empresas e as elevadas taxas de desemprego.

Sen dúbida, a cidadanía debe aspirar a incidir sobre o espazo no cal se adoptan as decisións públicas, xerando un marco adecuado onde prevaleza o interese xeral e exercendo un control sobre os recursos colectivos a través dos instrumentos adecuados. Agora ben, aínda nun contexto favorable, debemos observar que determinados proxectos e iniciativas non teñen acceso ao financiamento porque non se axustan aos estándares ou á lóxica da rendibilidade. Romper con esta lóxica, maioritaria por outra banda, implica un cambio de maior calado. O valor do proxecto Fiare, de BpE ou de cooperativas de servizos financeiros como Coop57, integrada á súa vez na rede Fiare, é que demostran que é posible crear ferramentas financeiras baseadas na creación de redes e na cooperación e o apoio mutuo, viables economicamente, aínda cando os seus investimentos teñen en conta preferentemente criterios de rendibilidade social.
Fiare contribúe por tanto a facer efectivo o dereito de acceso ao crédito, pero ademais constitúese como espazo de participación das organizacións e persoas socias na xestión do proxecto. Un espazo autónomo que se constrúe desde abaixo, desde a cidadanía, e non desde arriba, e que se materializa nunha estrutura de grupos locais que impulsan o proxecto en cada territorio e na participación da base social nas comisións de avaliación ético-social que valoran as solicitudes de crédito.

Como conclusión, gustaríanos reivindicar o valor das iniciativas de banca ética en si mesmas. Os procesos de transformación profundos, se se expoñen ir máis aló de meros cambios cosméticos, esixen consensos sociais amplos, e a banca ética non soamente expresa ese desexo de transformación por parte da sociedade civil, senón que contribúe a xeralo na medida en que se constitúe como espazo aberto de participación.

Doutra banda, quizais procesos como o que están a desenvolver BpE e Fiare permitan aventurar que outra construción europea é posible.

Este artigo reflicte exclusivamente a opinión do seu autor.

Fonte: eldiario.es

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: