Memoria Fiare 2005-2010 (agora en galego)

A memoria completa podes atopala aquí:

Fiare complementa a súa actividade regular de crédito de tres xeitos. A primeira aséntase na potencialidade que ofrece “a rede Fiare” para achegar as necesarias garantías que pode requirir un préstamo concedido no circuito estritamente bancario do proxecto. Existen bastantes operacións de crédito que se realizaron mediante o aval de persoas e entidades da nosa base social non directamente vinculadas á solicitante, e que responderon a unha chamada do “sistema Fiare” a posibles avalistas.

O segundo mecanismo consiste na creación de circuitos aforro-crédito nos que a persoa aforradora se implica en que se poida soster economicamente unha actividade de crédito para a que a vulnerabilidade estrutural das persoas solicitantes constitúe un risco de morosidade maior. Neste sentido, podemos resaltar un tipo de depósito ao que chamamos “libreta redes” e no que os intereses non son recibidos pola persoa ou entidade depositante, senón que se lle entregan a quen esta elixa dentro dun conxunto de organizacións que o van a utilizar para apoiar, mediante o crédito, proxectos de maior risco.

En apenas tres anos de funcionamiento, 304 persoas e organizacións depositaron os seus aforros utilizando esta libreta, por un total superior aos 3.100.000 euros. Isto supuxo pór a disposición das organizacións conveniadas máis de 49.200 euros de fondos donados para o financiamento de proxectos situados fóra do circuito bancario, co efecto multiplicador do crédito que isto supón. Os proxectos financiados polas entidades conveniadas foron de diverso tipo: apoio microfinanceiro a comunidades rurais de Centroamérica, crédito para o acceso a vivenda de persoas en situación ou risco de exclusión, capital para proxectos de emprendizaxe de alto valor social o creación de comunidades autofinanciadas.

O terceiro mecanismo consiste en establecer acordos con organizacións socias de Fiare interesadas en que as persoas coas que elas traballan teñan acceso a un crédito que facilite o traballo que desenvolven. Estas entidades adoitan asumir o risco inherente a esta operativa con fondos propios e avalan ao solicitante. Fiare pon neste proceso a súa estrutura, de forma que a persoa solicitante entende que o que está recibindo é un crédito bancario, non unha doazón realizada pola entidade que lle ofrece vivenda ou formación ocupacional ou calquera outro tipo de acompañamento.

Unha resposta

Deixar un comentario