“Hai que darse conta das posibilidades que teñen os nosos cartos de xerar xustiza”

Beatriz Oliver Ramírez é a coordinadora de persoas socias de Fiare, a evolución de Banca Popolare Etica (Banca Etica) no Estado español que, desde o pasado mes de outubro, xa ten a súa primeira oficina aberta ao público.

Autora: Rocío Sánchez Rodríguez. Artigo publicado o 11 de decembro de 2014 en http://www.linkterna.com

A filosofía é: “Hai que darse conta das posibilidades que teñen os nosos cartos de xerar xustiza, de diminuír o nivel de desigualdade. As nosas pequenas decisións poden cambiar a sociedade e cremos que esta é transformable”. Baixo este principio naceu o pasado mes de outubro, despois de máis dunha década de traballo, un novo banco no Estado español: Fiare Banca Etica, a evolución da coñecida Banca Popolare Etica (máis coñecida en Italia por Banca Etica). A súa primeira e única oficina, de momento, está en Bilbao, pero forma parte dunha cooperativa europea de 45.000 participantes que quere seguir crecendo e cuxa sede principal se atopa en Italia: Banca Popolare Etica. Beatriz Oliver Ramírez é a coordinadora de persoas socias de Fiare Banca Etica (Fomento de Iniciativas para a Articulación da Responsabilidade Económica), e exerce a súa función de maneira voluntaria: “Hai que comprometerse co que un cre”.

Beatriz Oliver Ramírez

Que é Fiare Banca Etica?

É unha estrutura cooperativa onde as/os socias/os e entidades que forman parte dela interveñen nas decisións do banco, deciden cara a onde ten que ir. Fiare enmárcase nunha rede de economía alternativa e solidaria, e funciona como resposta financeira a esa outra maneira de facer economía. Pero o que se busca, sobre todo, é que sexamos responsables do que se fai co noso diñeiro a través do aforro e do crédito. E búscase que sexamos consumidores/as responsables de produtos financeiros.

Nós comezamos no Estado español cunhas 70 entidades que traballaban aspectos de cooperación. Alá por 2003 preguntámonos se era posible que os nosos aforros estivesen na mesma dirección que a acción de cada unha destas entidades: loita contra a pobreza, inserción de persoas, respecto ambiental, agricultura ecolóxica… Xuntámonos e vimos que había en Europa desta realidade. E atopamos a “Banca Popolare Etica”, cuxos perfís de construción e a súa maneira de entender o crédito eran similares á que nós buscabamos. Comezamos a traballar como axentes dese banco de Banca Popolare Etica vendendo produtos italianos e agora, desde outubro, xa somos banco no Estado español, con ficha bancaria italiana pero con licenza para traballar aquí.

Fala de economía alternativa e solidaria, que implica exactamente ese concepto?

Caer na conta de que as nosas decisións económicas son un lugar político, un lugar onde exercer a nosa cidadanía, un lugar de participación. E desde a sociedade civil hai iniciativas que buscan recuperar valores que o sistema convencional e capitalista deixouse no camiño: a confianza, a transparencia, a proximidade ao territorio… Esta economía enmárcase dentro da cooperación e a participación para construír respostas, aposta pola colaboración máis que pola competencia.

Que produtos financeiros ofrece Fiare?

Como calquera outro banco, os/as clientes/as poden domiciliar as súas nóminas, os recibos, facer transferencias… Nese sentido funcionamos igual que un banco. Os clientes terán a súa tarxeta de débito que poden usar en calquera caixeiro de ServiRed (sen comisións) e, igualmente, funciona a banca por Internet (http://www.fiarebancaetica.coop/). O que nos diferencia do resto é que só damos créditos a proxectos que traballan en catro sectores: comercio xusto e cooperación ao desenvolvemento, inserción sociolaboral de persoas excluídas ou en risco de exclusión, agroecoloxía e respecto ambiental, transformación e valores culturais. Aquí non se dá diñeiro para hipotecas nin se inviste en bolsa. Eliximos este catro sectores porque reivindicamos o valor que teñen as finanzas para a construción social desde unha óptica transformadora.

Quen decide se os proxectos para os que se piden os créditos cumpren os requisitos?

Os/as socios/as no Estado español agrúpanse por zonas, e en cada unha delas hai unha asemblea que conta cunha comisión de avaliación ético-social elixida polas persoas socias. Esta comisión está formada por persoas que, pola súa formación ou experiencia de traballo profesional ou voluntariado, coñecen a realidade social da súa zona, de maneira que elas deciden se os créditos que se piden para a súa área serven para rexenerar, curar ou transformar a realidade e se axustan aos alicerces fundamentais de Fiare. Se a comisión di que si, automaticamente mírase a viabilidade económica do crédito. Pero se di que non, o proceso pode pararse.

Que avais se piden para saber se hai viabilidade económica para conceder ese crédito?

Aquí non se miran cantas propiedades tes para dar un crédito. Loxicamente, todo crédito estritamente bancario necesita unhas garantías, outra cousa é como buscalas. O tipo de entidades que participa en Fiare son asociacións e fundacións que saben como atopar avais para ter suficiente respaldo. Por exemplo, nunha asemblea de socios de calquera fundación pódese dividir a cantidade entre pequenas achegas. Hai que ter en conta que a idea é que todo se constrúa en rede, porque iso implica novas posibles respostas. Iso si, debe existir a seguridade de que o crédito se pode devolver, porque se non, non se concede. Se non é viable, non se dá. E debe pasar as dúas avaliacións: a ético-social e a financeira.

Existe algún límite de cantidade nos créditos que concede Fiare?

Non. Danse tanto microcréditos como grandes créditos. Demos até de tres millóns de euros a unha entidade que se chama “Convivir“, un proxecto para persoas que se xubilan e que queren compartir a vida con outros, pero non ten nada que ver cunha residencia da terceira idade. O primeiro crédito que demos foi para un campo de refuxiados no Congo. A outra entidade que traballa en Estremadura concedémoslle outro para adaptar vehículos a persoas discapacitadas. Tamén demos a empresas que traballan a inserción. En total financiamos uns 200 proxectos desde que empezamos como axentes de Banca Popolare Etica.

Cantas persoas socias ten Fiare Banca Etica?

No Estado español somos 5.500 agora, pero confiamos que desde a apertura da oficina en outubro as cifras vaian crecendo. A idea é que as persoas socias (quen achegan o capital social) sexan clientas e viceversa. Buscamos sobre todo persoas socias, a participación da cidadanía e que vaia crecendo o capital social para poder asumir máis proxectos, aínda que de momento nunca tivemos que rexeitar un crédito por falta de diñeiro. Para ser persoa socia física o mínimo que hai que achegar son 300 euros, a partir de aí xa se entra na toma de decisións. Neste sentido é importante destacar que cada persoa socia é un voto. A unha asemblea de persoas socias do Santander pódese acudir en función do capital que teñas; en Fiare polo simple feito de ser persoa socia co mínimo de 300 euros tes a mesma voz e o mesmo voto que unha persoa ou unha entidade que achegue 100.000.

Exponse a posibilidade de, nun futuro, conceder hipotecas?

En Italia xa se fai. En principio non se daba crédito hipotecario para as vivendas, pero agora si se fai aínda pero só para primeira vivenda, para as persoas socias antigas e non a calquera vivenda, hai varios factores. No Estado español, o tema de conceder ou non hipotecas será unha decisión futura que se tome dentro da asemblea.

Prémiase o aforro?

Ás persoas aforradoras responsables garánteselles un tipo de xuros un pouco máis baixo do normal, en torno ao 0,50% e o 0,80%, sempre axustado á realidade, porque nós facemos economía real porque ninguén busca maximización de beneficios. En canto aos tipos de xuros nos créditos, son ao redor de medio punto máis baixo que na banca tradicional, pero todo depende de cada caso en concreto.

Fiare pretende marcar unha gran diferenza cos bancos convencionais. Cal cre que é o problema máis alarmante destes últimos?
O gran problema en xeral a nivel de lexislación e de Estado é que houbo unha desregularización para que todo sexa a favor das grandes corporacións e non se buscou en ningún momento o ben social nin o ben común. É unha vitoria cultural do capitalismo neoliberal que nos sitúa aos cidadáns como inocentes individuos illados que non podemos facer nada fronte aos grandes. Son soamente os gobernos e as multinacionais os que poden facer algo. Fiar o que tenta dicir é que os cidadáns agregados e unidos, relacionados en rede, somos capaces de xerar alternativas que rompan ese sistema.

Beatriz Oliver, segunda pola esquerda. Encontro Anual do Sistema de Banca Etica, Bolonia, novembro de 2014.

Beatriz Oliver, terceira pola esquerda. Encontro Anual do Sistema de Banca Etica, Bolonia, novembro de 2014.

Que hai que cambiar do actual sistema bancario?

Un tema fundamental é a ética. Ético é dar crédito e non dalo, as dúas cousas. A proxectos que non teñen viabilidade é ético dicir que non. Ese é un dos problemas importantes da banca e a sociedade. Tamén é importante implicarnos, é dicir, non soamente deixarlle o noso diñeiro aos bancos sen preguntar que se fai con el, a quen prexudica e a quen beneficia. Hai que ter en conta que o financiamento modela as sociedades.

Que debería coñecer a xente dos bancos tradicionais?

Os bancos financian empresas que traballan en armamento, empresas que teñen paraísos fiscais e que non pagan impostos no lugar en que están, financian entidades que traballan en explotación de nenos/as, en países onde os salarios non garanten a dignidade das persoas, financian explotacións mineiras en países que deforestan a Amazonia e fan que grupos humanos se teñan que desprazar porque unha empresa vai facer unha explotación petrolífera… Hai que caer na conta de que iso se está facendo co noso diñeiro. Nós non financiamos xubilacións millonarias cando o banco ten perdas nin compramos e vendemos diñeiro sen xerar ningún tipo de beneficio social. Por exemplo, compro diñeiro hoxe ás 6.50 horas e véndoo ás 7.10 e xa gañei diñeiro e non xerei ningún ben… Hai que ter en conta que o 99% dos movementos económicos é de diñeiro, só un 1% é de produtos, o resto é só compra e venda de diñeiro, de maneira que soamente ese 1% é o que paga impostos.

Describídesvos como unha greta no capitalismo.

Crear un banco é meternos na boca do mesmo sistema, no centro do sistema financeiro para traballar doutra maneira e mostrando que se poden facer as cousas doutra maneira e que iso é sustentable. Fiare non busca a máxima rendibilidade pero si a sustentabilidade. Facer banca é posible desde outras claves que non sexa a acumulación senón o ben común.

Que morosidade teñen os/as clientes/as?

En torno ao 2% mentres que na banca convencional está en torno ao 13%.

Que debe facer unha persoa que estea interesada en formar parte de Fiare?

Entrar na web: www.fiarebancaetica.coop. Aí pode facerse clienta ou socia e aí pode preguntar na súa zona que grupo hai, para que a poidan informar e lle poidan dicir como implicarse e participar.

Fonte: www.linkterna.com

5a-Bolonia-nov2014

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: