Primeiros pasos en España de Banca Etica

Este artigo foi publicado en italiano no Suplemento da revista Valori co título “Primi passi in Spagna per Banca Etica”.  Tedes moita máis información aquí.

—————————————–

Emanuele Isonio

En Bilbao abre a sucursal do banco. Dez anos de percorrido xunto a Fiare nos que fomos quen de convocar a persoas e organizacións que queren aportar democracia e xustiza tamén ao sistema financeiro.

Fai quince anos semellaba un soño para visionarios, marcado como irrealizable por parte do pensamento económico preponderante. Construír un banco que, estatutariamente e pola vontade das persoas socias, axudase a facer circular o diñeiro no país, financiando iniciativas dos eidos social, asistencial, educativo e ambiental, de xeito transparente e sen investir en produtos financeiros especulativos, na fabricación de armas nin servir de escudo para evasores fiscais. E, coma todos os soños, tamén o de Banca Etica ten cifras que aportar: 17 oficinas, 200 empregados/as, 37 000 persoas socias, 883 millóns de aforro recollido e 775 millóns de financiamento distribuído en 7142 proxectos. Porén, o número máis importante é: un. O que se verá escrito a partires de agora en España. Un. Como a sucursal do banco que abriu fai unhas semanas en Bilbao.

BancaEtica-datos-Valori

Da necesidade de consolidar a experiencia do crédito social e das finanzas alternativas tamén nas terras ibéricas falarase máis amplamente nos artigos das seguintes páxinas. Mais a decisión da dirección de Banca Etica de abrir unha sucursal en España é, máis que froito dunha estratexia comercial, o resultado do percorrido feito xunto a Fiare, fundación de aforro e crédito responsable.

UN PERCORRIDO QUE DURA OITO ANOS

«Tamén nós —explica Peru Sasia Santos, membro de Fiare e hoxe membro do Consello de Administración de Banca Etica— sentíamos a necesidade de ter un punto de referencia para o financiamento da realidade da economía civil. De feito, a resposta foi inmediatamente moi positiva.»

Son dous os aspectos que notaron (e apreciaron) de inmediato os españois: a posibilidade de abrir as liñas de crédito a persoas que, doutro xeito, dificilmente serían atendidas polos bancos (o 82 % das persoas que recibiron financiamento do circuíto de Banca Etica indicou que este era indispensable para pór en marcha ou continuar a súa actividade) e, malia o dito anteriormente, unha taxa de morosidade máis baixa que no resto do sistema bancario tradicional (a finais de 2013 era do 2,02 % fronte a unha media do 7,7 %).

En dez anos, Fiare, co asesoramento de Banca Etica, a través das contas de aforro dos seus socios/as, permitiu acumular 40 millóns de euros que se transformaron en 30 millóns de financiamento para 200 proxectos do terceiro sector. Coa apertura da sucursal de Bilbao, os cinco mil socios e socias de Fiare, que xa están organizados/as en 21 grupos locais, de Euskadi ás Baleares, de Andalucía a Cataluña e a Galicia, converteranse, a todos os efectos, en socios/as de Banca Etica e poderán utilizar as ferramentas financeiras ofrecidas pola institución ás persoas titulares de contas. «A ampla tarefa será falar agora con estas persoas, unha a unha, para proporlles a apertura dunha verdadeira conta corrente con todos os servizos que esta comporta». Unha etapa fundamental para pasar da simple recadación á creación dunha verdadeira institución bancaria.

FiareBE-datos-Valori

A CRISE, UN ALIADO INVOLUNTARIO

Entre outras, e por unha vez, a crise podería converterse nun aliado inconsciente no percorrido de consolidación da experiencia das finanzas éticas. O proxecto naceu nun contexto totalmente distinto, cando España, na época de Zapatero, semellaba destinada a un crecemento impetuoso, até o punto de chegar a falar de «milagre español». Hoxe o goberno socialista non é máis ca unha vella lembranza. E a realidade é dramaticamente diversa. Con repercusións evidentes para a «outra economía»: «A recesión e os recortes salvaxes no Estado social practicados polos gobernos españois golpearon duramente o noso sector terciario», explica Peru Sasia. «Non sorprende que moitas iniciativas do comercio ecolóxico, do mundo agrícola e ambiental, se converteran nos últimos anos en promotoras da aventura española de Banca Etica. Dalgún modo, a recesión abriu os ollos a moitas persoas, difundindo a consciencia de que é moi importante orientar eticamente os investimentos financeiros para construír un círculo virtuoso que axude ao desenvolvemento da economía real». Deixamos coa boca seca, cando menos por unha vez, aos especuladores das finanzas tradicionais.

4a-Bolonia-nov2014

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: