A Deputación de Lugo aposta pola Banca Ética

O Salón de Actos de San Marcos acollerá a celebración de dúas xornadas, unha técnica e outra informativa, gratuítas os días 17 e 18 deste mes, organizadas polo grupo local de Fiare Banca Etica. A asistencia é libre e gratuíta ata completar aforo.

Así o anunciou hoxe Pilar García Porto, quen destacou que “as novas maneiras de facer políticas públicas tamén pasan por comprometerse coas persoas, apoiando o nacemento de proxectos locais cun positivo impacto social.

deputacion-XornadaFBEA Deputación de Lugo acollerá unhas xornadas, dirixidas tanto ás administracións como á cidadanía, para dar a coñecer este proxecto de banca ética na provincia. As dúas xornadas celebraranse no Salón de Actos do Pazo de San Marcos os días 17 e 18 de outubro, e serán de carácter técnico e informativo, respectivamente. Estas xornadas están organizadas polo grupo local de Fiare Banca Etica, o banco cooperativo máis importante de Europa e que conta con máis de 37.000 asociados.

Así o anunciou hoxe a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, quen destacou que a colaboración da institución luguesa con esta banca alternativa, “está en consonancia coas políticas públicas que este organismo está levando a cabo e que sitúan ás persoas como prioridade”. A Deputada salientou que “as novas maneiras de facer políticas públicas tamén pasan por comprometerse coas persoas, apoiando o nacemento de proxectos locais cun positivo impacto social”.

García Porto, que estivo acompañada de Xabier Bruña, coordinador local de Fiare Galiza, puxo como exemplo deste compromiso coas persoas diversas iniciativas da Deputación de Lugo, como a incorporación de cláusulas sociais en todos os contratos de obras e servizos, que fixo da institución luguesa o primeiro organismo provincial de España e pioneira entre as administracións públicas de Galicia en blindar os dereitos dos traballadores fronte aos posibles abusos que poidan cometer as empresas escusándose na reforma laboral; ou o ser a 1ª institución provincial do país en contar cuns orzamentos participativos, incorporando á cidadanía na toma de decisións provincia, propoñendo e opinando sobre os asuntos públicos de cara a mellorar a súa calidade de vida.

Programación das xornadas

As xornadas organizadas pola Deputación e Fiare Banca Etica terán lugar os días 17 e 18 de outubro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e, tal e como destacou García Porto, están dirixidas tanto ás administracións coma á cidadanía. A asistencia é libre e gratuíta, só limitada polo aforo.

En canto á xornada técnica do día 17, que se desenvolverá entre as 10:30 e as 13:00 horas, o Director de Operacións de Fiare Banca Etica, Juan Garibi, abordará cuestións de carácter máis específico, dirixidas a institucións e administracións, co fin de que estas coñezan as liñas de acción e funcionamento da Fiare Banca Etica, así como as ferramentas das que dispón para o apoio de proxectos de carácter local: desenvolvemento de proxectos no rural ou calquera outro tipo de iniciativas ecolóxicas e socialmente responsables.

Por outra banda, a xornada informativa do día 18 está dirixida ao público en xeral, para que coñezan esta cooperativa de crédito, os depósitos de aforro dos que dispón e cos que se financian proxectos vencellados á loita contra a exclusión social, a cooperación ao desenvolvemento, a agricultura ecolóxica ou o comercio xusto. Neste caso, a xornada desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas, e os expertos encargados serán Gonzalo Gesto, secretario de Fiare Galiza; Esteban González, coordinador do GIT Galiza Norte e, novamente, Juan Garibi.

Que é Fiare Banca Etica.

Fiare Banca Etica ten a súa orixe na unión de dous importantes proxectos de financiamento ético: a Banca Popolare Etica, banco cooperativo italiano nacido no 1999, e Fiare, que opera en España dende o 2005.

Este banco cooperativo conta entre os seus máis de 37.000 asociados tanto con institucións como con cidadanía, que coas súas aportacións xeran un capital social que supón formar parte dun proxecto de “democracia económica”. Os asociados, dos que xa forma parte a Deputación de Lugo, son os propietarios do banco cooperativo, fomentando o seu desenvolvemento coas súas aportacións e asegurando a súa independencia dos grandes grupos económico-financeiros.

A súa estrutura organizativa funciona a nivel local, de xeito que conecta funcionalmente a actividade do Banco coas necesidades particulares e proxectos máis vantaxosos para cada territorio, permitindo que os asociados participen de maneira directa na vida do banco.

Fonte: www.deputacionlugo.org

Diputacion-FiareBancaEtica-Lugo-outubro2014

A Deputación de Lugo, pioneira en España en traballar coa banca ética

A Deputación de Lugo vén de converterse na primeira institución provincial de España en formar parte da banca cooperativa, grazas ao convenio asinado con Fiare Banca Etica, a maior entidade cooperativa de crédito de Europa, do que deu conta hoxe a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e co que a institución luguesa achega fondos pasando a ser un dos máis de 37.000 asociados cos que conta Banca Popolare Etica en toda Europa, 5.000 destes en no Estado español.

García Porto fixo este anuncio durante a inauguración das xornadas técnicas e informativas que comezaron hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e que continuarán mañá, na que estivo acompañada polo representante do Grupo Local de Lugo de Fiare Banca Etica, Xabier Bruña, e o director de Operacións de Fiare Banca Etica, Juan Garibi, un dos poñentes das xornadas. García Porto subliñou que esta aposta por unha banca alternativa á convencional responde ao obxectivo da Deputación de Lugo de “situar as persoas no centro de todas as políticas públicas”, así como ao de traballar sempre de xeito transparente, xa que “o feito de que calquera poida saber en todo momento que somos, que facemos e como o facemos, é a maior mostra de respecto pola cidadanía e polos seus dereitos que se pode facer dende as institucións”.

Con esta achega, tal e como destacou a deputada, o organismo provincial contribúe a incrementar o capital social desta banca cooperativa, na que “todos os asociados son propietarios, asegurando así a súa independencia e facendo desta banca un proxecto de democracia económica”. Esta banca cooperativa centra a súa acción no desenvolvemento de iniciativas socialmente responsables, especialmente aqueles relacionados coa educación, a agroecoloxía, a inserción sociolaboral das persoas ou o comercio xusto.

Como funciona Fiare Banca Etica?

A achega económica da Deputación pasará a formar parte do capital social de Fiare Banca Etica e estará destinada, ao igual que o capital aportado por todas as persoas socias, a financiar proxectos que prioricen o respecto ao medio ambiente e a creación de postos de traballo en ámbitos como a prestación de servizos ou outras actividades produtivas.

Os proxectos candidatos a recibir financiamento son avaliados por comisións que traballan a nivel local e que están formadas por persoas socias elixidas en asemblea. Estas comisións son unha ferramenta esencial para a Fiare Banca Etica, xa que o feito de que funcionen a nivel local favorece que os seus membros coñezan de primeira man o tecido social e organizativo do territorio e traballan con criterios de viabilidade moi axustados á realidade.

Unha vez aprobados os proxectos por parte destas comisións locais, a súa viabilidade económico-financeira é analizada pola operativa bancaria. Fiare Banca Etica forma parte da Federación Europea de Finanzas e Bancos Éticos e Alternativos (FEBEA), unha organización sen ánimo de lucro con sede en Bruxelas.

Fonte: blog.deputaciondelugo.org

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: