Encontro galego de persoas socias de Fiare Banca Etica

O vindeiro sábado, 3 de outubro de 2015, xuntarémonos en Santiago de Compostela no encontro de todas as persoas socias de Fiare Banca Etica da Galiza e na asemblea da asociación Fiare Galiza.  Terá lugar nas instalacións de CERSIA (Rúa do Alcalde Raimundo Lopéz Pol s/n – San Lázaro, Santiago de Compostela), a partires das 10:00 horas.

É unha xuntanza que consideramos especial, xa que teremos a oportunidade de coñecer a Carlos Askunze, o Referente da nosa Zona Norte, que nos comentará moitas novidades, así mesmo falaremos con Alberto, un dos traballadores da nosa oficina bancaria de Bilbao, para poñernos ao día de como está a funcionar a nosa operativa e resolver todas as nosas dúbidas e inquedanzas.

Coma sempre, priorizamos dispoñer dun tempo para coñecernos máis informalmente e para iso celebraremos un xantar compartido.  Ofreceremos algo para beber e picar e agradecemos o que cadaquén queira achegar para pór en común.

Queremos que todas as persoas teñamos posibilidade de asistir e parécenos que compartir coche é o mellor xeito, por iso, agradecémosche que nos comuniques se precisas compartir transporte no enderezo electrónico persoassociasgitsur@proyectofiare.com (se vives nas provincias de Ourense ou Pontevedra) ou no persoassociasgitnorte@proyectofiare.com (se o fas nas de Coruña ou Lugo) e organizaremos como facelo. Para calquera outra cuestión estamos ao teu dispor a través dos correos electrónicos e deste blogue.

Queremos lembrar tamén que a vindeira asemblea da Área Fiare é o 28 de novembro de 2015 en Pamplona, na que nos agardan obradoiros, novidades… e, sobre todo, participación na nosa cooperativa!

Sen máis, agardamos contar contigo nesta xornada e camiñar xuntos/as nos novos pasos desta nosa cooperativa!

Cartel-asembleagalega-FBE-set2015

 

Unha aperta!

Deixar un comentario