O gustazo de pasarse á banca ética

fiare04Pechar a conta de aforros nun banco tradicional e pasar o diñeiro á banca ética é un dos poucos praceres e maiores vinganzas que o cidadán do montón, vítima dos abusos do gran capital, pode infrinxir a un sistema financeiro máis parecido a unha organización mafiosa que a calquera outra cousa. Moitos particulares observan a enfermiza cobiza dos bancos con resignación, coma se non fose posible facer nada. E, con todo, hai alternativa: a banca ética.

O que empezou sendo unha actividade moi marxinal e arriscada para os que confiaban nela, adquiriu xa suficiente solidez como para que confiar os aforros a estas entidades non sexa un acto de valentía. En España son varias as bancas deste tipo que operan cada vez con maior número de clientes e maior solvencia. Fiare, Caixa Colonya (esta, mallorquina) ou Tridos Bank (en constante ascenso) son só algunhas das máis coñecidas. A súa actuación baséase no respecto ás persoas, o medio ambiente, a igualdade e os dereitos humanos. Por suposto, eluden as operacións especulativas e cínguense só á economía real: compras e vendas. Por iso a súa fiabilidade é alta: como non especulan, non arriscan.

Non sempre os intereses que obtén o cliente son comparables ao da banca tradicional, pero polo menos os que confían nestas entidades financeiras saben que o seu diñeiro non serve para engrosar ese monstro financeiro que desahucia a persoas humildes, botándoas da súa casa e roubándolles a súa nómina, o mesmo monstro que usa o diñeiro dos seus clientes para investir en guerras no Terceiro Mundo ou para enriquecerse á conta de desgrazas alleas. Un exemplo: cando se montou a campaña de donativos para os afectados polo furacán Mitch en Centroamérica hai unha década, descubriuse que os bancos e caixas de Cataluña quedáronse con 1.200 millóns de pesetas en concepto de comisión, coma se se tratase dun negocio máis. Semellante mostra de usura e mesquindade xa sería suficiente para boicotear aos que actúan así.

Os bancos tradicionais son os principais responsables da crise actual que recorta gasto en hospitais, que despide profesores e que deixa aos discapacitados sen axudas. Durante anos os bancos engatusaron á xente para que se endebedase até as cellas e agora culpan a esas persoas benintencionadas por confiar neles. Imposible maior cinismo. Se non fose porque estas entidades -xunto coas axencias de cualificación e outras truculentas compañías- alcanzaron tanto poder que xa poden tombar gobernos e afundir países enteiros, as autoridades deberían ordenar a inmediata detención e traslado ao cárcere dun gran número destes “respectables financeiros”, que coa súa actuación están a desestabilizar a democracia e arruinando a millóns de persoas. Non é concebible tanta impunidade para os autores de semellante calamidade pública.

Caixas e bancos susténtanse sobre as achegas de todos e cada un dos seus clientes. Nós, os cidadáns do montón, somos a gasolina que usan para os seus incendios. Non fai falta ser unha gran empresa de elevado movemento económico; cada pequena libreta de aforro conta. Non falemos xa de produtos máis nocivos, como os fondos de pensións.

Por iso, a mellor reacción das vítimas desta situación é actuar contra os que os afogan, socavando a maquinaria desde a súa base. Hai outra banca, de rostro máis humano, no que non só conta o beneficio a calquera prezo. Vale a pena o intento, porque é como enviar un corte de mangas ao noso inimigo.

Joan Lluís Ferrer

Fonte: Diario de Ibiza.

Deixar un comentario