Coñece os grupos territoriais de persoas socias de Fiare Banca Etica

Grupo-Carlos-encontroout15-GIT-galizaA partir de hoxe os Grupos Territoriais de persoas socias de Fiare Banca Etica (GIT) teñen novos espazos na web polo que no noso caso (GIT Galiza Sur e GIT Galiza Norte) deixaremos este blogue no que estades a ler este artigo e publicaremos no novo punto de encontro no que xa tedes novas: GIT Galiza.

O noso banco é propiedade de milleiros de persoas e organizacións, e grazas a elas somos independentes da política e dos grandes grupos económicos e financeiros.

Algunhas destas persoas achegan o seu tempo, habilidades, paixón e traballo, de xeito voluntario, para desenvolver o noso proxecto de finanzas éticas.

Estas persoas son elixidas por outros membros a nivel local e forman o GIT (Grupo de Iniciativa Territorial).

As actividades do GIT consisten en:

  • achegar as finanzas éticas ao territorio;
  • fortalecer as relacións coas organizacións e empresas que traballan por unha economía social e solidaria;
  • promover unha cultura de uso responsable do diñeiro;
  • colaborar no desenvolvemento cultural e participativo do proxecto xunto á estrutura profesional;
  • alimentar o debate interno do banco, para mellorar día a día.

Grazas aos GIT estamos presentes en case todos os territorios e é posible organizar centos de eventos e actividades anuais (835 no 2014!), como obradoiros de educación financeira, debates sobre economía, obras de teatro e moito máis.

Traballamos, mediante a formación e o debate, para integrar as súas actividades e información na páxina web de Fiare Banca Etica. Nestes espazos poderedes coñecer as persoas que integran os grupos territoriais, estar ao corrente dos seus próximos eventos e actividades e pórvos en contacto con eles para colaborar en novas ideas para a zona.

Coñece ás persoas que lle dan vida ao Grupo Territorial de Fiare Banca Etica da túa área: www.fiarebancaetica.coop/git

Fonte: www.fiarebancaetica.coop

Grandes novas na Asemblea Extraordinaria de Banca Etica!

AsembleaFiare-1O ano 2015 rematou con interesantes encontros: no mes de outubro de 2015 celebramos o encontro intergit galego e a asemblea de Fiare Galiza, a finais do mes de novembro de 2015 puidemos participar na Asemblea Extraordinaria de Banca Popolare Etica (coñecida como Banca Etica en Italia) -a primeira vez que se fai de forma simultánea no Estado español e no italiano- e as xuntanzas do GIT Galiza Norte e do GIT Galiza Sur das que nun vindeiro artigo no novo blogue vos falaremos.

FiareBancaEtica-2016Coas grandes novas transmitidas na Asemblea Extraordinaria queremos comezar este ano 2016 (tes moita máis información a partir do parágrafo seguinte) que vén cargado de cambios.  O primeiro é que este blogue www.fiaregz.com vai quedar como un punto de consulta de documentos ou de artigos antigos xa que agora imos darlle vida ao novo blogue que podes coñecer facendo clic en www.fiarebancaetica.coop/git/gl/galizia.

asamblea-extraordinaria-de-banca-etica-aprobado-el-nuevo-gobierno-y-el-refuerzo-de-participacion-de

“As persoas socias de Banca Etica, reunidas en Padua (Italia) e en Barañáin (Pamplona, España) en asemblea extraordinaria o sábado 28 de novembro de 2015, aprobaron algunhas modificacións importantes dos estatutos do banco relativas aos seguintes temas:

  • elección dos membros do consello de Administración;
  • organización territorial das persoas socias para favorecer a participación na vida do banco;
  • posibilidade de facerse socio/a e votar a distancia;
  • introdución do concepto de «Portadores de Valor».

A deliberación resultou en 1219 votos a favor, 94 votos en contra e 76 abstencións. Púidose votar mediante un dispositivo electrónico, mais a verdadeira novidade foi a celebración simultánea da asemblea en Padua e Barañáin (Pamplona-España) con conexión de audio e vídeo e interpretación simultánea.

A necesidade de dotarse dun sistema electoral novo para o Consello de Administración xurdiu en parte da nova normativa (Título IV da Circ. 285 do Banco de Italia, sobre o novo goberno societario dos bancos) e en parte dos retos que quere afrontar Banca Etica: desde a ampliación da base social e a operativa en España ata as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías dixitais e que poden garantir un maior acceso á participación.

A proposta de novo goberno —construída ao longo do tempo grazas a un percorrido de participación e comprobación coas persoas socias e cos diversos «Portadores de Valor» que fan funcionar o banco— procura conxugar o valor da participación coa esixencia de votar a un equipo de goberno para o Consello de Administración que posúa as competencias e os requisitos necesarios e que leve a cabo os obxectivos definidos.

De seguido detallamos as principais novidades:

• Participación activa das persoas socias da cooperativa: desde sempre en Banca Etica, as persoas socias activas organízanse por territorios en grupos (Git) e en Áreas a fin de favorecer o seu contacto co desenvolvemento do banco ao servizo dunha economía sostible. Por primeira vez, os estatutos sancionan oficialmente esta organización territorial das persoas socias.

• Introdución do concepto de «Portadores de Valor» do banco: en Banca Etica non contan só os e as accionistas (shareholders), e nin sequera as partes interesadas (stakeholders), senón que definimos a categoría de «Portadores de Valor»: as persoas socias organizadas nas áreas territoriais (Noroeste; Nordeste; Centro; Sur; España); as persoas socias de referencia (é dicir, as grandes organizacións do Sector Terciario italiano que fixeron nacer Banca Etica e que seguen a soster o seu desenvolvemento); e as persoas socias-traballadoras.

• Introdución do voto a distancia: un cambio importante requirido pola normativa e que nos estimula a dar igual oportunidade de participación na asemblea a todas as persoas socias.

• Posibilidade de facerse socio/a a distancia: cos estatutos novos será posible crear hipotéticos mecanismos en liña que permitan facerse socio/a do banco.

• Introdución do voto por lista: ao contrario que no pasado, as persoas socias xa non votarán a candidatos/as individuais ao Consello de Administración, senón que se lles pedirá que elixan o «equipo» que consideren máis idóneo para gobernar o banco.

• Votación para a elección de candidatos/as individuais (non pertencentes ás listas) incluídos nunha lista específica: os e as candidatas elixidas desta lista entrarán na composición final do Consello de Administración a fin de garantir unha dialéctica efectiva e o pluralismo que caracteriza a nosa base social.

• Posibilidade de formar listas participativas mediante unha solicitude pública de candidaturas e unha sondaxe entre as persoas socias.

Podes facer clic aquí para descargar os Estatutos novos, o Regulamento da Asemblea e a información sobre as vindeiras eleccións ao Consello de Administración.

Fonte: www.fiarebancaetica.coop

Moito que celebrar: Encontro interGIT galego e Asemblea de Fiare Galiza!

moitoquecelebrar-3out15-GIT-galiza

Un ano con moito que celebrar!

Hoxe, 28 de novembro de 2015, ten lugar a Asemblea Extraordinaria de Socias/os de Banca Popolare Etica (Banca Etica) e o Encontro da Área Fiare! Será a primeira que se celebra oficialmente en dúas sedes, Italia e o Estado español.  Aproveitando este gran acontecemento e a boa representación galega que alí teremos facémosvos chegar unha crónica do Encontro interGIT galego e da asemblea de Fiare Galiza que tivo lugar hai case dous meses, o 3 de outubro de 2015:

“O día 3 de outubro de 2015, celebramos un encontro interGIT en Santiago de Compostela, coincidindo coa asemblea de Fiare Galiza pola tarde. Escollemos o formato de encontro para recuperar e coidar o espazo de participación e contacto entre as persoas socias que comprendemos é a esencia de proxectos cooperativos como o noso.

Comezamos a xornada cunha presentación das persoas coordinadoras dos GIT Galiza Sur e Galiza Norte, Cachi e Esteban, que fixeron un percorrido pola actividade dos dous GIT do segundo semestre do ano 2014 ata o momento actual. Cachi leunos a emotiva carta que escribiu Ugo Biggeri ao cumprir un ano a nosa oficina bancaria de Bilbao aberta, sen dúbida un acontecemento histórico para nós!

Grupo-Carlos-encontroout15-GIT-galizaEste ano foi un ano moi marcado pola operativa bancaria.  A labor dos GIT neste momento centrouse moito en crear a “comunidade de acción”, isto é coordinar a oficina de Bilbao co territorio galego (organizar visitas de traballadoras ao territorio galego, apoiar a socias nos contactos cos servizos bancarios, supervisar o funcionamento e implantación da operativa na base social que nos corresponde…) e a coordinación e aprendizaxe cos demais territorios para acompasar e economizar os esforzos. Por isto, as actividades durante estes meses centráronse principalmente en eidos máis “internos” e traduciuse nunha presenza exterior menor (menos actos de difusión, actividades…). Faláronnos dos esforzos dos GIT por adaptarse a unha realidade en continuo cambio e con falta de experiencia, polo que as persoas coordinadoras fixeron un esforzo grande neste período desprazándose a diversas xuntanzas en Bilbao, Italia…

Nesta ocasión contamos coa presenza de Carlos Askunze, o noso referente da Zona Norte (integrada ademais por Euskadi, Aragón e Asturias). El participa no Fórum de Área, polo que nos trouxo información de primeira man e unha visión moi clara dos retos e traballo que teremos que desempeñar neste futuro máis próximo da cooperativa.  Resaltou o traballo feito polos GIT galegos e a necesidade de crear unha comunicación aínda maior connosco. Fixemos unha reflexión das características e problemas engadidos da nosa área Fiare Banca Etica: Fiare Banca Etica é unha das cinco áreas das que se compón Banca Popolare Etica (coñecida en Italia tamén polo nome de Banca Etica). Fronte as áreas italianas, a nosa ten características moi específicas que supoñen dificultades engadidas:

  • Comprende todo o Estado español, en Italia cada área son rexións de Italia (Nordés, Noroeste, Centro, Sur). Isto significa moito máis territorio e polo tanto maior dificultade para chegar ás persoas socias e atender ás súas necesidades. Tamén e moita maior a diversidade: temos 4 linguas fronte a Italia que só traballa cunha. Isto lévanos a unha necesidade maior de recursos que os que temos neste momento.
  • Banca Etica leva funcionando 15 anos e xa ten unhas dinámicas marcadas de funcionamento que tamén crean rixideces. As nosas peculiaridades precisan repensar certas cousas. Para nós todo é novo, cando para Banca Etica son xa rutinarios moitos dos procesos.
  • Somos un só banco e temos un único balance pero abranguemos dous países e temos, polo tanto, dúas fichas bancarias e temos que traballar co Banco de Italia e o Banco de España coas esixencias de cada país e diferentes normativas.

Tendo en conta todas estas características e dificultades o balance da situación actual da cooperativa é en xeral moi positivo (moi interesante é coñecer o Balance Social 20014), xa que pouco a pouco estamos a superar etapas satisfactoriamente. A integración con Banca Etica está a camiñar a bo ritmo e a aceptación por parte de Italia e a colaboración non pode ser mellor. Temos que ter en conta os resultados positivos do noso Balance Social 2014, que nos fala do impacto medioambiental e social dos proxectos financiados, da situación do persoal traballador…, xa que é o protagonismo destes factores o que fai que sexamos tan diferentes a outros bancos. Seguimos creando rede e implicando a cada vez máis organizacións con naturezas moi diversas traballando nun obxectivo común. É difícil atopar esta situación e esta é unha das grandes riquezas de Fiare Banca Etica.

Enfróntamonos a grandes retos: superar todas as dificultades comentadas, consolidar os nosos servizos financeiros e a capitalización e … o máis importante, manter a motivación nas persoas socias e consolidar o traballo dos GIT. Carlos insistiu nunha preocupación que temos reflectido frecuentemente nos nosos GIT e que comparten dende o Fórum de Área: a necesidade da participación das socias. Neste momento é difícil comunicar novas, comprometer prazos… nun entorno que muda continuamente e todo é novo para nós e estamos aprendendo segundo avanzamos. Esta situación xera demasiado protagonismo da operativa, dificultade de atopar espazos de participación das persoas que non teñan unha certa formación e información actualizada, desmotivación debido a limitacións ou retraso de servizos e xeración de expectativas que non chegamos a cumprir… Fronte a isto precisamos paciencia e sumar moita ilusión e traballo, partindo de que estamos nun momento de impasse coxuntural que se aclara paseniño segundo vaiamos pechando cuestións. Tamén temos que ter presente a necesidade do fomento da formación e coñecemento das persoas socias do funcionamento da cooperativa para favorecer a participación e o relevo dos GIT.

Grupo-charlaAlberto-encontroGITout15-galizaA media mañá puidemos contactar por videoconferencia con Alberto Mínguez, traballador da oficina de Bilbao, para poder preguntarlle directamente dúbidas e inquedanzas sobre o funcionamento e a situación da operativa bancaria. Estamos a conseguir un soño: temos a ferramenta operativa financeira dun banco, aínda con carencias pero xa con grandes capacidades. Están a facer probas con tarxetas de débito, TPV…; mantendo comunicación coa Seguridade Social…, para poder ofrecer todos os servizos bancarios que nos faltan para ter cubertas as necesidades básicas de funcionamento. Comentounos que o proceso de capitalización e migración avanza correctamente. Estamos a medrar moito en aforro e no número de persoas clientas e de novas socias a pesar de que os esforzos non están postos nesta dirección, senón na de ofrecer servizo canto antes a persoas socias e clientas máis antigas. Fronte a todos estes datos positivos, atopamos unha carencia importante: non medramos tanto en crédito e isto é un problema, xa que o beneficio da cooperativa baséase no prestado e non no aforro, por iso é un eido a traballar. Grazas a unha mellor operativa bancaria estamos flexibilizando o acceso ao crédito: podemos financiar proxectos por un importe menor, incluímos máis figuras e se está a traballar en conseguir unha rapidez e coordinación cos GIT maior nas valoracións das solicitudes de crédito. Salientamos que puidemos preguntarlle todas as dúbidas e inquedanzas que tiñamos e que nos trasladaran outras socias que non estiveron presentes na xuntanza. Lembrounos que temos novo director xeral en Banca Etica: Alessandro Messina. Alberto comentounos que mostrou moito interese nas características da nosa área, asumindo o grande traballo feito, sendo consciente da necesidade dun maior cadro de persoal. Promove a descentralización na xestión e aprobación do préstamo, a toma de decisións nas oficinas para ser máis áxiles o que fai que a espera na tramitación dos préstamos sexa menor.

Grupo-receso-encontroGIT-out15-galizaNa Asemblea Extraordinaria que se celebra o 28 de novembro de 2015 simultaneamente en Pamplona e Pádova, un dos puntos fundamentais será a votación por parte das persoas socias do sistema de gobernanza, que é o novo regulamento asembleario que regulará os posibles candidatos ao Consello de Administración e a formación de listas, ademais de todo o relacionado co sistema de votación. O tema da gobernanza lévase traballando en Banca Etica dende o ano 2013. Na nosa área, ao incorporarnos máis tarde, é un tema que nos colle con moita menos elaboración e asimilación, pero é importante ter unha idea xeral, e para isto Carlos fixo unha exposición resumida dos puntos máis importantes. Neste modelo de gobernanza é salientable que se busca a participación das persoas socias non só na votación, senón a oportunidade de participar ao longo do proceso de elección, incluso presentándose como candidatas. Abre pois, un abano moito máis amplo de posibilidades de participación.

Finalizamos a xuntanza, como facemos habitualmente, cun xantar compartido no que puidemos estreitar lazos e compartir impresións e opinións nun entorno informal e distendido. Sempre terá para nós un protagonismo importante o crear eses espazos para coñecernos. Agardamos contar contigo en vindeiras xuntanzas tan intensas e enriquecedoras coma esta!

Fiare Banca Etica cumpre un ano!

safe_image.phpUn artigo de Ugo Biggeri, presidente de Banca Popolare Etica.

Nas rúas desa amálgama de edificios de pedra, madeira e ferro que é o casco vello de Bilbao, hai agora unha novidade xa asentada e adaptada á contorna, mesmo desde o punto de vista arquitectónico.

En realidade, hai anos que está aí. É o símbolo da constancia, da paciencia e da determinación dunha cidadanía e dunhas institucións que queren un mundo máis xusto e que o constrúen facéndose preguntas sobre os cartos, sobre o seu uso, sobre como dar resposta ao sistema de finanzas que domina o mundo e sobre as decisións políticas.

O traballo realizado na sede da oficina de Bilbao superou as fronteiras da cidade. É un traballo para todas as redes sociais e para todos os cidadáns e todas as cidadás do territorio do Estado español. É un traballo que se realiza de maneira cooperativa e participada coas persoas que defenden os mesmos obxectivos e os mesmos soños en Italia.

Esas oficinas en si non son importantes. Poderían estar onde están… ou poderían estar en calquera outro lugar. De feito, están nacendo outras. O importante é que estean, que existan e que, desde ese lugar, se concreten e se plasmen con eficacia as opcións das finanzas éticas tal como esas persoas as crearon.

Hai un ano, esas oficinas rexuveneceron: renovaron a súa estrutura e a súa forma xurídica para converterse nun “auténtico” banco. Unha data moi significativa para todos e todas nós foi a do 1 de outubro de 2014!

Do mesmo xeito que o 8 de marzo de 1999 foi importante para Banca Popolare Etica (Banca Etica) porque marcou o seu nacemento, o 1 de outubro de 2014 foino para a apertura ao territorio español. Esta data marcou o día no que se empezou a concretar o soño. Foi o día no que se consolidaron as finanzas éticas declaradas, promovidas e buscadas; as finanzas éticas practicadas como intermediario financeiro.

E desde esa chegaron as respostas á cidadanía sobre o diñeiro, sobre as finanzas e sobre como estas poden converterse nun instrumento para mellorar o mundo e non para dominalo, como desgraciadamente está a suceder desde hai demasiados anos.

Que se concreten os soños é fundamental, aínda que non é evidente… porque demasiado a miúdo as críticas e as resistencias non permiten xerar alternativas concretas para o cambio. Conseguir facelo no mundo das finanzas é algo incriblemente fantástico.

Esta construción de sólidas alternativas témola vivido como mínimo tres veces: cando iniciamos a nosa andadura como Banca Etica, cando avanzamos polo camiño como Etica SGR e cando, ao final, nos convertemos en Fiare Banca Etica.

Pero o inicio da aventura no territorio español ten un valor especial: polo camiño percorrido polas persoas socias, por ter recibido noutro país europeo o impulso dun movemento popular de abaixo arriba (chave da participación cooperativa do grupo Banca Etica), polo esforzo cooperativo internacional tan especial que se puxo en marcha, pola forza de renovación e de xeración que leva intrínseca, polas perspectivas que xera e a atención que capta a nivel europeo…

Celebrar este primeiro aniversario serve para seguir adiante e para lembrar cada un dos pasos realizados.

Sabemos que este camiño non está exento de dificultades, como tampouco o están as decisións ás que nos enfrontamos día a día para chegar máis lonxe e para ser cada día mellores. Non estamos aínda plenamente operativos, aínda non alcanzamos a operatividade que desexamos, pero os resultados non tardarán en chegar.

Estamos de celebración. Estamos contentos e contentas porque o que estamos a facer non ten marcha atrás. Estamos satisfeitos e satisfeitas porque estamos a levantar uns sólidos alicercer para o futuro de Fiare Banca Etica e das finanzas éticas en Europa.

Ler o artigo en italiano.

Ler o artigo en castelán.

Ler o artigo en catalán.

Fonte: www.fiarebancaetica.coop

fiare-banca-etica-cumple-un-ano

Ugo Biggeri, presidente de Banca Popolare Etica (Banca Etica).

Encontro galego de persoas socias de Fiare Banca Etica

O vindeiro sábado, 3 de outubro de 2015, xuntarémonos en Santiago de Compostela no encontro de todas as persoas socias de Fiare Banca Etica da Galiza e na asemblea da asociación Fiare Galiza.  Terá lugar nas instalacións de CERSIA (Rúa do Alcalde Raimundo Lopéz Pol s/n – San Lázaro, Santiago de Compostela), a partires das 10:00 horas.

É unha xuntanza que consideramos especial, xa que teremos a oportunidade de coñecer a Carlos Askunze, o Referente da nosa Zona Norte, que nos comentará moitas novidades, así mesmo falaremos con Alberto, un dos traballadores da nosa oficina bancaria de Bilbao, para poñernos ao día de como está a funcionar a nosa operativa e resolver todas as nosas dúbidas e inquedanzas.

Coma sempre, priorizamos dispoñer dun tempo para coñecernos máis informalmente e para iso celebraremos un xantar compartido.  Ofreceremos algo para beber e picar e agradecemos o que cadaquén queira achegar para pór en común.

Queremos que todas as persoas teñamos posibilidade de asistir e parécenos que compartir coche é o mellor xeito, por iso, agradecémosche que nos comuniques se precisas compartir transporte no enderezo electrónico persoassociasgitsur@proyectofiare.com (se vives nas provincias de Ourense ou Pontevedra) ou no persoassociasgitnorte@proyectofiare.com (se o fas nas de Coruña ou Lugo) e organizaremos como facelo. Para calquera outra cuestión estamos ao teu dispor a través dos correos electrónicos e deste blogue.

Queremos lembrar tamén que a vindeira asemblea da Área Fiare é o 28 de novembro de 2015 en Pamplona, na que nos agardan obradoiros, novidades… e, sobre todo, participación na nosa cooperativa!

Sen máis, agardamos contar contigo nesta xornada e camiñar xuntos/as nos novos pasos desta nosa cooperativa!

Cartel-asembleagalega-FBE-set2015

 

Unha aperta!