Fiare Banca Etica, outra forma de ser, outra forma de facer.

Publicado por

Peru Sasia, como el mesmo recoñece, é un indignado adiantado ao seu tempo e ese é o espírito da peculiar cooperativa que preside desde que empezou a soñala en 2000 e abriu as súas portas tres anos despois da man de universidades, redes de economía solidaria, ONG e o apoio de Cáritas. A súa Fundación de Investimento e Aforro Responsable, mellor coñecida como FIARE, obtivo o 16 de xullo de 2014 a última autorización que necesitaba para operar como entidade financeira en España da man da Banca Popolare Etica, con quen se fusionaron dous anos antes para absorber rapidamente a súa longa experiencia competindo de ti a ti con bancos convencionais en Italia e gañar peso até alcanzar as cincuenta mil colaboradoras. As persoas socias de FIARE teñen investido desde que se puxeron en marcha ata que inauguren no outono a súa primeira sucursal a pé de rúa en Bilbao, que é onde naceron, ao redor de catro millóns de euros… «E iso sen contar co que nos custou o traballo voluntario que non tivemos que pagar ou o aluguer dos espazos que nos cederon gratuitamente», advirte Sasia para remachar, a continuación, que todo o fixemos sen débedas, sen deber nada a ninguén».

O primeiro gran alicerce dos principios desta empresa, segundo o seu presidente, é «responder ao dereito ao crédito que teñen iniciativas como o pequeno cooperativismo, o comercio xusto, a cooperación ao desenvolvemento, a agricultura ecolóxica, a loita contra a exclusión ou a formación en determinados valores». Un dos muros que moitas propostas serias e viables deste tipo non poden sortear pasa polo acceso a financiamento, que é costosísimo, e o pouco interese que espertan nuns bancos que están deseñados para mirar os seus beneficios coa calculadora na man e non mediante o dificilísimo e escurridizo Excel do impacto social.

Fiare-serO segundo gran alicerce consiste no que Peru Sasia chama «construír cidadanía», é dicir, en «xerar unha rede de seguridade de organizacións comprometidas co proxecto, que, por exemplo, en 2014 chegaron a cincocentas en todo o Estado español». Desta forma, a entidade financeira xa non é simplemente unha empresa, senón unha enorme comunidade con ducias de tentáculos esparexidos xeograficamente. A súa función tamén lembra, en parte, a aquelas pequenas sucursais bancarias dos pobos que, máis aló de prestar ou captar diñeiro, axudaban a vertebrar a vida en común de Paco o panadeiro, Patricia, a dona do bar coas mellores croquetas de queixo, ou Juan, o señorito que paseaba o seu novo tractor polos trigais coma se fose un Rolls-Royce.

O terceiro gran alicerce está directamente relacionado con «recoller a indignación dunhas persoas que necesitan saber e decidir que se fai co seu diñeiro en todo momento», algo que comparten desde hai anos os liberais, que reclaman que todas as entidades informen, pidan permiso e paguen aos titulares dos depósitos utilizados para financiar as súas operacións de crédito. O presidente de FIARE proponse conseguilo establecendo «unha canle continua de comunicación e consulta cos nosos clientes», que crecen como cidadáns ao asumir a responsabilidade sobre como se utilizan os seus aforros e sobre os riscos que comportan as súas decisións. É certo que non lles ofrecerán calquera proxecto de investimento, senón «só aqueles que superen o dobre corte dunha comisión específica e independente que avalíe o impacto social e dunha comisión de viabilidade económico-financeira tan rigorosa ou máis que a do resto das entidades». Non queren contribuír a empedrar o inferno con outra ración de boas intencións.

No é país para opacos

Dese perigo tamén foxen os cataláns de Coop57, unha cooperativa de crédito que entre 2008 e 2013 concedeu trinta e cinco millóns de euros en préstamos. «Todos se concederon despois dun estudo técnico absolutamente financeiro, coa maior transparencia, especialmente de cara aos nosos socios, e por suposto cunha avaliación de impacto social», advirte o seu responsable de comunicación Xavier Teis.

Coop57 naceu en 1995 para axudar a algúns dos traballadores da editorial Bruguera, o selo de Zipi y Zape e Mortadelo y Filemón, a tentar colectivizar unha empresa que se derrubou despois de moitos tombos en 1986 e a financiar a transición do emprego de toda a vida a un mercado laboral en xaxún de certidumbres. Bruguera era unha vella peme familiar, fundada por Juan Bruguera Teixidó en 1910 con outro nome, El Gato Negro, e unha estrutura tipicamente piramidal. Os xestores nos que delegou a terceira xeración da familia non foron capaces de lidar coa crise económica de principios do oitenta, pasaron do piramidal ao faraónico sacando ao mercado moitos máis títulos dos que podían vender para obter grandes beneficios e, finalmente, contraeron unha débeda que terminou arrasando o mesmo proxecto que publicou Crónica de una muerte anunciada por primeira vez en España tan só cinco anos antes de anunciar a súa propia morte. Esa experiencia, trufada de ironía e traxedia, condicionou uns principios fundacionais de Coop57 que, segundo Xavier Teis, pasan por «apostar por unha economía baseada nas persoas, por ser unha empresa organizada democraticamente, por dar prioridade á inserción laboral e por producir con vistas a satisfacer as necesidades humanas e non a maximizar o beneficio».

En 2014 bateron a súa marca ao alcanzar o número de seiscentas entidades financiadas, unhas entidades de servizos que teñen que ser sempre membros da cooperativa, e a cifra de tres mil socios colaboradores, que depositan voluntariamente os seus aforros a cambio de participar nas decisións estratéxicas da empresa e de obter uns intereses que se establecen anualmente en asemblea. Dun modo parecido a FIARE, surfearon con mestría o tsunami da indignación que cristalizou en 2011 até o punto de que as achegas dos socios colaboradores, que poden perderse totalmente se quen recibe o crédito non devolve o diñeiro, pasaron de sete millóns e medio de euros en 2010 a máis de vinte millóns de euros só tres anos despois. Mesmo moitos dos indignados que non abrían os seus propios negocios para mellorar o capitalismo ou substituílo por outro sistema apostaban por apoiar plataformas que si parecían cumprir con aquela misión.

Urquinaona non é Manhattan 

FIARE e Coop57 non loitan polas súas ideas e negocios en solitario, senón que pertencen a organizacións como a Rede de Economía Solidaria de Cataluña, mellor coñecida como «a XES» polas siglas do seu nome en catalán. Alí comparten conviccións e ás veces tamén espazo, como ocorre co edificio de tres plantas, diáfano e sen columnas que alugaron na barcelonesa rúa Casp (Coop57 non se atopa fisicamente alí), a poucos metros da praza de Urquinaona. É unha estrutura onde cada cooperativa ten o seu espazo marcado por un tarxetón que colga do teito e que reserva a azotea para albergar a cociña e unha pequena terraza descuberta con placas solares, macetas de horto ecolóxico e unha ampla mesa rústica de madeira. Alí, nesa terraza, é onde Xavier Palos, coordinador da XES, quere explicarme «a que nos dedicamos, quen somos e por que moitas veces os nosos fillos pequenos non son capaces de entender o que facemos». É verdade que cando os heroes de películas ou cómics, que os ananos da casa adoitan devorar, tentan salvar o mundo non adoitan sacar, a continuación, o prego de constitución dunha cooperativa. Nin sequera o fan as enfermeiras e enfermeiros, médicos, bombeiros, avogados xusticeiros ou policías que todos quixemos ser cando descubrimos que había que conformarse con axudar aos demais sen ter superpoderes.

Pero con superpoderes ou sen eles, o certo é que a XES logrou tecer unha sorprendente constelación de servizos cooperativos a partir unhas pequenas unidades que non deixaron que nin a súa misión nin a súa autonomía se dilúan. Xavier Palos distingue dous momentos craves na historia recente desta rede de redes: O primeiro foi «a súa fundación en 2001 grazas ao enorme empuxe do primeiro Foro Social Mundial de Porto Alegre [a plataforma que utilizan centos de ONG e movementos sociais para reunirse e facer de contracume ao Foro Económico Mundial de Davos, onde participan directivos de multinacionais e intelectuais liberais], que nos ensinou a ver que existía outra globalización posible e que non estabamos nin moito menos sós». O segundo, lembra, «foi probablemente o estalido do 15M, porque multiplicou por dez as nosas actividades de difusión, aprendemos a soñar ao grande e empezamos a atrevernos con novos proxectos». En setembro de 2011, trece membros da XES decidiron integrarse máis e crear un enorme grupo cooperativo (ECOS) con miles de socios. En 2012, a XES inaugurou a Fira d’Economia Solidària de Catalunya e, lembra Palos, viñeron doce mil persoas á primeira e vinte mil á segunda un ano despois. «A feira serve para demostrar que somos a alternativa a este capitalismo». Ducias de firmas fixeron cola nas últimas dúas edicións e para a terceira, a finais de outubro, xa superaron cento setenta empresas inscritas.

Comparten piso na rúa Casp desde o Observatorio DESC, dedicado á análise do mercado da vivenda e lugar de nacemento da Plataforma de Afectados pola Hipoteca, que liderou desde alí mesmo Ada Colau durante os últimos anos, até NUSOS, orientada á difusión cultural e xestora de subcontratas de entidades como o Museo de Ciencias Naturais de Barcelona, ou consultoras como Hobest, Calidoscoop ou Labcoop, focalizadas en transformar aos membros da ONG nuns emprendedores sociais que non dependan tanto das axudas e subvencións públicas. Por suposto, os máis de cen membros da Rede de Economía Solidaria non entrarían aínda que quixesen no edificio e acaban de alugar outro de setecentos metros cadrados.

Renovar as renovables

Entre ese centenar longo destacan Som Energia e Arçcoop. A primeira é unha plataforma que compra no mercado só a electricidade que proveña de fontes cento por cento renovables e proporciónalla aos seus socios a través da rede das compañías tradicionais. Recoñecen investir, ás veces en solitario e outras con colaboradores como AE3000, máis de dous millóns de euros en desenvolver cinco pequenos hortos solares, que producen o que consumirían case duascentas cincuenta familias segundo os seus cálculos, e en construír unha considerable planta de biogás de cincocentos quilowatts en Lérida. No sitio web desta empresa con máis de quince mil socios lense claramente as súas intencións: «Non debemos esperar a que os gobernos o fagan por nós, podémolo facer nós se nolo propomos». É un dos puntos nos que estes progresistas e moitos liberais, cegados até hoxe polas súas diferenzas noutros moitos asuntos, poderían compartir paixón, intereses e axenda.

«Fomos críticos coas renovables nos últimos anos non porque non nos gusten, a moitos de nós encantaríanos que as enerxías limpas triunfasen, senón porque o Estado nin debe asumir o papel do capital risco pondo o diñeiro de todos nelas, nin debeu facelo con taxas ás eléctricas que se demostraron un fracaso», advirte Juan Ramón Rallo, director do Instituto Juan de Mariana, que é o principal think tank liberal español e non acepta ningún tipo de subvención pública para financiarse.

Arçcoop tamén dedica parte da súa actividade ás enerxías verdes, pero desde o ángulo do sector financeiro. Ofrecen esencialmente asesoramento e xestión na compra de seguros para protexer uns proxectos e instalacións que necesitan como a auga cubrir e limitar os riscos. «Posúen unha rama de correduría de seguros, onde conseguiron converterse nos líderes europeos no segmento dos produtos éticos, e teñen tamén unha cooperativa de consumo responsable», matiza Xavier Palos, coordinador da Rede de Economía Solidaria de Cataluña.

Fóra do mundo cooperativo, dentro do sector financeiro e con máis ganas de mellorar o capitalismo que de substituílo atópanse as dúas maiores plataformas de crowdfunding de fala hispana. Verkami naceu en 2010 e Goteo en 2011 coa idea de canalizar millóns de euros saídos directamente das doazóns dos seus usuarios cara a creacións artísticas con dificultades para atopar mecenas. O momento da súa concepción non foi un accidente: seguían o ronsel do éxito da maior firma mundial do sector, Kickstarter, que abriu as súas portas en Estados Unidos en 2009 baseándose nun modelo tan sinxelo como cobrar unha porcentaxe por cada campaña exitosa; ademais, as axudas á cultura, que escalaran a toda velocidade entre 2000 e 2007, descenderon gradualmente desde 2008 e, a partir de 2011, esborralláronse como un arcón de madeira de dez toneladas que se parte en pedazos, rocha a rocha, mentres se precipita por un cantil. As ilusións de ducias de mozos músicos, deseñadores de videoxogos ou produtores audiovisuais, descoñecidos na súa maioría, parecían mudarse ao bulevar dos soños rotos.

Seguir lendo o artigo.

Fonte: www.jotdown.es

Deixar un comentario