O pasado luns 22 de decembro de 2014 tivo lugar a derradeira reunión do grupo local de Coruña no ano 2014.
Na reunión púxose de manifesto a importancia de informar correctamente ao/á cidadán/á unha vez que a operativa da unificada Fiare Banca Etica esté completamente lista. Para isto, os primeiros ben informados deben ser as persoas socias e, sobre todo, aquelas involucradas na súa difusión. Para este fin deberemos recoller e documentar toda a información necesaria e organizar unha charla de formación, de xeito que ninguén teña dúbidas do protocolo a seguir tanto na alta de clientes/as como na solicitude de créditos. No caso concreto dos créditos, estaría ben recopilar unha listaxe daquelas personas ou organizacións que cremos poderían encaixar cos criterios ético-sociais de Fiare Banca Etica para informalos desta vía de financiamento.
Para a difusión en xeral dende os grupos locais (temos varios en diferentes vilas de Galiza: Vigo, Lugo, Compostela, Coruña, Pontevedra…) existen varias posibilidades e propostas:
- O blogue e as redes sociais. En xaneiro de 2015 está previsto o funcionamento de www.fiarebancaetica.coop como plataforma integrada de comunicación onde cada GIT terá o seu espacio, polo que os contidos do blogue pasarán ao nova web.
- Punto fixo de información. Para isto é necesario, por unha parte, atopar un lugar dispoñible para tal fin, e por outra, contar con xente dabondo disposta a participar establecendo turnos.
- Ciclo sobre banca ética e economía sostible na universidade. Poderíase solicitar á Universidade de Coruña a organización xunto con outros colectivos dun ciclo sobre banca ética e economía sostible. Un bo lugar para isto sería a Facultade de económicas, para ofrecer aos/ás estudantes unha visión alternativa ás finanzas tradicionais.
- Conferencia TEDx Galicia. TED é unha organización sen ánimo de lucro adicada a divulgar ideas de todo tipo por todo o mundo. Para isto organizan unha serie de conferencias presenciais que pasan a estar dispoñibles na súa web gratuitamente.TEDx, como a súa web indica, “é un programa de eventos locais, organizados de maneira independente que permiten disfrutar dunha experiencia similar ás que se viven nas conferencias TED”. Dentro do TEDx Galicia, existe a posibilidade de suxerir novas charlas para os próximos eventos, e sería unha via de difusión moi interesante se algunha persoa valente estivese disposta a ofrecerse como ponente.
Para rematar, deixámosvos esta charla TED moi inspiradora para comezar o ano. Conta a historia dunha muller que decidiu comezar unha aventura empresarial na gandaría e agricultura ecolóxicas. Tivo moitos problemas pero un final feliz: As súas galletas de nata contan con 200 puntos de venta en España e recibiron o premio internacional ao sabor e a calidade do iTQi (Instituto Internacional do Sabor e da Calidade) en Bruxelas.
Feliz ano 2015!
Filed under: Banca Popolare Etica,Eventos,Fiare Banca Etica |
Deixar unha resposta