
Un ano con moito que celebrar!
Hoxe, 28 de novembro de 2015, ten lugar a Asemblea Extraordinaria de Socias/os de Banca Popolare Etica (Banca Etica) e o Encontro da Área Fiare! Será a primeira que se celebra oficialmente en dúas sedes, Italia e o Estado español. Aproveitando este gran acontecemento e a boa representación galega que alí teremos facémosvos chegar unha crónica do Encontro interGIT galego e da asemblea de Fiare Galiza que tivo lugar hai case dous meses, o 3 de outubro de 2015:
“O día 3 de outubro de 2015, celebramos un encontro interGIT en Santiago de Compostela, coincidindo coa asemblea de Fiare Galiza pola tarde. Escollemos o formato de encontro para recuperar e coidar o espazo de participación e contacto entre as persoas socias que comprendemos é a esencia de proxectos cooperativos como o noso.
Comezamos a xornada cunha presentación das persoas coordinadoras dos GIT Galiza Sur e Galiza Norte, Cachi e Esteban, que fixeron un percorrido pola actividade dos dous GIT do segundo semestre do ano 2014 ata o momento actual. Cachi leunos a emotiva carta que escribiu Ugo Biggeri ao cumprir un ano a nosa oficina bancaria de Bilbao aberta, sen dúbida un acontecemento histórico para nós!
Este ano foi un ano moi marcado pola operativa bancaria. A labor dos GIT neste momento centrouse moito en crear a “comunidade de acción”, isto é coordinar a oficina de Bilbao co territorio galego (organizar visitas de traballadoras ao territorio galego, apoiar a socias nos contactos cos servizos bancarios, supervisar o funcionamento e implantación da operativa na base social que nos corresponde…) e a coordinación e aprendizaxe cos demais territorios para acompasar e economizar os esforzos. Por isto, as actividades durante estes meses centráronse principalmente en eidos máis “internos” e traduciuse nunha presenza exterior menor (menos actos de difusión, actividades…). Faláronnos dos esforzos dos GIT por adaptarse a unha realidade en continuo cambio e con falta de experiencia, polo que as persoas coordinadoras fixeron un esforzo grande neste período desprazándose a diversas xuntanzas en Bilbao, Italia…
Nesta ocasión contamos coa presenza de Carlos Askunze, o noso referente da Zona Norte (integrada ademais por Euskadi, Aragón e Asturias). El participa no Fórum de Área, polo que nos trouxo información de primeira man e unha visión moi clara dos retos e traballo que teremos que desempeñar neste futuro máis próximo da cooperativa. Resaltou o traballo feito polos GIT galegos e a necesidade de crear unha comunicación aínda maior connosco. Fixemos unha reflexión das características e problemas engadidos da nosa área Fiare Banca Etica: Fiare Banca Etica é unha das cinco áreas das que se compón Banca Popolare Etica (coñecida en Italia tamén polo nome de Banca Etica). Fronte as áreas italianas, a nosa ten características moi específicas que supoñen dificultades engadidas:
- Comprende todo o Estado español, en Italia cada área son rexións de Italia (Nordés, Noroeste, Centro, Sur). Isto significa moito máis territorio e polo tanto maior dificultade para chegar ás persoas socias e atender ás súas necesidades. Tamén e moita maior a diversidade: temos 4 linguas fronte a Italia que só traballa cunha. Isto lévanos a unha necesidade maior de recursos que os que temos neste momento.
- Banca Etica leva funcionando 15 anos e xa ten unhas dinámicas marcadas de funcionamento que tamén crean rixideces. As nosas peculiaridades precisan repensar certas cousas. Para nós todo é novo, cando para Banca Etica son xa rutinarios moitos dos procesos.
- Somos un só banco e temos un único balance pero abranguemos dous países e temos, polo tanto, dúas fichas bancarias e temos que traballar co Banco de Italia e o Banco de España coas esixencias de cada país e diferentes normativas.
Tendo en conta todas estas características e dificultades o balance da situación actual da cooperativa é en xeral moi positivo (moi interesante é coñecer o Balance Social 20014), xa que pouco a pouco estamos a superar etapas satisfactoriamente. A integración con Banca Etica está a camiñar a bo ritmo e a aceptación por parte de Italia e a colaboración non pode ser mellor. Temos que ter en conta os resultados positivos do noso Balance Social 2014, que nos fala do impacto medioambiental e social dos proxectos financiados, da situación do persoal traballador…, xa que é o protagonismo destes factores o que fai que sexamos tan diferentes a outros bancos. Seguimos creando rede e implicando a cada vez máis organizacións con naturezas moi diversas traballando nun obxectivo común. É difícil atopar esta situación e esta é unha das grandes riquezas de Fiare Banca Etica.
Enfróntamonos a grandes retos: superar todas as dificultades comentadas, consolidar os nosos servizos financeiros e a capitalización e … o máis importante, manter a motivación nas persoas socias e consolidar o traballo dos GIT. Carlos insistiu nunha preocupación que temos reflectido frecuentemente nos nosos GIT e que comparten dende o Fórum de Área: a necesidade da participación das socias. Neste momento é difícil comunicar novas, comprometer prazos… nun entorno que muda continuamente e todo é novo para nós e estamos aprendendo segundo avanzamos. Esta situación xera demasiado protagonismo da operativa, dificultade de atopar espazos de participación das persoas que non teñan unha certa formación e información actualizada, desmotivación debido a limitacións ou retraso de servizos e xeración de expectativas que non chegamos a cumprir… Fronte a isto precisamos paciencia e sumar moita ilusión e traballo, partindo de que estamos nun momento de impasse coxuntural que se aclara paseniño segundo vaiamos pechando cuestións. Tamén temos que ter presente a necesidade do fomento da formación e coñecemento das persoas socias do funcionamento da cooperativa para favorecer a participación e o relevo dos GIT.
A media mañá puidemos contactar por videoconferencia con Alberto Mínguez, traballador da oficina de Bilbao, para poder preguntarlle directamente dúbidas e inquedanzas sobre o funcionamento e a situación da operativa bancaria. Estamos a conseguir un soño: temos a ferramenta operativa financeira dun banco, aínda con carencias pero xa con grandes capacidades. Están a facer probas con tarxetas de débito, TPV…; mantendo comunicación coa Seguridade Social…, para poder ofrecer todos os servizos bancarios que nos faltan para ter cubertas as necesidades básicas de funcionamento. Comentounos que o proceso de capitalización e migración avanza correctamente. Estamos a medrar moito en aforro e no número de persoas clientas e de novas socias a pesar de que os esforzos non están postos nesta dirección, senón na de ofrecer servizo canto antes a persoas socias e clientas máis antigas. Fronte a todos estes datos positivos, atopamos unha carencia importante: non medramos tanto en crédito e isto é un problema, xa que o beneficio da cooperativa baséase no prestado e non no aforro, por iso é un eido a traballar. Grazas a unha mellor operativa bancaria estamos flexibilizando o acceso ao crédito: podemos financiar proxectos por un importe menor, incluímos máis figuras e se está a traballar en conseguir unha rapidez e coordinación cos GIT maior nas valoracións das solicitudes de crédito. Salientamos que puidemos preguntarlle todas as dúbidas e inquedanzas que tiñamos e que nos trasladaran outras socias que non estiveron presentes na xuntanza. Lembrounos que temos novo director xeral en Banca Etica: Alessandro Messina. Alberto comentounos que mostrou moito interese nas características da nosa área, asumindo o grande traballo feito, sendo consciente da necesidade dun maior cadro de persoal. Promove a descentralización na xestión e aprobación do préstamo, a toma de decisións nas oficinas para ser máis áxiles o que fai que a espera na tramitación dos préstamos sexa menor.
Na Asemblea Extraordinaria que se celebra o 28 de novembro de 2015 simultaneamente en Pamplona e Pádova, un dos puntos fundamentais será a votación por parte das persoas socias do sistema de gobernanza, que é o novo regulamento asembleario que regulará os posibles candidatos ao Consello de Administración e a formación de listas, ademais de todo o relacionado co sistema de votación. O tema da gobernanza lévase traballando en Banca Etica dende o ano 2013. Na nosa área, ao incorporarnos máis tarde, é un tema que nos colle con moita menos elaboración e asimilación, pero é importante ter unha idea xeral, e para isto Carlos fixo unha exposición resumida dos puntos máis importantes. Neste modelo de gobernanza é salientable que se busca a participación das persoas socias non só na votación, senón a oportunidade de participar ao longo do proceso de elección, incluso presentándose como candidatas. Abre pois, un abano moito máis amplo de posibilidades de participación.
Finalizamos a xuntanza, como facemos habitualmente, cun xantar compartido no que puidemos estreitar lazos e compartir impresións e opinións nun entorno informal e distendido. Sempre terá para nós un protagonismo importante o crear eses espazos para coñecernos. Agardamos contar contigo en vindeiras xuntanzas tan intensas e enriquecedoras coma esta!“
Filed under: Banca Popolare Etica,Economía solidaria e social,Eventos,Fiare Banca Etica,Fiare GZ |
Deixar unha resposta