Coñece os grupos territoriais de persoas socias de Fiare Banca Etica

Grupo-Carlos-encontroout15-GIT-galizaA partir de hoxe os Grupos Territoriais de persoas socias de Fiare Banca Etica (GIT) teñen novos espazos na web polo que no noso caso (GIT Galiza Sur e GIT Galiza Norte) deixaremos este blogue no que estades a ler este artigo e publicaremos no novo punto de encontro no que xa tedes novas: GIT Galiza.

O noso banco é propiedade de milleiros de persoas e organizacións, e grazas a elas somos independentes da política e dos grandes grupos económicos e financeiros.

Algunhas destas persoas achegan o seu tempo, habilidades, paixón e traballo, de xeito voluntario, para desenvolver o noso proxecto de finanzas éticas.

Estas persoas son elixidas por outros membros a nivel local e forman o GIT (Grupo de Iniciativa Territorial).

As actividades do GIT consisten en:

  • achegar as finanzas éticas ao territorio;
  • fortalecer as relacións coas organizacións e empresas que traballan por unha economía social e solidaria;
  • promover unha cultura de uso responsable do diñeiro;
  • colaborar no desenvolvemento cultural e participativo do proxecto xunto á estrutura profesional;
  • alimentar o debate interno do banco, para mellorar día a día.

Grazas aos GIT estamos presentes en case todos os territorios e é posible organizar centos de eventos e actividades anuais (835 no 2014!), como obradoiros de educación financeira, debates sobre economía, obras de teatro e moito máis.

Traballamos, mediante a formación e o debate, para integrar as súas actividades e información na páxina web de Fiare Banca Etica. Nestes espazos poderedes coñecer as persoas que integran os grupos territoriais, estar ao corrente dos seus próximos eventos e actividades e pórvos en contacto con eles para colaborar en novas ideas para a zona.

Coñece ás persoas que lle dan vida ao Grupo Territorial de Fiare Banca Etica da túa área: www.fiarebancaetica.coop/git

Fonte: www.fiarebancaetica.coop

FIARE BANCA ETICA apoia a campaña “IGUAIS” de OXFAM INTERMÓN

fiare-banca-etica-apoya-campana-iguales-de-oxfam-intermon26 de xaneiro de 2016

Oxfam Intermón lanzou a campaña IGUAIS que ten como obxectivo denunciar que a desigualdade extrema e crecente é a principal causa da pobreza no mundo e ademais, cerna as oportunidades de desenvolvemento de millóns de persoas.

A desigualdade entre as persoas ricas e as pobres é extrema e segue aumentando: en 2015, só 62 persoas tiñan a mesma riqueza que a metade máis pobre da poboación, 3.600 millóns de persoas. Unha das solucións que defendemos para combater a desigualdade é unha fiscalidade xusta e progresiva que contribúa a redistribuír os recursos e a conformar sociedades máis equitativas e cohesionadas.

Todos/as, cidadáns/cidadás e empresas temos que pagar en función da nosa capacidade económica real pero o certo é que a evasión e elusión fiscal costa moito diñeiro á cidadanía. En España, o 72% da fraude fiscal provén de grandes empresas e grandes fortunas e 59.000 millóns é o que o noso país deixa de ingresar ao ano a causa da fraude fiscal total. Ademais, 34 das 35 empresas do IBEX35 teñen filiais en paraísos fiscais e nun só ano estas empresas incrementaron o número de filiais en paraísos fiscais nun 44%, pasando de 561 en 2012 a 810 en 2013.

O investimento español cara a paraísos fiscais disparouse un 2.000% en 2014

Mentres, o investimento español cara a paraísos fiscais disparouse un 2.000% só en 2014. A nivel mundial os datos son igualmente significativos e alarmantes, a modo de exemplo podemos dicir que en África se calcula que cada ano saen 50.000 millóns de dólares como fluxos de capital ilícitos, dos que dúas terceiras partes son debidos ás prácticas de elusión fiscal das grandes empresas.

A cuestión é que este diñeiro non ingresado polos Estados supón unha perda considerable de ingresos que podería destinarse a políticas sociais. O uso de paraísos fiscais por parte das grandes compañías, resta recursos aos gobernos o que nega coberturas básicas de dereitos a persoas no noso país e no resto do mundo, acrecentando a desigualdade e a pobreza. Isto pódese deter.

Que podemos facer?

Desde Fiare Banca Etica e Oxfam Intermón cremos que é hora de cambiar as regras. Oxfam estivo pedindo aos diferentes partidos políticos que incorporen nos seus programas electorais unha lei contra a evasión e a elusión fiscal. Pasadas as eleccións, queremos pedir ao Goberno que salga elixido que aprobe unha lei contra a evasión fiscal. A nivel internacional, Oxfam tamén está a pedir aos líderes mundiais que poñan o empeño necesario en impulsar un sistema fiscal internacional máis xusto para todos os países.

A campaña pretende alcanzar un número significativo de firmas para esixir con forza ao Goberno que aprobe unha lei contra a evasión fiscal.

Asina a campaña!

Campaña Internacional IGUAIS: https://www.oxfam.org/es/campanas/iguales

Máis información sobre a Campaña IGUAIS:

Fonte: www.fiarebancaetica.coop

Grandes novas na Asemblea Extraordinaria de Banca Etica!

AsembleaFiare-1O ano 2015 rematou con interesantes encontros: no mes de outubro de 2015 celebramos o encontro intergit galego e a asemblea de Fiare Galiza, a finais do mes de novembro de 2015 puidemos participar na Asemblea Extraordinaria de Banca Popolare Etica (coñecida como Banca Etica en Italia) -a primeira vez que se fai de forma simultánea no Estado español e no italiano- e as xuntanzas do GIT Galiza Norte e do GIT Galiza Sur das que nun vindeiro artigo no novo blogue vos falaremos.

FiareBancaEtica-2016Coas grandes novas transmitidas na Asemblea Extraordinaria queremos comezar este ano 2016 (tes moita máis información a partir do parágrafo seguinte) que vén cargado de cambios.  O primeiro é que este blogue www.fiaregz.com vai quedar como un punto de consulta de documentos ou de artigos antigos xa que agora imos darlle vida ao novo blogue que podes coñecer facendo clic en www.fiarebancaetica.coop/git/gl/galizia.

asamblea-extraordinaria-de-banca-etica-aprobado-el-nuevo-gobierno-y-el-refuerzo-de-participacion-de

“As persoas socias de Banca Etica, reunidas en Padua (Italia) e en Barañáin (Pamplona, España) en asemblea extraordinaria o sábado 28 de novembro de 2015, aprobaron algunhas modificacións importantes dos estatutos do banco relativas aos seguintes temas:

  • elección dos membros do consello de Administración;
  • organización territorial das persoas socias para favorecer a participación na vida do banco;
  • posibilidade de facerse socio/a e votar a distancia;
  • introdución do concepto de «Portadores de Valor».

A deliberación resultou en 1219 votos a favor, 94 votos en contra e 76 abstencións. Púidose votar mediante un dispositivo electrónico, mais a verdadeira novidade foi a celebración simultánea da asemblea en Padua e Barañáin (Pamplona-España) con conexión de audio e vídeo e interpretación simultánea.

A necesidade de dotarse dun sistema electoral novo para o Consello de Administración xurdiu en parte da nova normativa (Título IV da Circ. 285 do Banco de Italia, sobre o novo goberno societario dos bancos) e en parte dos retos que quere afrontar Banca Etica: desde a ampliación da base social e a operativa en España ata as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías dixitais e que poden garantir un maior acceso á participación.

A proposta de novo goberno —construída ao longo do tempo grazas a un percorrido de participación e comprobación coas persoas socias e cos diversos «Portadores de Valor» que fan funcionar o banco— procura conxugar o valor da participación coa esixencia de votar a un equipo de goberno para o Consello de Administración que posúa as competencias e os requisitos necesarios e que leve a cabo os obxectivos definidos.

De seguido detallamos as principais novidades:

• Participación activa das persoas socias da cooperativa: desde sempre en Banca Etica, as persoas socias activas organízanse por territorios en grupos (Git) e en Áreas a fin de favorecer o seu contacto co desenvolvemento do banco ao servizo dunha economía sostible. Por primeira vez, os estatutos sancionan oficialmente esta organización territorial das persoas socias.

• Introdución do concepto de «Portadores de Valor» do banco: en Banca Etica non contan só os e as accionistas (shareholders), e nin sequera as partes interesadas (stakeholders), senón que definimos a categoría de «Portadores de Valor»: as persoas socias organizadas nas áreas territoriais (Noroeste; Nordeste; Centro; Sur; España); as persoas socias de referencia (é dicir, as grandes organizacións do Sector Terciario italiano que fixeron nacer Banca Etica e que seguen a soster o seu desenvolvemento); e as persoas socias-traballadoras.

• Introdución do voto a distancia: un cambio importante requirido pola normativa e que nos estimula a dar igual oportunidade de participación na asemblea a todas as persoas socias.

• Posibilidade de facerse socio/a a distancia: cos estatutos novos será posible crear hipotéticos mecanismos en liña que permitan facerse socio/a do banco.

• Introdución do voto por lista: ao contrario que no pasado, as persoas socias xa non votarán a candidatos/as individuais ao Consello de Administración, senón que se lles pedirá que elixan o «equipo» que consideren máis idóneo para gobernar o banco.

• Votación para a elección de candidatos/as individuais (non pertencentes ás listas) incluídos nunha lista específica: os e as candidatas elixidas desta lista entrarán na composición final do Consello de Administración a fin de garantir unha dialéctica efectiva e o pluralismo que caracteriza a nosa base social.

• Posibilidade de formar listas participativas mediante unha solicitude pública de candidaturas e unha sondaxe entre as persoas socias.

Podes facer clic aquí para descargar os Estatutos novos, o Regulamento da Asemblea e a información sobre as vindeiras eleccións ao Consello de Administración.

Fonte: www.fiarebancaetica.coop

Moito que celebrar: Encontro interGIT galego e Asemblea de Fiare Galiza!

moitoquecelebrar-3out15-GIT-galiza

Un ano con moito que celebrar!

Hoxe, 28 de novembro de 2015, ten lugar a Asemblea Extraordinaria de Socias/os de Banca Popolare Etica (Banca Etica) e o Encontro da Área Fiare! Será a primeira que se celebra oficialmente en dúas sedes, Italia e o Estado español.  Aproveitando este gran acontecemento e a boa representación galega que alí teremos facémosvos chegar unha crónica do Encontro interGIT galego e da asemblea de Fiare Galiza que tivo lugar hai case dous meses, o 3 de outubro de 2015:

“O día 3 de outubro de 2015, celebramos un encontro interGIT en Santiago de Compostela, coincidindo coa asemblea de Fiare Galiza pola tarde. Escollemos o formato de encontro para recuperar e coidar o espazo de participación e contacto entre as persoas socias que comprendemos é a esencia de proxectos cooperativos como o noso.

Comezamos a xornada cunha presentación das persoas coordinadoras dos GIT Galiza Sur e Galiza Norte, Cachi e Esteban, que fixeron un percorrido pola actividade dos dous GIT do segundo semestre do ano 2014 ata o momento actual. Cachi leunos a emotiva carta que escribiu Ugo Biggeri ao cumprir un ano a nosa oficina bancaria de Bilbao aberta, sen dúbida un acontecemento histórico para nós!

Grupo-Carlos-encontroout15-GIT-galizaEste ano foi un ano moi marcado pola operativa bancaria.  A labor dos GIT neste momento centrouse moito en crear a “comunidade de acción”, isto é coordinar a oficina de Bilbao co territorio galego (organizar visitas de traballadoras ao territorio galego, apoiar a socias nos contactos cos servizos bancarios, supervisar o funcionamento e implantación da operativa na base social que nos corresponde…) e a coordinación e aprendizaxe cos demais territorios para acompasar e economizar os esforzos. Por isto, as actividades durante estes meses centráronse principalmente en eidos máis “internos” e traduciuse nunha presenza exterior menor (menos actos de difusión, actividades…). Faláronnos dos esforzos dos GIT por adaptarse a unha realidade en continuo cambio e con falta de experiencia, polo que as persoas coordinadoras fixeron un esforzo grande neste período desprazándose a diversas xuntanzas en Bilbao, Italia…

Nesta ocasión contamos coa presenza de Carlos Askunze, o noso referente da Zona Norte (integrada ademais por Euskadi, Aragón e Asturias). El participa no Fórum de Área, polo que nos trouxo información de primeira man e unha visión moi clara dos retos e traballo que teremos que desempeñar neste futuro máis próximo da cooperativa.  Resaltou o traballo feito polos GIT galegos e a necesidade de crear unha comunicación aínda maior connosco. Fixemos unha reflexión das características e problemas engadidos da nosa área Fiare Banca Etica: Fiare Banca Etica é unha das cinco áreas das que se compón Banca Popolare Etica (coñecida en Italia tamén polo nome de Banca Etica). Fronte as áreas italianas, a nosa ten características moi específicas que supoñen dificultades engadidas:

  • Comprende todo o Estado español, en Italia cada área son rexións de Italia (Nordés, Noroeste, Centro, Sur). Isto significa moito máis territorio e polo tanto maior dificultade para chegar ás persoas socias e atender ás súas necesidades. Tamén e moita maior a diversidade: temos 4 linguas fronte a Italia que só traballa cunha. Isto lévanos a unha necesidade maior de recursos que os que temos neste momento.
  • Banca Etica leva funcionando 15 anos e xa ten unhas dinámicas marcadas de funcionamento que tamén crean rixideces. As nosas peculiaridades precisan repensar certas cousas. Para nós todo é novo, cando para Banca Etica son xa rutinarios moitos dos procesos.
  • Somos un só banco e temos un único balance pero abranguemos dous países e temos, polo tanto, dúas fichas bancarias e temos que traballar co Banco de Italia e o Banco de España coas esixencias de cada país e diferentes normativas.

Tendo en conta todas estas características e dificultades o balance da situación actual da cooperativa é en xeral moi positivo (moi interesante é coñecer o Balance Social 20014), xa que pouco a pouco estamos a superar etapas satisfactoriamente. A integración con Banca Etica está a camiñar a bo ritmo e a aceptación por parte de Italia e a colaboración non pode ser mellor. Temos que ter en conta os resultados positivos do noso Balance Social 2014, que nos fala do impacto medioambiental e social dos proxectos financiados, da situación do persoal traballador…, xa que é o protagonismo destes factores o que fai que sexamos tan diferentes a outros bancos. Seguimos creando rede e implicando a cada vez máis organizacións con naturezas moi diversas traballando nun obxectivo común. É difícil atopar esta situación e esta é unha das grandes riquezas de Fiare Banca Etica.

Enfróntamonos a grandes retos: superar todas as dificultades comentadas, consolidar os nosos servizos financeiros e a capitalización e … o máis importante, manter a motivación nas persoas socias e consolidar o traballo dos GIT. Carlos insistiu nunha preocupación que temos reflectido frecuentemente nos nosos GIT e que comparten dende o Fórum de Área: a necesidade da participación das socias. Neste momento é difícil comunicar novas, comprometer prazos… nun entorno que muda continuamente e todo é novo para nós e estamos aprendendo segundo avanzamos. Esta situación xera demasiado protagonismo da operativa, dificultade de atopar espazos de participación das persoas que non teñan unha certa formación e información actualizada, desmotivación debido a limitacións ou retraso de servizos e xeración de expectativas que non chegamos a cumprir… Fronte a isto precisamos paciencia e sumar moita ilusión e traballo, partindo de que estamos nun momento de impasse coxuntural que se aclara paseniño segundo vaiamos pechando cuestións. Tamén temos que ter presente a necesidade do fomento da formación e coñecemento das persoas socias do funcionamento da cooperativa para favorecer a participación e o relevo dos GIT.

Grupo-charlaAlberto-encontroGITout15-galizaA media mañá puidemos contactar por videoconferencia con Alberto Mínguez, traballador da oficina de Bilbao, para poder preguntarlle directamente dúbidas e inquedanzas sobre o funcionamento e a situación da operativa bancaria. Estamos a conseguir un soño: temos a ferramenta operativa financeira dun banco, aínda con carencias pero xa con grandes capacidades. Están a facer probas con tarxetas de débito, TPV…; mantendo comunicación coa Seguridade Social…, para poder ofrecer todos os servizos bancarios que nos faltan para ter cubertas as necesidades básicas de funcionamento. Comentounos que o proceso de capitalización e migración avanza correctamente. Estamos a medrar moito en aforro e no número de persoas clientas e de novas socias a pesar de que os esforzos non están postos nesta dirección, senón na de ofrecer servizo canto antes a persoas socias e clientas máis antigas. Fronte a todos estes datos positivos, atopamos unha carencia importante: non medramos tanto en crédito e isto é un problema, xa que o beneficio da cooperativa baséase no prestado e non no aforro, por iso é un eido a traballar. Grazas a unha mellor operativa bancaria estamos flexibilizando o acceso ao crédito: podemos financiar proxectos por un importe menor, incluímos máis figuras e se está a traballar en conseguir unha rapidez e coordinación cos GIT maior nas valoracións das solicitudes de crédito. Salientamos que puidemos preguntarlle todas as dúbidas e inquedanzas que tiñamos e que nos trasladaran outras socias que non estiveron presentes na xuntanza. Lembrounos que temos novo director xeral en Banca Etica: Alessandro Messina. Alberto comentounos que mostrou moito interese nas características da nosa área, asumindo o grande traballo feito, sendo consciente da necesidade dun maior cadro de persoal. Promove a descentralización na xestión e aprobación do préstamo, a toma de decisións nas oficinas para ser máis áxiles o que fai que a espera na tramitación dos préstamos sexa menor.

Grupo-receso-encontroGIT-out15-galizaNa Asemblea Extraordinaria que se celebra o 28 de novembro de 2015 simultaneamente en Pamplona e Pádova, un dos puntos fundamentais será a votación por parte das persoas socias do sistema de gobernanza, que é o novo regulamento asembleario que regulará os posibles candidatos ao Consello de Administración e a formación de listas, ademais de todo o relacionado co sistema de votación. O tema da gobernanza lévase traballando en Banca Etica dende o ano 2013. Na nosa área, ao incorporarnos máis tarde, é un tema que nos colle con moita menos elaboración e asimilación, pero é importante ter unha idea xeral, e para isto Carlos fixo unha exposición resumida dos puntos máis importantes. Neste modelo de gobernanza é salientable que se busca a participación das persoas socias non só na votación, senón a oportunidade de participar ao longo do proceso de elección, incluso presentándose como candidatas. Abre pois, un abano moito máis amplo de posibilidades de participación.

Finalizamos a xuntanza, como facemos habitualmente, cun xantar compartido no que puidemos estreitar lazos e compartir impresións e opinións nun entorno informal e distendido. Sempre terá para nós un protagonismo importante o crear eses espazos para coñecernos. Agardamos contar contigo en vindeiras xuntanzas tan intensas e enriquecedoras coma esta!

FESTA! Asemblea Extraordinaria de Persoas Socias, 28 de novembro de 2015

fiesta.acercandose-asamblea-y-encuentro-de-las-personas-socias

Artigo “Festa” de Peru Sasia, Conselleiro da Área Fiare, sobre a Asemblea de Banca Etica e encontro das persoas socias da Área Fiare do 27 ao 29 de novembro en PamplonaPara máis información sobre a Asemblea fai clic aquí ou tamén podes lela ao final do artigo.

É un recurso facilón, admítoo. Pero non puiden resistirme á tentación de relacionar Pamplona co famoso libro de Hemingway. El estivo en nove Sanfermines. Nós teremos o próximo 28 de Novembro a primeira asemblea de Banca Etica que se celebra formalmente en dúas sedes simultaneamente. Unha delas, Pamplona. E será, sobre todo, unha Festa.

Di un amigo que quen andamos tentando construír alternativas, bregando cada día contra un marco cultural desalentador e fronte a un formidable sistema de contravalores, non nos paramos o suficiente a gozar dos pequenos avances, as pequenas vitorias. E iso é un problema.

É ben certo que “a que está a caer” non axuda, e que puidésemos parecer insensatos/as se nos detemos demasiado a aledarnosregocijarnos con algún logro conseguido no difícil camiño de construír alternativas. Pero un pequeno respiro para admirar o conseguido, para agradecernos mutuamente o traballo, necesariamente colectivo, para recargarnos desa enerxía imprescindible, para tomar perspectiva… creo que iso si podemos (debemos) permitírnolo.

O 28 de novembro, o día da Festa, terá transcorrido un ano desde que conseguimos o “1550”, ese número máxico que non é máis que o de establecemento bancario outorgado polo Banco de España. As nosas contas correntes empezan por 1550 (temos contas correntes!). E pasarían dez anos! desde que empezamos a facer os nosos primeiros pasos financeiros como axentes. Estará moi próximo o final da primeira etapa do Consello de Administración de Banca Etica que, na Asemblea de 2013, certificou que formabamos parte dun proxecto de banca ética real, tanxible, que se presentaba con todas as súas galas en Florencia como unha realidade cooperativa internacional desexosa de proxectarse ao futuro para seguir transformado as finanzas. Recoñezámolo, todo isto merécese unha Festa.

Será un momento de encontro e celebración, pero tamén servirá para recoñecer que este primeiro ano de Fiare Banca Etica púxonos a proba. Expectativas, ansiedade, présas, dificultades, frustracións… cheas de traballo desenvolvido cunha xenerosidade da que non se atisban límites. Imos consolidando a nosa estrutura asociativa, esa que tanto nos gusta e que tanto custa facer funcionar. Somos esixentes, sobre todo connosco mesmos, e iso é moi bo. Tamén somos esixentes coa dimensión operativa do noso proxecto. Queremos que o noso banco funcione e que o faga cada vez mellor. Hai que dar resposta a unha base social ansiosa por traballar connosco. Hai que facer máis crédito. Necesitámolo. A sociedade necesítao. Isto sábeno especialmente quen, desde a estrutura profesional, coñece a súa responsabilidade e o que todos e todas nós, toda a sociedade, espera. Que a Festa sexa tamén para ela. Sen dúbida meréceno.

Esta primeira Asemblea ten tamén un contido formal dun gran valor simbólico. Presentarase para a súa aprobación o novo Regulamento Electoral que foi revisado, entre outros motivos, pola nova dimensión que adopta o proxecto tras a integración de Fiare e Banca Popolare Etica. Un novo Regulamento que mantén intacto o noso carácter cooperativo e que debe axudar a proxectarnos ao futuro e desenvolvernos sen perder os nosos acenos de identidade. Un Regulamento que busca consolidar estruturas que permitan manter esa imprescindible capacidade de adaptación que nos esixe o compromiso por seguir facendo finanzas para o ben común.

O próximo 28 de Novembro hai unha Festa en Pamplona. Esta vez non estará Hemingway. Pero estaremos centenares de persoas testudamente empeñadas en demostrar que a realidade pódese transformar. Para que non falte de nada, aproveitaremos tamén para desenvolver ao redor da Asemblea dinámicas que nos permitan entender, propor, programar, soñar… Porque esta historia non fixo máis que empezar. Fagamos unha Festa… e a seguir traballando. Non volo perdades. Vémonos en Pamplona.

——————————————————————

MATERIAIS E INFORMACIÓN ÚTIL PARA A ASEMBLEA

A Asemblea de Socios/as terá lugar o 28 de novembro de 2015, a primeira que se celebrará oficialmente en dúas sedes, Italia e o Estado español.

A Asemblea de persoas socias é o órgano soberano de Banca Popolare Etica (coñecida en Italia como Banca Etica) e está aberto a todas as persoas socia que leven inscritos polo menos noventa días.

Cada persoa socia ten dereito a un único voto, independentemente do número de accións que subscribise. En Banca Etica rexe o principio do voto individual “un socio/a, un voto”.

As competencias da Asemblea de persoas socias, que deliberará en convocatoria ordinaria (polo menos unha vez ao ano) ou extraordinaria, están definidas nos Estatutos:

  • Aprobar o balance e destinar os beneficios;

  • Nomear os/as Administradores/as e os/as Conselleiros/as e proceder á súa revogación;

  • Contratar, previa consulta ao Consello de Vixilancia, unha Sociedade Auditora á que confiará o control contable, así como proceder á súa revogación;

  • Determinar o montante da remuneración que corresponderá aos/ás Administradores/as e á Sociedade Auditora encargada do control contable;

  • Determinar o montante da remuneración que corresponderá aos/ás Conselleiros/as segundo o previsto no artigo 41;

  • Aprobar a política de remuneracións, así como os posibles plans de remuneración baseados en instrumentos financeiros para os/as Administradores/as -incluídos/as aqueles/as que ostenten cargos especiais-, os/as empregados/as ou os/as colaboradores/as non vinculados/as á sociedade de relacións laborais dependentes.

As modalidades nas que se pode desenvolver a Asemblea están definidas no Regulamento da Asemblea.

Todos os documentos relacionados coa Asemblea de Persoas Socias que terá lugar o 28 de novembro de 2015, serán publicados na páxina seguinte: http://www.fiarebancaetica.coop/gl/asemblea-de-persoas-socias-de-banca-popolare-etica-28-de-novembro-de-2015

Tes moita máis información a continuación:

PRE-REXISTRO NA ASEMBLEA: http://assemblea.xdatanet.com/assembleabancaetica

Convocatoria da Asemblea Ordinaria de persoas socias de Banca Popolare Etica que se celebrará en primeira convocatoria o día 27 de novembro de 2015 ás 9.30 horas na sede social de Via N. Tomaseo, 7, da cidade de Padua (Italia) e na Sucursal en España, na rúa Santa María 9, de Bilbao, e en segunda convocatoria o día 28 de novembro de 2015 ás 10.30 horas na cidade de Padua (Italia) no Centro de Congresos «A. Luciani» con sede en Via Forcellini, 170/a, e na localidade de Barañáin próxima a Pamplona, no Auditorio de Barañáin da rúa Comunidad de Navarra, 2. [Baixo aviso completo]

ATENCIÓN!*
Debido a un problema técnico,  a revista BancanotE “Especial Asemblea” que chegou ás vosas casas, non contén o número de persoa socia (CAG) .  Podes recuperar ese dato necesario para facer a preinscrición e completar os poderes aquí
.

ORDE DO DÍA

A Asemblea debaterá a seguinte orde do día:

  1. Comunicacións da Presidencia.

  2. Parte extraordinaria: Deliberación sobre a modificación do estatuto.

  3. Parte ordinaria: Modificación do Regulamento da Asemblea.

  4. Rogos e preguntas.

INSTRUCIÓNS PARA PARTICIPAR

MATERIAIS ÚTILES

Fonte: www.fiarebancaetica.coop