Cara ao recoñecemento da Economía Solidaria?

Da opacidade á emerxencia

mafalda-cambiar-mundoNa súa progresiva andaina, a economía solidaria atópase confrontada co seu recoñecemento por parte das institucións. Estas, de forma crecente xa non poden ou xa non queren seguir ignorándoa. O conxunto da economía social e as súas variadas familias (cooperativas, asociacións, mutualidades, fundacións) xa percorreu gran parte deste camiño, non sen potencialidades, límites e contradicións, que lle levou a afirmar a súa identidade entre o mercado e o estado. En moitos países de Europa e aínda de fóra dela, a economía social atópase representada en múltiples Consellos, Comisións e plataformas institucionais e mesmo nos órganos gobernamentais. Conseguiu romper, até certo punto, o esquema de representación tripartito composto por goberno, empresarios e sindicatos co que se tentou ordenar a vida económica e social despois da segunda guerra mundial. Non se trata aquí de facer un balance deste itinerario do recoñecemento institucional, senón máis sinxelamente sinalar que non estaría de máis aprender do mesmo, reflectido no crecente número de leis que o canalizan, agora que no horizonte da economía solidaria ábrense perspectivas de afirmación institucional.

En efecto, a economía solidaria, ás veces da man da economía social, ás veces de forma independente, noutras conxuntamente, empeza a asomar o nariz na area dos actores socioeconómicos. E como non podía ser doutra maneira, isto xera debates estimulantes, dos que vale a pena facerse eco. Para uns, a economía solidaria debería ser moito máis forte para entrar con garantías nesta escena. Para outros, hai que facer demasiadas concesións, os custos son demasiado altos e os riscos de integración demasiado fortes. Para os de máis alá, é un proceso inevitable que esixe reforzar os propios signos de identidade. Para os de máis acá, hai que manter unha opacidade fronte á mirada do poder, mentres que a crecente emerxencia permite chegar a máis xente e madurar como movemento. Por fin, non faltan os que ven, no posible recoñecemento institucional, unha ocasión para obter máis medios e asegurarse uns lugares de traballo profesional. Este debate que se expón en todos os niveis territoriais, desde algunhas comisións consultivas das organizacións especializadas das Nacións Unidas até os órganos estatais e na administración pública local, está lonxe de pecharse.

Precisamente, a mesa redonda convocada pola Universidade Popular e Cidadá, celebrada en París o pasado día 10 de Abril levaba cabo baixo a lema “cara ao recoñecemento da economía social e solidaria”. O lugar, o impresionante edificio do Centro Nacional De Artes e Oficios (CNAM), en pleno centro de París e a presenza do Administrador Xeral desta peculiar universidade non podían ser máis institucionais. Ademais estaba prevista que asistise o Ministro Francés, Delegado da economía social e solidaria. Non puido acudir xa que uns días antes deixara de selo, debido á recomposición do goberno, agora presidido por Manuel Valls. A nova ministra, procedente do mundo asociativo, tampouco podía participar, sendo nomeada un día antes. En calquera caso, as súas ausencias foron substituidas pola directora do Laboratorio francés da Economía Social e Solidaria que foi definido polo seu carácter de Think Tank da mesma.

Ela argumentou en favor da lei recentemente aprobada. Situouna no proceso de renovación e coordinación, cuxo momento culminante foron os Estados Xerais da economía social e solidaria realizados o ano pasado e que reuniron a máis de 5.000 persoas. Non sen admitir certos límites, segundo a súa opinión, esta lei permite que se pase dunha fase dominada pola economía reparadora a outra que inscribe á economía social e solidaria nunha política económica transformadora.

O director do Departamento de Dereito, Intervención Social, Saúde e Traballo do CNAM mostrou as conexións entre os distintos modos de intervención social e máis en particular os do traballo social e a economía social e solidaria. Tonino Perna, activo animador da economía “solidale” italiana e profesor na universidade de Mesina, explicou a dinámica destas iniciativas na península transalpina e máis en particular no Sur deste país onde se estaría producindo unha crecente implicación das autoridades municipais. Antonio David Cattani, profesor da Universidade de Porto Alegre en Brasil e coordinador dun itinerante dicionario de “Outra Economia” xa publicado no seu país, en Arxentina, en Portugal, en Francia e agora en Inglaterra, aludiu ao censo de máis de 20.000 unidades da economía solidaria nun país onde non habería tradición de economía social, á presenza dun Secretario de Estado dentro do Goberno Federal, do Fórum e á gran cantidade de normativas estatais que promocionan á economía solidaria. Insinuou que esta, despois da súa considerable fase expansiva, entraría agora nun certo estancamento.

Autor: Jordi Estivil.

Fonte: Blog Idearia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: