«A Economía Solidaria non é unha idea, é unha realidade práctica»

Lugar da noticia: Pamplona

Entrevista a Carlos Rey da Secretaría Técnica de REAS realizada por Javier Pagola para a HOAC

Carlos Rey Bacaicoa, naceu en Pamplona hai 52 anos, nunha familia da clase traballadora, onde o seu pai e a súa nai, militantes do social, educaron a dez fillos. Tras os seus estudos primarios comezou a traballar como aprendiz de fontanaría. Creceu no ambiente da Txantrea, un barrio obreiro organizado e reivindicativo, no que espertou o seu compromiso solidario, dentro dunha inquieta cuadrilla de amigos que acudían semanalmente a un taller de formación. Carlos é un autodidacta que se formou na praxe social comunitaria e na creación de empresas viables, coidadosas co medio ambiente, e que pon no centro da súa actividade á persoa traballadora

Cando empeza a túa traxectoria solidaria?

Pronto vin claro un mundo de valores e a importancia de levar unha vida en coherencia con eles. En casa, e a medida que ía tomando opcións, eu era «o raro», pero respectaron enteiramente a miña liberdade. En 1980, cando cumprín 21 anos, a idade de escolarización obrigatoria terminaba aos 14 anos e ninguén podía empezar a traballar até os 16, había moita xente nova literalmente «na rúa», ociosa e en risco de caer en drogodependencias. Creamos, por iniciativa comunitaria un Club Xuvenil de tempo libre e talleres sociais que serviron de modelo para as Escolas-Taller que logo fixeron súas varios concellos. Grazas aos talleres recibiron formación máis de 150 mozos.

Erades antimilitaristas insumisos, cal foi o voso compromiso civil?

Eramos obxectores de conciencia, que comezamos facendo un servizo civil. Daquela a nosa postura antimilitarista expresouse nunha forma radical de resistencia non violenta que foi a insubmisión. Cara a metade dos anos 80 pensamos que facía falta promover o traballo e creamos o grupo de empresas de emprego xuvenil «Gaztelan» O grupo Gaztelan pasou a ser Fundación para responder á demanda de traballo de persoas en desemprego, con pouca formación, mulleres en dificultades, discapacitados, ou persoas recentemente saídas do cárcere. Foron aparecendo iniciativas como a Mensaxería Oraintxe en bicicletas, un Albergue rural nun palacio rehabilitado, unha Granxa de lebres, unha Horta-escola, e a empresa Miluce que deu traballo a máis dun centenar de mulleres para que interviñesen como traballadoras familiares. Anticipámonos á Banca Ética creando, con pequenos depósitos, unha Banca Social para financiar, mediante préstamos solidarios, algunhas iniciativas empresariais.

«A Economía Solidaria sostén no noso país 5.900 empregos, retribuídos con equidade, en 250 empresas sustentables e comprometidas coa contorna»

Que traballo fas en REAS?

A Rede de Economía Alternativa e Solidaria naceu, no Estado e en Navarra, o ano 2005. Eu formo parte do seu Secretariado que se reúne regularmente. Son a única persoa con traballo retribuído na Rede á que dedico seis das miñas sete horas de xornada laboral e bastantes horas máis de voluntariado. Ocúpome en temas de administración, relación coas redes, portal en internet, e xestión de programas que teñen que ver, sobre todo, con boas prácticas de economía solidaria, sensibilización e asesoría social.

Que é REAS?

Unha Rede de Redes que foi formándose e agrupando a entidades que veñen desenvolvendo experiencias desde mediados dos anos 90. Este ano 2012 fórmana como socias de pleno dereito unhas 250 entidades e empresas de economía solidaria, e outras 40 como socias colaboradoras. REAS está conformada por 14 redes territoriais presentes noutras tantas comunidades autónomas do Estado Español, e por dúas redes sectoriais que son a Asociación AERESS de Recuperadores e a Banca Ética FIARE que o próximo ano 2013 comezará a funcionar como unha banca de servizos plenos. REAS ofrece na actualidade 5.902 postos de traballo retribuídos, e agrupa en diferentes actividades a unhas 17.000 persoas. Forma parte de RIPESS, a Rede Intercontinental de Economía Social e Solidaria que está presente en 65 países diferentes dos 5 continentes e que celebra encontros con asiduidade; o próximo será en Filipinas.

En que sectores de actividade traballan as vosas empresas?

Hai empresas de reciclaxe e recuperación, inserción laboral, transporte, mensaxería en bicicleta, agricultura e gandaría ecolóxicas, xardinaría e viveiros, asesoría e formación para o emprego, emprego para mozos en risco de exclusión, educación ambiental, tendas de comercio xusto e solidariedade, troco, catering e hostalaría, aloxamento rural, téxtil e outras industrias, servizos de axuda domiciliaria, fogares para menores en dificultade social, limpeza e mantemento, asociacións de consumidores ecolóxicos e banca ética. Moitas desas empresas viven enteiramente da súa facturación por produtos ou servizos, outras, en parte, de concertación de servizos públicos, e, nalgún caso, de convenios ou subvencións.

Máis aló da longa tradición da economía social (cooperativas de produción, crédito, consumo e vivenda, sociedades laborais), que novidades achega a economía solidaria?

A economía social quedouse na forma xurídica, a democratización dalgunhas tomas de decisión e a repartición dos excedentes. Pero non deu pasos cara á transformación social, coidou menos os valores ambientais e humanos. A nós únenos unha Carta da Economía Solidaria, que aprobamos tras dous anos de debate e despois de pór en común ideas e boas prácticas experimentadas. Esa Carta insiste en seis valores: a equidade, a consideración do traballo, a sustentabilidade ambiental, o principio de cooperación, o propósito de desenvolvemento integral e non de fins lucrativos, e o compromiso coa contorna. Queremos transferir as boas prácticas solidarias a todos os aspectos da nosa vida individual e comunitaria.

Podes traducir esas actitudes a comportamentos prácticos?

Practicar a equidade é pensar na dignidade de todas e cada unha das persoas, todas elas son valiosas, pero son diferentes e non necesitan o mesmo: a escala salarial non debe distancialas. O traballo é moito máis que un emprego remunerado, e debe permitir a cada persoa autonomía, desenvolvemento integral e facer a súa achega social. A procura de sustentabilidade estuda e recoñece o impacto das nosas accións sobre o medio ambiente e tenta reducilo. O principio de cooperación indícanos que sempre é mellor cooperar que competir: debemos ser competentes, pero non competitivos. O compromiso coa contorna convídanos a non vivir illados, senón a colaborar no desenvolvemento local, traballar coordinados con outros movementos sociais, denunciar, reivindicar e propor alternativas.

Sendo diferentes, por que decidistes estar no grupo de economía social?

A Lei de Economía Social abriu espazos máis aló das cooperativas e sociedades laborais. Os da Economía Solidaria somos unha pequena pinga na CEPES (Confederación Empresarial de Economía Social). Queremos estar aí, porque pertencemos á familia da economía social e porque non queremos que se pervirta como outros conceptos o significado da economía solidaria. Cando unha nova entidade ou empresa quere vincularse ao grupo de economía solidaria non lle preguntamos de entrada se cumpre os principios da nosa Carta, senón se quere ir progresando e vivindo nese camiño. E todos temos unha ferramenta para medir iso, que é a Auditoria Social.

Que é e que reflicte unha Auditoría Social?

A Auditoría Social é unha ferramenta que axuda ás nosas empresas e entidades socias e a todo o noso grupo a medir os resultados, positivos e mellorables, da actividade realizada. O seu cuestionario recolle aproximadamente 90 indicadores cuantitativos e uns 30 indicadores cualitativos. A parte cuantitativa anota os datos estatísticos e técnicos de xestión. A parte cualitativa respóndese mediante unha enquisa na que dan a súa opinión todas as persoas implicadas. A través dunha páxina web obtense a visión cualitativa das tres redes territoriais que xa a puxeron en marcha. A última auditoria, pechada a final da primavera reflectiu, entre outras cousas que en REAS a equidade salarial reflíctese en que a diferenza extrema en retribucións sitúase en índices que van de 1 a 1,5 puntos, que o grupo non perde emprego en época de crise senón que o aumentou un 6%, que as mulleres son máis participativas que os homes en todas as nosas redes, e que temos que seguir mellorando na redución do noso impacto ambiental.

Como procededes tras analizar anualmente os vosos resultados?

A nosa análise vai moito máis alá dun balance de contas. As nosas empresas non teñen fins lucrativos. Iso non quere dicir que non teñan que obter beneficios, senón que o que se gaña cunha actividade é de todos, dos produtores e dos usuarios. Se hai excedente debe devolverse á Sociedade e ao obxecto social que pretendemos. Os recursos que xeramos non van repartir dividendos nin a engrosar contas nas bancas do sistema, senón que flúe e retorna á economía alternativa solidaria, ao mercado social, ao financiamento ético de novas empresas e proxectos solidarios.

Que achega o traballo en rede?

O intercambio de saberes e experiencias, o uso de ferramentas e instrumentos compartidos, a axuda mutua, a elaboración de estratexias e posicionamentos en común ao redor da produción, o consumo responsable, as finanzas, o mercado solidario, e a extensión da cultura da solidariedade.

Que ofrece o voso portal en internet?

O sitio www.economiasolidaria.org é un portal temático de economía solidaria que ofrece actualidade, documentos e vídeos, dispón dun boletín mensual, reflicte a actualidade do movemento e experiencias de boas prácticas. É unha páxina interactiva con blogs e posibilidade de pór temas en común. Hai 80 editores que actualizan contidos. Recibe ao redor de 3.000 visitas diarias

A economía solidaria parece viable na proximidade e o tamaño do local e o pequeno. Pode vivirse a maior escala?

A economía solidaria non é unha idea, é unha realidade práctica que mostra que é posible vivir doutra maneira e ir liberando espazos que escapan ao sistema e construíndo alternativas. En América Latina é unha forma de vida prometedora recollida como modelo nas Constitucións de Bolivia, Brasil e Ecuador. Na zona francófona canadense de Québec a economía solidaria ten creado 125.000 empregos. Brasil conta cun ministerio dedicado á economía solidaria e François Hollande revitalizou en Francia un Ministerio delegado de Economía Social e Solidaria. En Francia hai unha rede de 40 municipios que acomodaron a súa actividade a principios de economía solidaria e existe o MES, movemento de economía solidaria, que agrupa a persoas que queren vivir de acordo a este modelo alternativo

Como estás a vivir ti a gran crise mundial?

A crise non é algo novo. Ten moitas dimensións. Unha das máis graves é a alimentaria que condena a morrer de fame cada día a 50.000 persoas. Pero hai unha crise cultural, de civilización. Eu vivo a crise como unha oportunidade para o cambio. Son optimista, pero non poño esperanzas en cousas que non dependen de min ou non están ao meu alcance. Fronte a unha concentración tan grande do poder, hai que practicar a denuncia e a resistencia. Ir liberando espazos de autonomía e participación, consumir responsablemente e fortalecer cos nosos pequenos recursos a banca ética.

Que significa hoxe ser responsable?

Non só denunciar e protestar. Cambiar o noso estilo de vida. Coñecer, recoñecer e corrixir o impacto ecolóxico que a nosa actividade está a ter. Traballar xunto a outros en proxectos transformadores. E coidar das persoas, ás veces moi próximas, que están ao noso ao redor.

Fonte:  HOAC

Deixar un comentario