A partir do verán de 2013 a banca ética FIARE empezará a operar en España prestando servizos financeiros aos cidadáns

Beatriz Oliver, da Banca Ética FIARE é entrevistada por Paco Cáceres. Ela responde a preguntas como estas: pode haber outro modelo de banca? Pode existir unha banca que axude a desenvolver proxectos sociais e ambientais? que traballe por reducir a pobreza? Pode haber unha banca que non nos engane e estea ao servizo dos cidadáns? Beatriz pensa que si, que a banca ética traballa polas persoas e o ben común, e adiántanos que FIARE empezará a operar en España a partir do verán de 2013.

“Os bancos viven do noso sufrimento”, rezaba un titular do País (11-11-12). E como viven eles! Soldos e retiros millonarios para directivos, conivencias con gobernos autónomos (exemplo claro é Valencia) para repartirse o botín, axudados polo estado sempre para que non se afundan? E como sufrimos nós! Préstamos con cláusulas abusivas, afunden o noso país (recortes, baixadas de salarios, perda de dereitos, paro…) porque disparan a prima de risco co diñeiro que reciben a baixo interese de todos nós a través do estado. E, máis violencia; os desafiuzamentos (cando os catalogarán como tortura…) que non miran idade (anciáns ou nenos) nin situacións persoais. Son entidades contra o ser humano.

Pero, Pode haber outro modelo de banca? Pode existir unha banca que axude a desenvolver proxectos sociais e ambientais, que traballe por reducir a pobreza? Pode haber unha banca que non nos engane e estea ao servizo dos cidadáns? Podemos ter unha banca que non invista en especulación urbanística ou armas e si en proxectos sociais e a favor do medio ambiente? Pode haber unha banca participativa? E xunto a todo isto; podemos ter o noso diñeiro nunha banca que traballe por outro modelo de sociedade? E que preste os mesmos servizos que os bancos que coñecemos?

JPG - 86.7 KB

Entrevista a Beatriz Oliver, membro do Grupo Local Fiare-Granada, ademais leva adiante a secretaría técnica da Asociación Fiare-Sur.

- Beatriz; moitos cidadáns temos un serio problema; o noso diñeiro (pouco ou non tan pouco) está en bancos que nos enganan, sen ética, que torturan a cidadáns con desafiuzamentos, que invisten en proxectos contra as persoas e o planeta… Temos saída ante iso? Hai outro tipo de banca?

- Por suposto que existe outra banca; a banca ética e concretamente o Proxecto Fiare, nace da decisión que, tanto cidadáns como organizacións, tomamos de rescatar o “poder” que ten o noso diñeiro para construír unhas sociedades ou outras. Fiare, nace dos propios cidadáns, das organizacións sociais, ambientais, cooperativas… A formulación é sinxela: hai sectores como son a economía alternativa, a loita contra a pobreza, empresas de inserción social, cooperación co Sur, cooperativas e as entidades que traballan en agroecoloxía e no ambiental que demandan a existencia dunha actividade financeira que lles preste servizos, que estea aliñada en conseguir e afianzar os seus obxectivos, que favoreza o seu traballo e desenvolvemento. Por tanto hai unha realidade social e ambiental que necesita financiamento. Pero é que ao mesmo tempo hai unha cidadanía que non está contenta con ter os seus aforros, o seu movemento de diñeiro nos bancos ou caixas, e máis coa bancarización destas. Estes cidadáns queren que o seu diñeiro sirva para desenvolver sociedades máis xustas e non a especulación urbanística, as armas, as inxustizas ou destrución do medio ambiente. Hai pois unha confluencia entre cidadáns e sectores sociais á hora de demandar unha banca diferente con garantía e responsabilidade ética. En resumidas contas, a banca ética é unha necesidade que demandan cidadanía e sectores sociais, solidarios e ambientais, porque queren un banco no que as persoas e o ben común sexan o centro da actividade financeira.

- O diñeiro ao servizo dunha sociedade xusta e sustentable?

- Así é, por iso nace a banca ética; é necesario ter unha ferramenta financeira ao servizo das inquietudes dunhas entidades que traballan en favor da xustiza e do ben común e, por outra banda unhas persoas, comprometidas, queren pór o seu diñeiro ao servizo de colectivos e empresas que traballan por unha nova sociedade. Pero ollo, hai algo máis, e sen o cal Fiare tería un horizonte curto, moi curto; Fiare, non quere facer “boísmo”: o banco bo ao servizo dos demais. Non, vai máis aló, quere que a través da agregación e a participación de persoas e entidades, construíndo desde abaixo, coa implicación real dos socios nos grupos de traballo locais e territoriais, e a súa construción en rede con outras redes, para a transformación social e ser ademais unha alternativa elexible no ámbito financeiro.

Ao fío disto Beatriz e eu falamos de que esta banca engarzaría perfectamente cos movementos que queren impulsar o local, o desenvolvemento endóxeno, a agricultura de proximidade, a reciclaxe local, as tendas alternativas de proximidade… Sen ningunha dúbida a banca ética serviría para impulsar moitos proxectos económicos e sociais cidadáns.

PNG - 509.2 KB
Un eixo fundamental de FIARE é a participación activa das persoas socias

- E onde está ese banco para levar todos o noso diñeiro?

- En Italia, Banca Popolare Etica (BpE) é unha realidade desde hai 18 anos; un banco ético con estrutura cooperativa que, á parte de prestar servizos financeiros, traballa en prol da construción social e de articular respostas que xeren sociedades máis xustas. BpE ten 37.967 socios, dos que 3.744 son entidades (asociacións, ONG, cooperativas, mesmo Concellos…), ten 753 millóns de euros de aforros e 546 millóns concedidos en créditos. É pois unha realidade moi consolidada e arraigada en moitos cidadáns e distintas entidades.

- E en España non hai unha BpE?

- Estamos a traballar a todos os niveis (implicación dos socios, constitución de grupos de traballo locais, comité de ética, comisións de avaliación de proxectos e desenvolvemento técnico) para que no ano 2013, BpE-Fiare, que será unha Cooperativa Europea de Banca Ética (un banco) estea instalada en España e proporcione, progresivamente, todos os servizos financeiros que demanda a cidadanía (banca por internet, tarxetas de crédito, domiciliación de recibos…). De momento, Fiare está a desenvolver a Campaña de Capital Social, ser socio da cooperativa con voz e voto. FIARE, hoxe que ten 3.000 socios e 3,7 millóns de euros de capital social. En Andalucía-Estremadura somos 420 socios e en Granada hai 176 socios, entre eles están o Fondo de Solidariedade, Cáritas, Granada Acolle, AKIBA, coordinadora de ONG, algunhas entidades relixiosas, etc. FIARE é socia da Rede de Economía Alternativa e Solidaria (REAS) que desenvolve respostas económicas onde a persoa é o centro da súa actividade.

JPG - 37.8 KB
A Banca Popolare Ética (BpE) con dezaoito anos de existencia demostra que unha banca ética é posible

- Como se realizará esa confluencia das bases sociais de BpE e Fiare?

- Unindo o capital social e as bases operativas de FIARE coas de BpE. Con ese paso que demos, aprobouse na Asemblea Estatal de Socios Fiare, en abril de 2012, que Fiare se integrara en BpE, no que sería a súa V área xeográfica (as outras catro están en Italia). Unha vez aprobado polo Banco Central Italiano, BpE comunicará ao Banco de España que abre en España e así operará no noso país. Cando se dean todos eses pasos, cando todo estea en regra, xa poderemos operar sen ningún problema en España.

-Cando se espera que todo estea en regra e esta banca ética opere en España?

- A partir do verán de 2013 xa poderemos empezar a prestar, aos poucos, servizos financeiros como en Italia.

- E prestará os mesmos servizos financeiros que os demais bancos?

- De momento terá tres oficinas en Madrid, Barcelona e Bilbao, pero poderá operar en todo o territorio español por internet e a través dunha rede de caixeiros. Tamén existirá a figura do banqueiro ambulante, que consiste en que uns determinados días estará nun territorio concreto para atender as xestións que sexan necesarias. En canto ao cidadán poderá ter contas correntes, tarxetas, domiciliacións de nómina, de pagos habituais, concesión de créditos a proxectos cun interese social, etc.

- Como se chamará en España esa banca?

- En España chamarase FIARE. Hoxe a marca Fiare é recoñecida en todo o estado, é lugar de referencia

JPG - 204.7 KB
Os bancos invisten nuns sectores, a banca ética noutros

Beatriz faime soñar. Imaxínome unha Granada cos seus colectivos, empresas cooperativas, solidarias, de comercio xusto, de agricultura ecolóxica e tanta outra xente que ten o seu diñeiro nun lugar ético, que presta a quen o necesita e ofrece servizos financeiros. A partir de aí poderemos dicir: acabouse, co meu diñeiro non se fan máis desafiuzamentos, non se fan máis negocios inmobiliarios, non se fan reformas laborais. O noso diñeiro ao servizo das persoas e do ben común. Gústame. Unha banca con diñeiro ético, eticamente investido. Imaxínome esa rede, esa ferramenta ao servizo dos de abaixo, do social, do ambiental, do cooperativo?

- Ao depender da banca ética italiana, pérdese independencia?

- Isto non é unha multinacional que engole a unha pequena empresa. É totalmente diferente. O proxecto italiano e o que construímos en España ten os mesmos obxectivos: os nosos intereses son as persoas e o ben común. É desde a participación dos socios e a súa implicación como buscamos responder para que esta sociedade tome e fortaleza camiños a favor da sustentabilidade, a xustiza, a responsabilidade… Somos o mesmo, aquí e alá, porque coincidimos no que queremos. BpE.-Fiare, só invisten economía real, que xera riqueza e mellora as condicións de vida das persoas. Ningunha persoa ou grupo que participa na toma de decisións de Fiare pódese beneficiar dos excedentes económicos que puidese xerar a actividade de intermediación financeira. Aquí non hai negocio no sentido capitalista. Trabállase ao servizo de entidades sociais, solidarias, ambientais… e os cidadáns españois que teñan o seu diñeiro na banca ética española teñen un dobre interese: o que reciben polo seu aforro e o interese social que xera o seu diñeiro a través do crédito que se presta; verán que se beneficia o tecido social español, os colectivos ou empresas que traballan por outro modelo. Por dicilo doutra maneira, é devolver a través do crédito aquilo que tamén nós recibimos.

JPG - 125.3 KB
O noso diñeiro para desafiuzamentos ou para combater a pobreza?

- Bo, Beatriz, a mediados do ano que vén poderase facer realidade o que di Sergio Morelli, vicepresidente de BpE “En economía e finanzas está moi ben falar de ética, pero non basta, hai que facer ética”, non?

- Efectivamente, pero non temos que esperar ao 2013, xa podemos participar e ir implicarnos (nós e o noso diñeiro). É recoñecer que as nosas pautas económicas e de consumo son un lugar de participación e de construción dunhas sociedades e non outras, e recuperar a nosa militancia “responsabilidade” cidadá en temas de consumo, especialmente do consumo de produtos financeiros. Ademais, esta banca só ten sentido se é construída desde a participación. Para que nos fagamos idea da importancia que ten o que os socios sexan activos, BpE gasta diñeiro en dinamizar aos socios, e é por iso, porque non se entende unha banca cuns directivos, por moi bos que sexan, sen que os socios tomen parte real no proxecto para difundir o que é a banca ética e para xerar outra cultura económica, outros valores. E esa participación tense que xestar a través do territorio, do local. Precisamente, en Granada teremos unha reunión de socios para abordar todo este proceso neste mes, despois en decembro reunirémonos a nivel andaluz en Córdoba e este proceso culminará cunha asemblea estatal a celebrar en Madrid alá por marzo. Aquí decidimos todas as persoas.

Despois do escoitado temos que tomar unha decisión moi importante; onde meter o noso diñeiro? comparo o que expuxo Beatriz coa banca que coñecemos todos, a dos desafiuzamentos, a da especulación urbanística, a que non presta aínda que a ela se lle prestamos nós e o estado, a dos directivos codiciosos? Comparo e toma máis sentido apostar por este tipo de banca. Pensar que o meu diñeiro está nun banco cheo de cobiza e do desafiuzamento dos pobres faime sentir cómplice. Co noso diñeiro, aínda que sexa pouco, podemos cambiar o mundo.

PNG - 170.5 KB
PENSANDO

Non esperes ao 2013! Faite socio XA! Colabora! E anota a data: a partir do verán de 2013, a actividade financeira despregarase en España! Fai tanta falta!

Para máis información:

Web: http://www.proyectofiare.com – E-mail: sur@proyectofiare.com – Tfno. 957 488 173 – 674 100 817

Para contactar en Granada

Fondo de Solidaridad Paz y Esperanza Web: http://www.fondodesolidaridad.org – E-mail: info@fondodesolidaridad.org

Reportaxe Paco Cáceres

Fonte: Otra Granada.

Para contactar en Galiza:

  • fiaregz@proyectofiare.com
  • En Vigo:

– podes escribir a: grupovigo@fiaregz.com
– Os luns de 17:00 a 19:00 horas na Parroquia do Cristo da Victoria (Rúa Baiona nº 9 b, 36209 Vigo).
– O outro punto informativo polo momento estará pechado: Os luns e mércores de 18:30 a 20:00 horas no local da Fundación Proclade (Rúa Honduras nº 5 baixo, 36204 Vigo).

  • En Santiago de Compostela: no local de Panxea (Rúa da Rosa nº 36 baixo, 15701 Santiago de Compostela) todos os martes de 17:00 a 20:00 horas.
  • Tamén estamos presentes en Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra.
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: