Ante un sistema económico que está a acentuar as desigualdades sociais e o impacto ambiental, é necesario que os/as cidadáns/ás coñezamos a existencia de alternativas para ir transformando a nosa contorna nunha realidade máis xusta e sustentable. Outra economía non só é posible, senón que xa existe, e a capacidade de incidir do/a cidadán/á corrente é maior do que a miúdo pensamos.

O artigo que presentamos forma parte dunha serie de artigos formativos en profundidade sobre temas relacionados coas finanzas éticas e a economía social e solidaria que Oikocredit irá publicando na súa páxina web e outros medios aproximadamente cunha periodicidade trimestral.

Neste primeiro artigo afóndase na realidade da banca ética, unha rama das finanzas que existe desde hai varias décadas e que supón unha oportunidade para todos nós de incidir sobre a realidade do mundo en que vivimos e poder cambiala. En contraste coa banca convencional, a banca ética non persegue exclusivamente o lucro, senón que pon ao mesmo nivel a sustentabilidade económica e o impacto social como alicerces da súa existencia. A banca ética céntrase en proxectos de economía real que a miúdo quedan excluídos dos principais fluxos financeiros por non ser suficientemente rendibles ou non garantir un apetecible beneficio inmediato, de maneira moi similar ao que fan as microfinanzas en países en vías de desenvolvemento. Ao mesmo tempo, a banca ética exclúe calquera tipo de actividade que non se adecue cos seus principios éticos (empresas de armamento, explotación laboral, pornografía, impactos ambientais …) e rexeita a especulación como forma de obter beneficios.

Pero esta vertente ética vai moito máis alá das actividades que se financian. A banca ética aposta decididamente pola transparencia e a participación das súas persoas socias, organizándose moi a miúdo en forma de cooperativas.

Desta maneira, a banca ética supón un espazo de investimento sólido e estable, xa que a diferenza de moitas entidades da banca convencional, non necesitou ningún rescate externo de diñeiro público, e ademais viu como, paralelamente ao desastre financeiro que sufrimos nos últimos anos, os seus depósitos e préstamos aumentaban significativamente. A súa estabilidade ao longo das últimas décadas evidencia esta seguridade, que se obtén grazas ao feito de non depender dos fluxos financeiros especulativos altamente volátiles e arriscados.

Con todo isto, o artigo demostra que xa existen alternativas no campo das finanzas e que nós podemos formar parte activamente facendo que os nosos aforros sexan coherentes cos nosos principios. A pregunta a facernos xa non é se podemos, senón se queremos apostar por un mundo que abarque sociedades máis xustas.

Le o artigo “A unión entre idealismo e realismo: o caso da banca ética” completo na web de Oikocredit Catalunya