En 2013 implantarase a primeira banca ética cooperativa internacional

Luns, 30/04/12, Madrid.

Máis de 300 persoas de todo o estado español referendaron esta fin de semana en Rivas Vaciamadrid a decisión de integrar en 2013 as bases sociais e operativas de Fiare con Banca Popolare Etica (BpE).

“Momento histórico” foi a expresión que máis se repetiu nesta asemblea xa que se vai facer realidade unha aspiración demandada pola sociedade civil e que viñan impulsando moitas entidades desde hai anos.

Na asemblea expúxose o diagnóstico e a viabilidade positiva á integración entre BpE e Fiare, así como o proceso necesario que vai culminar en 2013 coa implantación dunha banca ética cooperativa común entre Italia e o estado español, unindo capital social e bases sociais e respectando a singularidade organizativa do seu movemento social. Os datos a 31 de marzo de 2012 eran 36.898 socios e 37,6 millóns de euros de capital social en BpE por 2.879 socios e 3,2 millóns de euros de capital social en Fiare.

Este paso vai supor para Fiare deixar de ser axente de BpE con lexislación e produtos italianos, a implantar a quinta área de BpE con tres oficinas operativas conforme á lexislación española (Bilbao, Barcelona e Madrid) e poder operar en todo o territorio a través da figura do banqueiro ambulante e a banca por internet, ofrecendo produtos habituais como cartóns, contas correntes, tarxetas, domiciliacións, concesión de créditos máis áxiles, etc.

“En economía e finanzas está moi ben falar de ética, pero non basta, hai que facer ética”. Estas palabras de Sergio Morelli (Vicepresidente de BpE) introducían a asemblea criticando a incoherencia do sistema financeiro, asemblea na que participou tamén de BpE Ugo Biggeri (Presidente), Pascual Spani (Vicedirector), e Sabina Siniscalchi e Anna Fasano (ambas as dúas representantes do Fórum de Área).

O 19 de maio celebrarase tamén a Asemblea de BpE en Roma, na que se modificarán os estatutos para facer posible o carácter internacional da entidade e permitir a integración con Fiare.

A asemblea en Rivas permitiu tamén momentos de traballo por grupos onde todas as persoas socias puideron compartir, debater, e avanzar nos temas estratéxicos da entidade como son: a avaliación ético social, os grupos locais, o financiamento dos proxectos, e o modelo de gobernanza e participación interna, modelo que non está pechado e que se traballará nas redes territoriais e sectoriais os próximos meses.

No encontro tamén se puido asistir a un concerto do cantautor Luís Pastor, a un mercado agroecolóxico, e á conferencia de Carlos Taibo co título “Alternativas económicas desde a acción colectiva”.

Esta asemblea vai supor un impulso moi importante para a agregación de moitas máis persoas e entidades a este proxecto cooperativo de banca ética, por iso, e para reforzalo, lanzouse unha nova campaña “Pasa á acción: Asóciache” que persegue que a cidadanía se apropie dun modelo de banca ética cooperativa como alternativa a este mercado financeiro e ao servizo dunha economía máis social e solidaria.

Máis información: Red territorial de Fiare

Twitter: #ProyectoFiare   #AsambleaFiare

Facebook: https://www.facebook.com/ProyectoFiare  /  https://www.facebook.com/Fiare-Galiza

Unha resposta

  1. […] En 2013 implantarase a primeira banca ética cooperativa internacional fiaregz.wordpress.com/2012/05/03/en-2013-implantarase-a-prim…  por Socram hai 2 segundos […]

Deixar un comentario